Na derradeira semana de Marzo 50 alumnos e alumnas de Bacharelato, acompañados de catro profesores do centro (Carlos Ferreiro, Federico Méndez, Monse Ulloa e Mª del Carmen Varela) desfrutamos de catro días de visita cultural a Barcelona. Estivemos aloxados no albergue Pere Tarrés na zona da Diagonal, despois dunha longa e cansada viaxe. O primeiro día visitamos a área de Montjüic onde nos guiaron a través da historia da arte no Museo Nacional de Arte de Catalunya. Esa tarde rematamos cun paseo e unha boa e merecida cea.
O mércores, logo da noite “toledana” que tivemos grazas ao grupo almeriense coñecimos o Museo da Ciencia de Cosmocaixa, na falda do Tibidabo onde faláronnos da historia da materia e percorrimos un muro xeolóxico. Pola tarde uns visitaron as Ramblas, Catedral, Sagrada Familia e Barrio Gótico e outros tivemos a sorte de gozar dunha vitoria do Barça fronte o Osasuna no Camp Nou. O día seguinte, os asistentes ao estadio foron sorprendidos gratamente cun xantar en Como en Casa de Fermín, templo gastronómico culé que quedou inmortalizado nunha fotografía co presidente Joan Laporta; moitos lembrarán sempre certas conversacións futbolísticas na sobremesa.
Moitos alumnos e alumnas acudiron tamén a toda unha semana de teatro, no que coñeceron a experiencia do café-teatro pouco habitual en Galiza. Algunhas alumnas e profesores acompañantes lembrarano tamén pola fauna urbana do Barrio do Rabal.
A mañá do xoves destacou por unha longa camiñata no entorno do Parque Güell onde Federico nos explicou as orixes deste proxecto de Gaudí, alí fixemos a foto xeral de grupo como recordo da excursión.
Na última noite houbo certa relaxación horaria tras a dura negociación de Pedro con Carlos. Era preciso aproveitar os lazos de unión entre Viana e Almería.
Na mañá do venres logo dun pequeno enfado nos diriximos a Port Aventura e gastamos os derradeiros folgos nunha xornada de lecer no parque caracterizada polo bo tempo que nos permitiu desfrutar das atraccións acuáticas e das colas para algunha delas.
A viaxe tocaba ao seu fin pero restaba outra longa viaxe por estradas aragonesas, sorianas, etc., que se nos pasaron entre doces soños.
Ás 8 da mañá do sábado chegamos a Viana para durmir horas e horas aínda que sorprendentemente moitos recuperaron a forma na noite do sábado para contar nos pubs as anécdotas da viaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario