venres, 15 de abril de 2011

Visita á Academia Galega de Seguridade Pública (AGSP)

Fotografía: NATUTECNIA S.L. (ver máis imaxes)
Luis Fernández, A Estrada. Dentro das diferentes accións do Departamento de Orientación do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, encamiñadas a amosar diferentes saídas laborais ao alumnado, tres alumnos de 2º de Bacharelato (Carlos, Iván e Emilio), acompañados por un profesor do centro, visitaron onte as instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (AGSP), na localidade pontevedresa da Estrada. 

Temos que agradecer a especial atención da dirección e persoal desta institución da Xunta de Galicia en amosar o que fan nunha xornada normal da academia e  orientar aos tres alumnos sobre o seu futuro, encamiñado nestes momentos a diferentes postos nos corpos e forzas de seguridade do Estado. A visita, que durou catro horas, foi do máximo interese dos tres alumnos que analizaron, xunto con policías, bombeiros e técnicos, diferentes formas de acceso ás diferentes escalas.

Acompañados en todo momento por Mª Carmen, puideron ver prácticas de simulación dos bombeiros, como excarcelacións de vehículos cun ferido, extinción de lumes producidos por de gases, ou o rescate dunha persoa inconsciente suspendida nunha ponte. Tamén participaron en clases prácticas, onde se practicaba cos novos e novas policías como se realiza un control de alcolemia. Ademais, visitaron clases teóricas; hoxe tocaba, por exemplo, unha sobre os aspectos legais do ruxido. Entraron nos laboratorios de pegadas, aula de prácticas sanitarias de emerxencia, pabellón de tiro ou de defensa persoal.

Carlos, Emilio e Iván foron recibidos polo Director Xeral da AGSP, don José Carlos García Bouzas, a Xefa de Estudos e o Titor en horario de mañá. Os tres alumnos e o IES Carlos Casares foron invitados para unha xornada de achegamento ao centro, programada para o próximo mes de outubro, que está organizando a Consellería de Educación e a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia.

O IES Carlos Casares agradece novamente a atención tan especial e agarimosa cara aos nosos alumnos e profesorado e a colaboración da AGSP coa orientación vocacional dos estudantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario