O pasado venres, 15 de xuño, tivo lugar o Acto de Homenaxe a Carlos Casares, co gallo do X Aniversario do seu pasamento. Tivemos a sorte de contar coa presenza destacada de Xavier Casares, irmán de Carlos, Gustavo Garrido, Director da Fundación Carlos Casares, co noso inspector José Luis Vázquez, e coa antiga compañeira e amiga, e unha das responsables do cambio de nome do noso centro, a profesora Maribel Gil.
O acto foi sinxelo e quixo simbolizar unha viaxe no tempo cara 1969, coa chegada de Carlos Casares a Viana, a súa relevancia como profesor, que aportou aires innovadores, e o trato inxusto que sofreu en Viana, con falsas acusacións, envexas e rencores que derivaron na súa expulsión temporal da función docente. Os alumnos Javier Sánchez, Alicia Blanco e Rocío Rodríguez, tiveron un papel primordial, lendo varios textos biográficos e de lembranza da figura de Casares, escritos respectivamente polo autor limiá e por ex-alumnas e ex-alumnos seus de Viana. Neste senso compre salientar a aportación de Juan Antonio Pinza e Pilar López que nos acompañaron no acto e lembraron en público e en privado as vivencias da época como compañeiros de claustro de Carlos. O acto rematou coa interpretación da canción Lela, a cargo do grupo de Flauta do noso centro, dirixido en ausencia de Xurxo por Patricia Ares, a quen temos que agradecerlle a súa colaboración. Grazas a todos pola carga emotiva do acto, con Carlos Casares sempre na memoria...
Link á nova na Fundación Carlos Casares
Ningún comentario:
Publicar un comentario