venres, 26 de outubro de 2012

Ortografía compostelá

Onte 25 de outubro foi un deses días onde algo imprevisto provoca unha situación que che fai medrar como persoa. O tema era un concurso de ortografía, o protagonista principal Héctor Álvarez, e os actores secundarios Rocío e Breixo máis o profesor José María Pérez. O escenario, o IES  do Sar en Santiago de Compostela.
De esquerda a dereita: Jose, Rocío, Héctor e Breixo
Héctor  foi todo un campeón: representou ao centro con dignidade e realizou a proba o mellor que soubo. Díxonos ao saír que lle sorprendeu o formato e que non conseguiu chegar ó grao de realización que esperaba, pero eso a ninguén lle importou. Todos esperamos o resultado coa esperanza dun primeiro ou segundo posto, e aínda que non foi así, logo de saber que puxo na obra o mellor que levaba, quedamos satisfeitos e orgullosos. Xogaba para gañar pero non era o obxectivo principal.
Houbo outra historia paralela, que consistiu noutro concurso. Neste caso a temática era o despiste. Héctor e Rocío amosaron moi pouco talento na faceta, mentres que Breixo demostrou ser unha auténtica figura neste deporte aínda non olímpico: un auténtico diamante en bruto. Todos viron, non obstante, que moito camiño lle queda por percorrer para chegar á mestría de Jose, considerado, con razón, un desastre humano. O caso é que nos atrevimos a mostrarnos máis ós outros. Rimos moito, compartimos opinións e sentímonos máis unidos. Parece que a ortografía tamén pode axudarnos a poñer puntos, comas e acentos cando nos relacionamos cos demais.

1 comentario:

  1. Por desgracia non deron a posición de Héctor despois dos dous primeiros, pero sospeitamos que andaría bastante arriba. Aínda que a caligrafía non é o seu forte, en ortografía ten un arsenal bastante potente. Parabéns a Héctor. Tamén a Leticia, Rocío e Breixo, que quedaron segundos no instituto.

    ResponderEliminar