mércores, 14 de novembro de 2012

Grazas a ti, Luzdivina

“Nunca poderei pagar o que o instituto de Viana fixo pola miña neta”. Non che levaría a contraria nunca e, menos agora, senón o tivera feito moitas veces; na praza, nas rúas de Viana, no instituto e, por última vez;  cando remataba agosto, antes de emprender viaxe a Colombia, na nosa despedida no Hospital de Valdeorras. Querida Luzdivina, o instituto e o seu profesorado, só fixo o que ten a obriga de facer, que é traballar duro por todos e por cada un dos seus alumnos e alumnas. Cando Jennifer recibiu, de mans do Conselleiro de Educación, o Premio Extraordinario de ESO á superación persoal, algún xornal chamouche “Abuela Coraje”. Boa forma de referirse a ti, coa que concordo, que reflicte que os méritos fundamentais serán sempre para ti e a túa neta. Ambas sempre estaredes na memoria máis viva do IES Carlos Casares, como dúas mulleres nas que, esa relación entre a familia e a escola que debe caracterizar un sistema educativo que pense en bos resultados, foi firme, permanente, cooperativa e enmarcada nun contexto de emoción e superación.



Xa vai en varias ocasións, cando escoito que a nosa é unha profesión pouco agradecida, que teño que dicir que NON, mentres se me ven a memoria que, en contra do noso desexo, sobre todo de Carlos e máis eu, subías cos teus 80 anos ata o centro, sempre coa túa neta, e sempre cunha caixa de bombóns para dicir grazas. Isto ocorría dúas ou tres veces no curso, cando xa tiña pasado catro anos desde que a túa neta rematara os estudos. Lembro, agora cunha profunda emoción, os teus ollos co sinal do tempo brilar, mentres  prendías as miñas mans e as de Carlos. Isto sempre me produciu unha sensación de veneración inmerecida cara miña persoa, que era devolta, espero, cunha mirada chea de cariño, de afecto e de respecto, a unha muller que loitou polos seus ate o final.

Sinto moito non ter estado nun dos días máis felices da túa vida, cando Jenni recibiu o premio extraordinario da ESO polo seu esforzo e polo teu; estaba en Bolivia; sinto non estar na túa despedida, por estar en Colombia. Sen embargo, queda en min un exemplo a seguir de fidelidade e, a través túa, un agradecemento das xentes sinxelas de Viana, que superan calquera falta de afecto por xente ben menos importante.
Grazas Luzdivina, ate sempre. Volveremos lembrarte sempre que esteamos con Jenny, a túa neta, pola que diches todo.

Luis Fernández López
CCEE Reyes Católicos
Bogotá (Colombia)

1 comentario:

  1. Moi ben dito, Luis. Ninguén o pode expresar mellor ca ti.

    ResponderEliminar