domingo, 6 de outubro de 2013

Encontro de Centros Solidarios

Ovidio V. | O pasado 4 de outubro, tres rapazas, cinco rapaces e dous profesores, todos membros dos equipos de Mediación Escolar e Voluntariado do IES Carlos Casares, participaron no I Encontro da Rede de Centros Escolares Solidarios. Esta actividade, que tivo lugar en Santiago de Compostela, logrou reunir aos oito centros escolares que o curso pasado participaron no programa Rede de Centros Escolares Solidarios, enmarcado no Plan Proxecta.

O grupo de Viana, á súa chegada a Santiago

Abriu o encontro a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que salientou a importante labor de voluntariado que a xuventude galega está a levar a cabo. A continuación, e ao longo de toda a mañá, proxectáronse as micromovies rodadas en todos os centros, con temáticas como a mediación escolar, o respecto á terceira idade ou o maltrato animal.

Samuel e Lois, presentando ao IES Carlos Casares

Logo de xantar, cada centro compartiu cos demais non soamente os proxectos que leva a cabo cada quen, senón tamén diferentes xogos cooperativos, e mesmo tivo lugar un mercadiño de troco onde quen chegou cun CD ben puido voltar a casa cun libro ou un boneco.

Un grupo de rapaces e rapazas de diferentes centros probando o "lapis solidario"

Parabéns á organización do evento polo matiz integrador desta actividade e, como non, a todas e todos os participantes, que son exemplo a seguir pola nosa a sociedade.

Link en Voluntariado Galego

1 comentario:

  1. Noraboa por ese exemplo. Non hai mellor maneira de sair da escola, que ser quen de intervir na sociedade desde o primeiro momento, xa que dentro da escola se preocuparon disto. Un abrazo ben grande desde Colombia. Luis Fernández López

    ResponderEliminar