martes, 26 de novembro de 2013

Na pel da vítima

Na tarde de onte tivemos a visita dunha persoa que, con toda a xenerosidade da que se pode facer gala, compartiu con nós a súa historia como vítima de violencia de xénero. O alumnado de 4º de ESO, 1º de Bacharelato e Ciclo Formativo asistiu aos tres actos perfectamente marcados por esta testemuña: é moi complicado decatarse de que o control non significa amor, é moi complicado saír dunha situación así por falta de apoios a todos os niveis e, finalmente, sempre hai que pedir axuda, pois sempre hai alguén que te escoite e, ao final, é posible refacer a propia vida.

Esta actividade, que escapa da clase teórica cedendo paso á vivencia, prolongouse durante case dúas horas, nas que se formularon numerosas preguntas que a nosa persoa convidada respostou de forma clara, directa e amable.

Xa no tramo final, tivemos tamén a oportunidade de coñecer de primeira man como se vive a problemática da violencia de xénero nunha cultura moi diferente da nosa, pero na que, unha vez máis, a muller ten que loitar por ver recoñecidos os seus dereitos.

Esta é, quizá, unha das mellores leccións que se poderán impartir este curso, e o alumnado así o confirmou co seu interese e participación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario