Carlos F. | Neste pasado venres, 10 de xaneiro, ás 11:15 h, tivo lugar no IES Carlos Casares de Viana do Bolo a presentación oficial do libro Ilustres, escrito polo vianés Carlos Xavier Ares Pérez, e prologado por Óscar López Mendaña. A obra traza un percorrido histórico, cultural e social polas tradicións da bisbarra vianesa e detense na biografía dun total de 18 persoeiros destacados da vila, en todas as épocas e en diversas facetas (política, científica, artística, empresarial...). Intégranse exemplos actuais como o Mago Teto, os artistas Piquico, Poldras ou Nieves Fernández, importantes no século XX como a doutora Charo Castells, ou de periodos ben máis lonxanos como sucede con Santiago Morán, pintor de cámara de Felipe III e predecesor nesa honra do propio Diego Velázquez.
Instantánea de Ilustres nun momento do acto |
Estiveron invitados á presentación os homenaxeados e homenaxeadas actuais, representantes das familias de todos eles, os concellos da bisbarra, etc., e contamos coa presenza de Luis Fernández, anterior Director e hoxe Rector do CCEE Reyes Católicos de Bogotá-Colombia. O acto foi presidido pola Xefa Territorial da Consellería de Cultura, Educación e O.U. en Ourense, Mercedes Gallego Esperanza, e polo director do centro, Carlos Ferreiro González, e permitiu un achegamento á obra de Carlos Ares e á vida dos "ilustres" dun xeito máis vivencial.
Durante o mesmo, pintores como Piquico e Poldras, elaboraron un debuxo que deixaron como presente para o centro, o mesmo que fixo Nieves Fernández cunha das súas esculturas. Contamos tamén cun intre de maxia e humor a cargo de Teto. O acto finalizou cunha foto de familia dos "ilustres" vivos e de representantes das familias e amigos dos que pertencen a épocas pasadas e xa non están con nós.
A implicación do IES Carlos Casares foi absoluta dende o primeiro instante, afrontando a edición de "Ilustres" en formato ebook. Nese sentido, é destacable a tarefa do Vicedirector, Ovidio Villar, que levou a cabo a maquetación e a edición dixital da obra de xeito altruísta e cun duro traballo durante as vacacións do Nadal.
Dentro do espírito do noso IES, que se centra na Cooperación para o Desenvolvemento, esta obra entrégase como agasallo para todas aquelas persoas que decidan colaborar, a través dun donativo de 5 euros, co proxecto de irmanamento que dende hai anos une ao IES Carlos Casares coa UE Timoteo Rondales de Bermejo SC, Bolivia. A resposta da vila vianesa só pode ser definida como excepcional, e xa a día de hoxe se acadaron uns 550 euros, que supoñen case dúas becas para estudos superiores durante un ano para os nosos e as nosas estudantes de Bermejo. Moitas grazas a todas e todos e como non a Carlos Ares e Óscar López pola súa xenerosidade.
Galería de imaxes
Galería de imaxes
Ningún comentario:
Publicar un comentario