martes, 30 de setembro de 2014

Voluntariado TIC 2014-15

J. Fouz | Con renovadas ilusións comezan os voluntarios as Abalar TIC o novo curso. Uns con máis experiencia, os de 2 curso; para outros é o primeiro ano no ies Carlos Casares. Son Guillermo, Tomé, Hernán, Cosme, Carlos (titor de apoio TIC dos de 1º de ESO), María, Iago, Rodrigo de 2º de ESO, e Lara, Míriam e Noé de 1º de ESO.

Voluntariato TIC de 1º de ESO

Voluntariado TIC de 2º de ESO

Voluntariado TIC de 3º de ESO

Unha das súas primeiras e moi útiles colaboracións foi o apoio nas probas de competencia dixital realizadas no Centro a todo o alumnado de Secundaria Obrigatoria. Distribución, supervisión e substitución de equipos, resolución de dúbidas ou atrancos coa páxina da aula virtual, ou tests, foron as súas tarefas nestas probas anuais. Colaborarán, tamén este curso, na distribución dos miniportátiles, dado o diferente número alumnado por aula, e a súa rotulación e rexistro, así como en resolver pequenas incidencias TIC de pizarras e portátiles, son, conexións á rede... levando o control das mesmas.

xoves, 18 de setembro de 2014

Apertura do curso escolar 2014-15

O IES Carlos Casares tivo a honra de estar representado, por medio do seu Director, na inauguración oficial do curso escolar 2014-2015, que tivo lugar este martes, 16 de setembro, no CEIP Ben-Cho-Shey, de Pereiro de Aguiar-Ourense, coa presenza das SSMM os Reis.

A Raíña dona Letizia con directores do rural ourensán

No sinxelo acto, o Director do Ben-Cho-Shey, Antón Gómez, fixo unha defensa da importancia da escola pública como garante da equidade e a igualdade de oportunidades, incidindo aínda máis no valor das escolas rurais, como divulgadoras dunha visión amplia e global do mundo. O acto pechouno o rei Felipe VI, que recalcou aspectos como a necesidade dunha educación adaptada á realidade social e da valoración da figura dos docentes como elemento chave na transmisión de valores.

Finalmente o acto pechouse cunha interpretación musical do tema "O son da auga" de Luar na Lubre, a cargo de varios alumnos de primaria de Pereiro de Aguiar e rematou cun pequeno aperitivo no que os monarcas departiron informalmente cos convidados.

luns, 8 de setembro de 2014

Misión cumplida

Paloma Vargas e Juan Manuel Rivero xa recibiron os seus merecidos premios polos traballos fotográficos que presentaron ao X Certame Internacional de Fotografía Matemática, que convoca anualmente o IES Carlos Casares. Luis Fernández, de volta a Bogotá, foi o portador dos diplomas e os agasallos, entregados finalmente polos membros do departamento de Matemáticas do CCEE Reyes Católicos.


Fonte orixinal