luns, 23 de febreiro de 2015

Os Entroidos de Vilariño e Viana viaxan a Compostela

Vén de celebrarse a II Mostra de Entroido no IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela). Nesta actividade, organizada polo ENDL do IES santiagués, DLG do CIFP Compostela (Santiago), ASPANAES Duques de Lugo (Lugo), o CEIP Lamas de Abade (Santiago), o CEIP Ramón Cabanillas (Santiago) e a Escola Infantil Raiolga (Santiago), participamos como convidados o CEIP San Martiño de Vilariño de Conso e o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, presentando os emblemáticos entroidos de ambos concellos.


Logo dunha pequena ponencia inicial, comezou a representación ante preto dun milleiro de rapaces e rapazas: a historia de lardeiros e lardeiras (bonecos feitos con roupa "roubada" e que representan de ironicamente a homes e mulleres), os sons dos folións (toques rítmicos con bombos, aixadas, gadañas...) e o sarcasmo das foliadas (versos "satíricos" referentes a situacións sociais concretas) triunfaron ante un agradecido público, que se desfixo en aplausos ante o improvisado desfile.


Foi un pracer participar nesta interesante iniciativa, que reuniu en Santiago a alumnado, familias e profesorado de dúas comunidades educativas conscientes da importancia de manter esta fermosa tradición que é o Entroido.


Ningún comentario:

Publicar un comentario