sábado, 14 de marzo de 2015

Saída cultural de Bacharelato 2014/15

Crónica gañadora do concurso "O Cronista do Choupín"

Paula Núñez Páez, Noemí Ortiz Domínguez, Nerea Pérez Salgado e Victoria Gago Rodríguez, 2º BAC

Engadimos, un ano máis, unha nova experiencia no noso percorrido por este centro. Tivemos a oportunidade de compartir, convivir e adquirir novos coñecementos da man do noso profesorado e alumnado de primeiro de bacharelato. Viaxamos 419 Km cara ao noso primeiro destino; alá esperábanos Madrid, unha cidade monumental e histórica por excelencia. A nosa primeira parada era o Escorial, aquel edificio de estilo clásico que nos deixou abraiados tan só con ver a súa inmensidade e maxestuosidade. Unha das moitas probas do seu amplo recoñecemento foi que no interior deste mosteiro descansan os restos dos reis e infantes de España, cousa que a ninguén deixa indiferente. Cómpre destacar a súa privilexiada localización no mapa, situándose nun alto, por expreso desexo do rei Felipe II, querendo que os seus restos descansasen nun lugar céntrico. Tras unha visita breve pero intensa, e grazas as explicación do noso director puidemos coñecer este histórico e singular edificio.


O venres 20 despois de tomar un nutritivo almorzo no albergue dirixímonos a nosa primeira parada o Museo Sorolla. Ao entrar nesa marabillosa casa-museo, ideada polo mesmo Sorolla, atopámonos cun impresionante patio de estilo andaluz. A nosa guía levounos por toda a casa explicándonos ámbitos da vida do pintor, familia e amigos e falándonos sobre a súa técnica, a súa paleta e o estilo. Sorolla era un gran retratista. Fíxolle retratos a toda clase de celebridades; o presidente de Estados Unidos, xente da nobreza, famosos... aínda que moitos deles eran da súa muller e os seus fillos, que eran habitualmente a súa fonte de inspiración.



Despois de pasear un pouco por Madrid e saciar o noso apetito (McDonalds) dirixímonos ao Xardín Botánico onde ademais de admirar a diversidade vexetal tivemos que atopar unha serie de datos como: que había unha porta que só se abre en caso de que vaian os reis ao Xardín, ninguén máis pode utilizala, a estatua do fundador do parque... Despois disto propuxémonos atopar a “Pantalones”. Levounos unha hora longa, pero finalmente, e non sen esforzo, conseguimos atopar a árbore, cuxo nome vén dado pola súa curiosa forma de pantalón.


Ao saír do Xardín Botánico encamiñámonos cara o Museo do Prado. Mentres foron a buscar as entradas, observamos a estatua de Goya e a grandísima cola que había para entrar ao museo. Unha vez no interior o noso director guiounos a unha serie de cadros elixidos polo noso profesor de historia, entre eles a exposición temporal de Goya. Uns momentos nos que puidemos disfrutar da arte e de poder interpretar os numerosos cadros que se atopan neste tan famoso museo.

Ao rematar o noso percorrido, e despois de perdernos un pouco, saímos ao exterior, no que o noso profesor de tecnoloxía nos guiou. Levounos por varios lugares e monumentos explicándonos a súa historia e este finalizou na Plaza de Santa Ana.
Tras a cea e o gran cansancio que posuíamos, observamos o ambiente madrileño, tendo a oportunidade de disfrutar desta gran cidade.

Así acabou a nosa aventura por Madrid o venres, pero aínda nos quedaban dous lexendarios días máis.

O sábado chegou o día máis esperado para a maioría, a visita ao Parque de Atraccións. Era a hora do tempo de lecer, os horas que se nos facían cortas, visitando as numerosas atraccións e facendo que a nosa adrenalina se puxese a carón das nubes. Recoñecemos que o medo a certas atraccións nos era capaz de quitárnolo ninguén. Tras disfrutar do día no parque cos compañeiros e cos profesores que nos acompañaban, tocaba dar por finalizado o día, no que o cansancio continuaba a acumularse.


A mañá do día 22, encamiñámonos a Salamanca, o noso próximo destino. Alá esperábanos o noso profesor de Física e Química, Miguel Arranz, que nos guiou por unha das cidades que máis chegou a sorprendernos. Posiblemente dos lugares máis bonitos que nunca visitamos, coas súas vistas, as súas prazas e miles de cousas que poder visitar e disfrutar. Cada lugar que visitamos, máis bonito que o anterior, máis agradable e cada un dos paseos polas rúas ou polas prazas lograba transmitirnos unha sensación agradable e de profunda tranquilidade. Tras todo o vivido durante ese día, a visita ao xardín de Calisto e Melibea e as explicacións do noso guía, esperábanos unha longa viaxe de volta a casa.


Debemos recoñecer que aínda que as saídas sexan culturais, sempre atopamos o momento para compartir xuntos experiencias, no que é para nós, neste caso, o último ano neste centro, no que tras seis anos nos tocará abandonar. Estes momentos son eses que nunca se esquecen, eses nos que o compañeirismo avanza e no que as nosas ganas de repetir aumentan a cada segundo. Damos as grazas a todas aquelas persoas que fixeron posible que esta saída se levase a cabo, e aos profesores que nos acompañaron, neste caso, Carlos, Monse, Uxía, Eduardo e Jose. Un ano máis, outra saída realizada con éxito. Despedimos, como non, esta breve recreación deses grandes días, con unha foto de grupo, na que as caras de felicidade o din todo.


1 comentario:

  1. Nuria Basteiro Álvarez17/03/15, 19:07

    Morriña é o que sente unha ó non atoparse no instituto e poder disfrutar de todo isto que tan felices nos fixo durante 6 anos..

    ResponderEliminar