luns, 21 de decembro de 2015

Encontro en Guadarrama coa AECID

Nos pasados días 16 ao 18 de decembro, nas instalacións da Residencia “Fray Luis de León”, en Guadarrama (Madrid), 12 alumnas e alumnos de 1º da ESO, acompañados polos profesores Uxía Bermúdez, Monse Ulloa, Luis Crende e Carlos Ferreiro, tivemos ocasión de participar na Xornada Rexional Final do Ano Europeo para o Desenvolvemento 2015, que baixo o lema “Nuestro mundo, nuestra dignidad, nuestro futuro”, organizou a Cooperación Española e a AECID. Catro centros españois tivemos a honra de ser seleccionados para esta actividade: o IES Terra de Trasancos, de Narón, o IES Pablo Picasso, de Málaga, o IES Realejos de Tenerife, e, por suposto, o IES Carlos Casares, de Viana do Bolo.


Durante 3 días destacou a convivencia armónica, cargada de enerxía e humor dos 60 alumnos que, pese as diferencias de procedencia e idade, (os nosos eran os benxamíns do grupo, pero non desentonaron en gañas e participación), reflexionaron sobre o futuro do planeta, as problemáticas do desenvolvemento sostible, a inxustiza no reparto dos recursos, etc.




Os días comezaban con dinámicas grupais organizadas por Aitor, Ana e Sergio do colectivo vasco Izadi, que se encargou de coordinar a actividade cos estudantes. O grupo teatral Escena Studio presentou varias obras de teatro sobre sensibilización cara a igualdade de xénero. Por último, Manuel e Laura, da Fundación Tus Ojos, traballaron de novo sobre as curtametraxes proxectadas e rodadas en cada un dos centros polos rapaces.


Merceu especial mención o impacto que produciu a curta “A Ilha das Flores”, de producción brasileira, que retrataba como o ser humano pode verse relegado a un ínfimo lugar no dereito ao alimento e a dignidade, cando o diñeiro e o beneficio se erixen como valor máximo.



O comportamento dos rapaces e rapazas foi excelente, o intercambio entre profesorado, sumamente productivo, e, coma sempre, a acollida de Pilar Debén e Alberto de la Cruz, de AECID e Álvaro Sáiz, do MECD, inmellorable. Moitas grazas por esta oportunidade, e contade con nós, sempre que o desexedes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario