Ducias e ducias de contos. E todos interesantes. Difícil elección. O Departamento de Matemáticas do IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) proclama gañador deste certame de Contos Matemáticos IES Carlos Casares a Pablo Alfonso Sánchez, de 1º ESO, polo seu orixinal e ben elaborado conto "O secuestro do número 4", que podedes ler a continuación. Parabéns, Pablo!
O SECUESTRO DO NUMERO 4
Un día calquera, nun lugar calquera, estaban a discutir os números e as letras, para ver quen era máis importante; non se daban posto de acordo e quedaron así.
As letras, máis rencorosas cós números, planearon secuestrar un número calquera e decidiron que fora o 4. Fíxerono non por un motivo especial, senón por azar, pero pronto se decatarían da importancia da súa decisión.
A cidade volveuse un caos, xa que ó faltar o 4, todo se volveu do revés: as casas caían, xa que como tiñan 4 paredes, non se sostiñan; os coches, autobuses, camións etc., tampouco funcionaban, xa que lles faltaban as 4 rodas. O mesmo pasaba cos campos de deporte, ó faltarlle as 4 esquinas.
O alcalde, desesperado, tratou de averiguar que pasaba, e despois de darlle moitas voltas, deuse conta de que faltaba o número 4, pero non sabía que pasaba. Mentres tanto as letras seguían co seu plan, pensando que nuns días isto cambiaría e ninguén botaría de menos os números, e demostrarían que elas eran máis importantes, pero non foi así.
O caos continuaba, e o alcalde decidiu contratar un detective, para que encontrara o número 4. Este buscou e buscou, pero non daba co seu paradeiro, nin tampouco se imaxinaba que a desaparición era cousa das letras. A base de darlle voltas e mirando como estaba a cidade, con casas sin esquinas, caídas por non ter paredes, pensou: “terá que estar oculto en algún lugar que non teña 4 paredes, senón escaparía”. Comezou a buscar sitios sen 4 esquinas, ata que por fin, nun acantilado, viu unha especie de cova en forma de triángulo. Entrou, e alí estaba o número 4, atado e tumbado de medio lado. Tivo que facer obras na parede para poder sacalo, pero finalmente conseguiuno. Levouno á cidade e todo volveu a normalidade.
As letras disculpáronse cos veciños e recoñeceron que os números eran máis importantes, xa que tamén elas se viran afectadas coa falta do número 4, porque ó caer as casas, as letras dos pisos tamén caeran, ó non andar os coches as letras das marcas e das matrículas tamén se viran perxudicadas, e así foi como finalmente se resolveu a discusión sobre quen era máis importante.
Despois de todo isto, cabe pensar que o 4 é un dos números máis importantes. ¿Non vos parece?
FIN
Ningún comentario:
Publicar un comentario