O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

martes, 4 de maio de 2010

Unha alumna do Carlos Casares gaña o III Certame de Relato Carlos Caneiro

A nosa compañeira de 4º da ESO, Clara Ortega Fernández, resultou gañadora do III Certame de Relato Curto Carlos Caneiro, organizado para centros de Secundaria de toda Galicia polo CPI Laureano Prieto de A Gudiña. Clara resultou elexida polo seu magnífico relato "A pequena bohemia", que vos convidamos a ler, e que xurde a partires dunha lectura persoal de O principiño, de Saint-Exupéry. O Premio foi entregado o pasado luns 3 de maio, na Gudiña, polo propio Carlos Caneiro, e consistiu nun Notebook, nun diploma, un lote de libros, e, por suposto, a publicación inminente do seu relato. Clara leu de xeito excelente, aínda que nerviosa pola emoción, o seu texto ante o público asistente. Desde aquí lle damos os parabéns, e animámola a seguir a súa andaina polo vieiro da literatura. ¡Noraboa, Clara! A continuación, o relato gañador:


A PEQUENA BOHEMIA

Cando tiña cinco anos, cada tarde meu pai líame un conto. Un día, mentres me lía “O principiño”, díxenlle: Papa, ti es ese neno, a que si? 

Meu pai ríase, e dicía que non, que O Principiño estaba no seu asteroide, arrincando baobabs e coidando da súa rosa.
 
Xamais o crin, porque meu pai era capaz de ver as boas con elefantes no bandullo que eu lle debuxaba, e de coidar dos cordeiros que lle regalaba dentro de caixas.

Creo que por iso nos levábamos tan ben, éramos como o aviador e o principiño, a nena que creceu e o neno eterno.

Meu pai tiña o pelo louro, e xa peiteaba algunha cana cando me contaba os contos, pero dicía que iso non lle importaba, que era só unha máscara que algún día deixaría atrás.

Tódalas tardes levábame a súa librería, sentábase comigo no mostrador, e líame algún dos contos que gardaba alí. Cando entraba alguén na tenda, pedindo algún libro calquera, atendíao cun sorriso, preguntaba qué tal fóra o día, cobraba, despedíase e continuaba lendo.
 
Rara vez entraba xente na librería, pero a meu pai iso non o amolaba, adoitaba dicir “dos cartos xa se ocupa túa nai, a min déixame cos sabios”.

Nunca lle gustaron os cartos, se por el fose, en lugar de unha librería, tería unha biblioteca, pero, como odiaba os silencios, iso non lle era posible.

A librería do meu pai era especial. Él adoitaba dicir que parecía recen saída de Praga. Era un edificio dunha sola planta, de paneis de madeira escura, cun escaparate enorme, que, en lugar de libros, expuña figuriñas de animais mitolóxicos feitas de cristal. Había alí dragóns, centauros, unicornios, fadas, aves fénix… Calquera que pasara por diante, se non miraba o cartel que colgaba enriba da porta que rezaba “A pequena Bohemia. Librería”, pensaría que estaba diante dun anticuario ou dun xoieiro.

Ademais, a librería non “pegaba” nesa rúa. Era unha rúa gris, rodeada de bloques de pisos e tendas de todo a cen. Dende o interior da tenda víase a Torre de Hércules, e un cachiño de mar. Verdadeiramente parecía recen saída de Praga.
 
Cando pechaba a tenda, paseábamos xuntos ata a Torre, e logo volvíamos a casa no tranvía, observando a xente.

Mirábamos, analizábamos e inventábamos. A cada persoa inventabámoslle unha historia diferente, unha historia de maxia, coma as dos contos que me lía na Pequena Bohemia.

“Mira, mira a ese neno, vai correndo a buscar unha pelota que lanzar ata o ceo, ben lonxe, e dentro da pelota van os seus soños…”

Así foron pasando os anos, con contos, bombardeos de ideas, e cara de nenos, sempre así. Pero un dia sempre era diferente, e cada día eramos mais aviadora e mais principiño.

Fun crecendo, primeiro a adolescencia, o instituto, mais tarde a carreira, e, por primeira vez, vivín sen contos, sen bombardeos, e con madurez.

Cada dúas semanas facía o traxecto Santiago – Coruña para volver a ser unha nena.

Rematei a carreira, e trasladeime a Coruña de novo. Tomei cargo legalmente da librería, aínda que meu pai seguía indo comigo, como antes, pero á inversa.

Meu pai fíxose vello. Era un vello con alma de neno, pero un vello de todas formas.
Cada vez tiña menos forzas, xa non paseábamos ata a Torre, porque se cansaba, pero seguía vindo a librería, dia tras día. E cada día encurvábase un pouquiño mais.

Chegou un momento no que me dixo “Nena, lembras o final do Principiño? Pois non sufras, porque ese será tamén o meu final, volvo o meu conto”.

Un día as súas pálpebras caeron, suavemente, como unha folla cando deixa de soprar o vento, e xa non se volveron a levantar.

No final do Principiño, este dille ó aviador que o lembrará sempre que mire as estrelas, porque el habitará nunha delas.

Agora sei que en verdade el era como o Principiño. Cada vez que leo un conto, que invento historias da xente, que subo á Torre de Hércules. Entón é como se estivésemos outra vez os dous, aí, sentados no mostrador da Pequena Bohemia.
 
Clara Ortega Fernández

Ningún comentario:

Publicar un comentario