O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

sábado, 5 de marzo de 2011

Cen anos de entroido

Carlos Ferreiro González, Viana do Bolo. Neste venres de comadres, 4 de marzo, tivemos a fortuna de recibir no noso Instituto a Óscar López Mendaña e a Carlos X. Ares Pérez, estudiosos do Entroido vianés, e que levan xa anos difundindo os valores das nosas tradicións por diversos lugares da xeografía do país. Desenvolveron para todo o alumnado do centro, e para os veciños vianeses que o desexaron, en dúas sesións, unha conferencia-obradoiro titulada "Cen anos do Entroido de Viana: personaxes, tradicións, gastronomía". Gran parte do público acudiu disfrazado, como aconsella a data.



A través dun audiovisual e dos seus comentarios reflexionaron sobre a evolución social do último século, e de como personaxes tradicionais do Entroido vianés, como o propio Intrudio, se foron perdendo. Mesmo o espíritu do Domingo Gordo foi mudando: de ser unha festa familiar na que os homes escondían os enseres da cociña ás mulleres para roubar a comida, pasouse hoxe a unha festa gastronómica multitudinaria. Carlos e Óscar lembraron aqueles tempos pasados e incidiron na importancia de coñecer o noso patrimonio inmaterial e recuperar algunhas desas vellas tradicións. Graciñas a ambos por esta fermosa xornada de venres de comadres.

1 comentario:

  1. Quero amosar o meu agradecemento á dirección do centro por permitirnos amosar a nosa visión do Entroido, e tamén a todos os asistentes por participar e por escoitarnos. Foi un verdadeiro pracer traballar para todos vós. Graciñas.

    ResponderEliminar