O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

domingo, 1 de abril de 2012

Portugal 2012

José María Pérez | Os alumnos de bacharelato do noso instituto chegaron hoxe sábado de volta da viaxe de fin de curso, na que foron acompañados de Bieito, Carlos e Jose. A cargo de todos nós na estrada estivo Alfonso, que nos acompañou tamén en diversos momentos da saída didáctica. Todos chegamos a casa cansados, pero felices de ter convivido uns días en Portugal e de coñecer mellor este país e as súas xentes.

Foto de grupo (clic aquí para ver a galería completa)

Saímos de Viana o mércores á mañá, facendo a nosa primeira parada para visitar Coímbra. Nesta bela cidade puidemos disfrutar das súas facultades, que visitamos, e do ambiente universitario que se respira na beira do Mondego. Despois encamiñámonos a Lisboa, chegando xa de noite á capital e aloxámonos no noso albergue, onde fomos tratados con gran amabilidade desde o principio. A pousada estaba situada en Almada, xusto despois de atravesar a ponte 25 de abril sobre o río Tejo.  Unha das cousas que máis nos sorprendeu agradablemente a todos foi poder admirar desde o balcón das habitacións a saída da lúa sobre a desembocadura do río e sobre Lisboa.


O xoves, tras o almorzo, dirixímonos ao Museo Gulbenkian. Bieito explicounos a orixe do museo, unha fabulosa colección de arte cedida en testamento polo industrial armenio Calouste Gulbenkian a Portugal. A continuación xantamos e visitamos o Pavilhão do Conhecimento, situado no Parque das Nações, recinto que albergou a Exposición Mundial de 1998 en Lisboa. Este museo, científico e interactivo, deparounos diversos módulos onde nós podiamos facer experimentos relacionados con diferentes ámbitos da física: facer pompas xigantes de xabón, modificar campos magnéticos, levantar cargas con polipastos, comprobar a resonancia en muelles, etc. A xornada didáctica rematou coa visita ao recinto ferial e a volta ao albergue para durmir.

O venres foi o día onde máis puidemos acercarnos ao sabor de Lisboa. Escollimos almorzar no barrio de Belem para coñecer unha confeitería típica e con historia de Lisboa. Feito isto visitamos primeiro o Mosteiro dos Jerónimos e posteriormente a Torre de Belem. Só a choiva, que tanto botamos en falta na nosa terra, fixo a visita menos agradable. A auga abandonounos xa cara ao xantar, e á tarde, ata a noite, acompañounos a maxia da Praça do Rossio, Praça do Comércio, Praça da Figueira, Castelo de San Jorge e a velha Lisboa en xeral.

O sábado saímos de Lisboa para visitar Guimarães, preciosa vila medieval a menos de 200 km de Viana. Nos que non a coñeciamos, os alumnos e máis eu, houbo unanimidade en declarar Guimarães un dos puntos máis sinalados de toda a saída. A viaxe rematou da mellor maneira, coa chegada de todos con saúde e felicidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario