luns, 7 de maio de 2012

Proxecto ANOCA

Carlos Ferreiro | O alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato e o profesorado  tivemos a oportunidade de presenciar a que, persoalmente, calificaría como un dos encontros máis interesantes, educativos e, sobre todo, cargados de emotividade das celebradas nos últimos anos no IES Carlos Casares de Viana. 

Un momento da charla

José Antonio, Enma, Javier e Belmira, profesores da EPAPU da Institución Penitenciaria de Teixeiro (A Coruña) e internos desa prisión respectivamente, ofreceron unha charla sobre  o día a día no cárcere e tamén sobre a importancia esencial da labor educativa no ámbito penitenciario. Os internos falaron da dureza desa situación, da necesidade fundamental de recoñecer e asumir os erros propios no camiño da reinserción, dos perigos do mundo das drogas (que constitúen mais do 90% das causas directas ou indirectas das condeas en España) e, tamén, dos seus soños, anceios e desexos para o momento da saída.

Máis que nunca debemos agradecer o favor de visitarnos e expor as súas experiencias, e por suposto tratar de manter o vencello co Programa ANOCA (Aprender no Cárcere), polo que estes compañeiros e compañeiras mereceron o Premio Nacional Vicente Ferrer.

Foron moitas as emocións, (para unha das internas era a súa primeira saída) as que encheron a Aula Magna Xesús R. Jarés, pero como colofón gustaríame quedar coa frase de Javier, tras unha pregunta de Brais Villasante con respecto aos plans de futuro: (“Seguir e disfrutar cos pequenos detalles da vida; o olor a café e torradas cando te ergues pola mañá”).

Amigas e amigos, para esa nova vida, moita sorte desde Viana...

Máis información: proxectoanoca.blogspot.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario