venres, 6 de xullo de 2012

Viaxe a Burgos - Atapuerca

Os pasados 29 e 30 de xuño e 1 de xullo tivo lugar a viaxe ao xacemento de Atapuerca que conformaba o 1º premio do certame Luis Freire obtido por catro alumnos e alumas de 3º ESO do IES Carlos Casares. Daniel, Alicia, Lucía e Marcos, que obtiveran o seu galardón por un esmerado experimento sobre a desertización dos montes, viaxaron acompañados polo profesor Ovidio. O grupo de Viana uniuse en Ponferrada ao grupo de "Amigos da Casa das Ciencias" procedente da Coruña, e seguiron viaxe conxuntamente ata Burgos.

Alicia, Lucía, Marcos e Daniel na entrada á trincheira do ferrocarril


A viaxe incluiu, por orde cronolóxica, visitas á Cartuja de Miraflores, aos xacementos de Atapuerca, á Aula Didáctica de Atapuerca, ás antigas minas de manganeso de Puras de Villafranca e ao Museo da Evolución de Burgos.

As visitas de maior éxito foron, sen dúbida, os xacementos de Atapuerca, onde o grupo puido observar de preto as excavacións arqueolóxicas, cos tablóns de paso e as súas cuadrículas dun metro cadrado, os estratos da trincheira do ferrocarril e varios achádegos nos xacementos Gran Dolina ou a Sima do Elefante.

Excavación en Gran Dolina

O grupo camiñando pola trincheira

Na aula arqueolóxica, ademais de imitar diferentes técnicas de caza máis ou menos antigas, o grupo presenciou a construción de ferramentas de pedra, coma un bifaz, e mesmo a creación dunha fogueira con elementos da propia natureza coma a xesca ou o seixo.

O sábado pola tarde, uniuse ao grupo do Carlos Casares o profesor Luis Fernández, coordinador do traballo gañador do Luis Freire e de viaxe dende Madrid. Como Burgos estaba en festas, houbo tempo mesmo para desfrutar dalgunha atracción e duns marabillosos fogos de artificio. 

Pechou esta interesante viaxe didáctica a visita ao Museo da Evolución, onde se puido contemplar, entre outros restos arqueolóxicos, o cránio de Miguelón, un homo heidelbergensis duns 500.000 anos, ademais de afianzar coñecementos sobre o hommo antecessor.

Os cinco viaxeiros de Viana coincidiron en valorar moi positivamente e ao mesmo tempo agradecer o acollemento nesta viaxe por parte dos "Amigos da Casa das Ciencias", sentíndose en todo momento coma nunha gran familia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario