O pasado día 18 de marzo tivemos a ocasión, un ano máis, de achegarnos ás instalacións de xeneración hidroeléctrica de Endesa existentes
en Viana do Bolo. Os profesores e alumnos visitantes, e o noso centro
ao completo, queremos agradecer desde O Choupín a xenerosidade de Endesa
connosco. Esta visita ten lugar dentro do marco do convenio de
colaboración entre Endesa e o IES Carlos Casares, que remata este ano
2013. Tanto o noso instituto como os representantes de Endesa da zona e
da UPH Noroeste de España temos a intención de seguir colaborando, a
poder ser dentro dun novo convenio que será proposto en breve desde o
instituto á Fundación Endesa, iniciativa que conta co respaldo de toda a
xente de Endesa que leva colaborando con nós todo este tempo.
Clic aquí para ver a galería de imaxes completa |
Asistiron
á saída didáctica os alumnos de 2º e 3º de ESO, acompañados polos
profesores Luis Crende, Carlos Ferreiro e José María Pérez. Comezamos
introducíndonos co autobús dentro da montaña onde se atopa a Central de
San Agustín, nunha caverna uns 300 metros por debaixo da vila de San
Agustín, que lle dá o nome á central. Alí, divididos en grupos,
asistimos ás explicacións que cada representante de Endesa nos daba
acerca do funcionamento da central: a operación da ponte grúa, os paneis
de control de temperaturas de fluídos, os esquemas eléctrico e
neumático, a marcha de turbina e válvula distribuidora, o papel da
válvula de descarga ou compensatoria, a problemática do funcionamento
dos alternadores, etc. Puidemos vivir a experiencia de estar dentro
dunha central que estaba funcionando, baixando e subindo carga,
turbinando ata
21.000 litros de auga (procedente da presa de Pías) por segundo e con
todos os relés e mandos automáticos controlando cada parámetro da
central.
Por
razóns de tempo e seguridade en vez de subir por escaleiras os 250 metros de
desnivel para chegar ás oficinas e parque de transformadores montamos no
autobús e saímos do interior da terra para chegar ao noso seguinte
destino. Primeiro demos unha volta polo parque de transformación, onde
nos aprenderon acerca da función dos transformadores e das liñas de
tendido eléctrico presentes no Parque de San Agustín, coas tensións
respectivas. Dentro xa das oficinas, asistimos á proxección de varios
videos que nos tiñan preparados, sobre a enerxía hidroeléctrica, eólica,
térmica nuclear, térmica de carbón e térmica de ciclo combinado.
Puidemos coñecer tamén unha parte do proxecto de fin de carreira que
fixo un ex alumno do IES Carlos Casares, neste momento facendo prácticas
con Endesa.
Ernesto
Marra, responsable de Endesa na zona de Viana, propuxo adiantar o
xantar (previsto inicialmente en San Sebastián) e que tivera lugar nos
comedores que a empresa ten no parque de transformación, proposta
recibida con vítores e aplausos. Despois de comer o que nos prepararon
as cociñeiras do instituto (a quen tamén lles agradecemos a súa
aportación) saímos cara a presa de Pías que encora a auga do Bibei, que
separa Zamora de Ourense neste lugar. Primeiro ilustráronnos cunha
explicación da presa: localización da toma da galería de presión,
situación e función dos aliviadeiros e peculiaridades constructivas da
presa en si. Despois metémonos dentro da presa por unha galería e
descendemos por escaleiras máis de 50 metros para introducirnos na
galería que pasa baixo terra de Ourense a Zamora e camiñamos pola
galería encargada de
drenar e controlar toda a auga que a presa, de terra e escollera,
filtra e evacúa ao exterior.
De
novo collemos o autobús, para chegar ao último fito: a central de San
Sebastián, sita no concello de Viana do Bolo e moi próxima á vila de
Pradorramisquedo. O patrón desta vila vianesa é San Sebatián, dándolle
nome á central e á presa que encora a auga. A central aproveita
a auga encorada no embalse de San Sebastián, que fai cola na vila de
Porto, para xenerar electricidade. Aquí xa chegamos con máis bagaxe, xa
que os grupos de xeneración e a operación da central é moi similar á de
San Agustín. Observamos que é máis pequena e a xeneración eléctrica
posible é menor, xa que os dous grupos existentes admiten menos caudal
que San Agustín e, sobre todo, o salto ou desnivel entre a auga encorada
e a situación das turbinas e moito maior en San Agustín que en San
Sebastián.
Despedímonos
dos membros de Endesa agradecendo o seu esforzo o compromiso e
desexando repetir, collendo o bus de volta e disfrutando das belas
paisaxes que a nosa bisbarra ofrece.
Ningún comentario:
Publicar un comentario