O. Villar | Ao coincidir en sábado o 8M, hoxe conmemoramos o día da Muller no IES Carlos Casares. Lonxe de rexeitar o tópico "non debera ser un día, senón todos", vemos esta xornada como un espazo de reflexión sobre a nosa situación actual, como un momento de opinión, coñecemento e oportunidade de compartir e construír na busca dunha sociedade igualitaria e respectuosa en cuestión de xénero.
Un momento de reflexión co alumnado de 1º de ESO |
Durante toda a xornada acompañounos Ana García, amiga, alumna, profesora en moitas ocasións e voluntaria do noso IES. A través de tres interesantes documentais, o alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO analizou as diferentes situacións desfavorables que moitas mulleres están a vivir no mundo.
Momento de traballo en grupo en 3º de ESO |
Ana traballando co grupo de 2º de ESO |
Os grupos de 1º de ESO traballaron o documental "Binta y la gran idea", o de 2º de ESO visionou "¿El sueño imposible?" e os de 3º de ESO fixo o propio co documental "Mujeres liderando sus vidas y procesos". Logo de cada un dos pases, o alumnado realizou reflexións e postas en común a través de pequenos grupos de traballo, chegando a conclusións tan interesantes como "para atopar desigualdades de xénero non hai que ir moi lonxe" ou "a clave para acadar a igualdade é unha boa educación". Podemos dicir que este conxunto de actividades foi un éxito visto o excelente nivel de participación de mozas e mozos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario