O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

martes, 28 de outubro de 2014

CEAM Viérnoles, día 1

Julia e María | Hoxe medios durmidos partimos de Viana ás 6 da mañá cara a Cantabria a unha convivencia cuns rapaces e rapazas de Huelva. Foi unha viaxe moi longa e ás 12 chegamos ao noso destino, Viérnoles.


Cando chegamos repartimos as habitacións e fixemos as camas (para algún e algunha a primeira vez que a facía), explicáronnos as normas do CEAm (Centro de Educación Ambiental) e fomos a comer. No comedor cada un de nós temos as tarefas repartidas.
Despois de comer fomos a pasear polo monte Dobra onde vimos moitas árbores: carballos, abeleiras, freixos... e plantacións de eucaliptos, xa que Torrelavega (que está ao lado) ten unha papeleira. Amosáronnos tamén 2 típicas casas cántabras: unha casa-cabaña (con rochas sillares e mamposteria, madeira e tellas) e unha casa rica (con rocha de sillares, escudo e solana).


Logo de sacarnos unha foto de grupo ao pé do Eucaliptón (árbore singular protexida que mide máis de 50 m e ten 13 m de perímetro) que se atopa a carón do recinto do CEAm fomos merendar e tivemos tempo libre. Antes de cear Elsa, da fundación Oso Pardo, veu darnos unha interesante charla sobre esta especie que está en perigo de extinción, contounos onde vive, que come, o coidado das cría... e amosounos indicios que se buscan para detectar a súa presenza (pegadas, excrementos, arañazos e mordiscos nas árbores, restos de pelo) e as actividades do home que a perxudican.

Para rematar o día fixemos uns xogos de presentación con música e un bingo para coñecer máis aos novos compañeiros. Logo deste día intenso marchamos a durmir sen protestar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario