O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

domingo, 12 de decembro de 2010

O IES CARLOS CASARES DE VIANA NO FORO MUNDIAL DA EDUCACION 2010


O IES Carlos Casares de Viana do Bolo participou, o pasado sábado 11 de decembro de 2010, no Foro Mundial da Educación 2010, celebrado en Santiago de Compostela. Na aula 25, da Facultade de Económicas da USC, nunha sesión que tivo lugar desde as 10:30 as 13:30, compartimos a nosa experiencia educativa cos compañeiros e compañeiras do IES Terra de Trasancos de Narón, que nos contaron os proxectos de educación para o desenvolvemento e cooperativismo que realizan en Jujuy (Argentina) e Tarija (Bolivia), así como os traballos sobre banca ética ou obxectivos de desenvolvemento do milenio, que abordan desde as materias de Bacharelato ou de ciclos formativos de grao superior.
Eles e nos compartimos a ledicia de ter conseguido o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento Vicente Ferrer, da AECID. A sesión, ademais de formativa, serviu para coñecernos e comezar a traballar xuntos en favor da potenciación da educación para o desenvolvemento en Galicia e a traballar para que os centros educativos de primaria e secundaria sexan recoñecidos, polas administracións, como posibles entes de voluntariado e cooperación.
Tres representantes do alumnado (Clara Ortega, Samuel Balboa e Inés Ortega) e dous dos profesorado (Manuel Martínez e Luis Fernández) relataron durante 45 minutos a Senda da Convivencia do IES Carlos Casares de Viana. A mediación escolar, o voluntariado e a cooperación internacional coa UE Timoteo Rondales de Bermejo (Bolivia) coa ONG Escuelas de la Tierra, foron, novamente, contados para colaborar na sensibilización destas temáticas. Nesta ocasión, neste foro de tanta importancia que reúne en Compostela a educadores e educadoras de moitos países do planeta.
Como non, o día no que no Foro Mundial da Educación, se falou do Seminario Galego de Educación para a Paz, Xesús Rodríguez Jares volveu a estar presente, de xeito cariñoso, agradecido e esperanzador, na nosa sesión, entre outras cousas, porque as alumnas Clara e Inés Ortega tiveron a sorte, por amizade persoal, de compartir momentos con Suso Jares, un vianés sempre na memoria.

Por Inés, Clara, Samuel, Manuel e Luis

Ningún comentario:

Publicar un comentario