Carlos Ferreiro González, Viana do Bolo. Hoxe luns, 31 de xaneiro, o IES Carlos Casares, xunto co CEIP Bibei de Viana do Bolo, conmemorou o Día da Paz cunha serie de actos que tiveron lugar tanto no Instituto como na Casa da Cultura. Dende as 10 da mañá o alumnado de 1º e 2º da ESO reuniuse cos compañeiros de 5º e 6º de Primaria na Aula da Cultura vianesa para a proxección da película A guerra dos botóns (1962). Tras o visionado, debatíronse aspectos como a esencia dos conflitos, a violencia como elemento desterrable para a solución de diferenzas, a educación autoritaria e o diálogo, a prevención do sexismo e as desigualdades sociais como foco de enfrontamento. O acto foi coordinado por Susana Fernández, e serviu para difundir a labor do noso equipo de Mediación que, por outra banda, pasa a xornada informando aos distintos cursos da ESO e Bacharelato da súa función. O colofón do acto foi a interpretación por parte de alumnado e profesorado da canción "A muralla", do grupo chileno Quilapayún, e letra do poeta cubano Nicolás Guillén, realizada no exterior da Casa da Cultura, e que foi posible gracias ao apoio e o traballo "paciente" nos ensaios da profesora de Música Ilda Luaces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario