O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

martes, 18 de xaneiro de 2011

O Parlamento de Galicia no Instituto

Carlos Ferreiro, Viana do Bolo. O IES Carlos Casares ten como elemento de referencia na súa práctica educativa a loita pola igualdade entre homes e mulleres e a Coeducación. Desde este plantexamento, actualmente, o centro leva a cabo dúas actividades de especial interese:


1ª: Desenvolvemento dun curso de Educación Inclusiva, coordinado pola ONG Interred, ao que asisten un total de 33 docentes do noso instituto, e tamén do CEIP Bibei vianés o CEIP San Martiño de Vilariño de Conso, o CEIP Ávila Bustillo de A Veiga, e o CPI Laureano Prieto, de A Gudiña.

2ª: Nunha liña semellante, o centro desenvolverá un obradoiro o vindeiro martes 25 de xaneiro, titulado O Parlamento de Galicia no Instituto. Dous deputados e unha deputada da Cámara Autonómica, desenvolverán esta actividade na que o alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO, ao longo de máis de dúas horas seguirán, en comisión, e máis tarde, en pleno, o proceso de elaboración, debate e aprobación dunha lei. Neste caso, o tema elixido, en concordancia coa traxectoria marcada polo noso claustro será unha lei de protección contra as desigualdades de xénero, que unha vez aprobada, será incorporada ao noso Regulamento de Réxime Interno, tras pasar polo Consello Escolar.

Deste xeito, ao longo das últimas dúas semanas o alumnado que participará na actividade recolleu unha serie de reflexións ou observacións sobre situacións de desigualdade que poden detectar no día a día da escola en todos os seus espazos (patio, aulas, transporte, comedor, etc) Ademais, aportaron tamén consideracións xerais acerca de desigualdades patentes na sociedade que os arrodea. As conclusións que a continuación expomos, supoñen unha condensación en 6 ou 7 ideas das preocupacións reflectidas por máis de 50 estudantes de 13 a 17 anos. Constátase unha reiteración nos mesmos temas en todos os niveis, e tanto en rapaces como en rapazas. Velaquí, pois, unha diagnose de como perceben as e os adolescentes as desigualdades no seu contexto.

DESIGUALDADES PRINCIPAIS NO CENTRO

- O uso das pistas deportivas (campo de fútbol e baloncesto) é exclusivamente masculino, mentres as alumnas permanecen en actividades case pasivas. De feito, todas e todos se queixan de que apenas existen xogos mixtos.
- As actividades físicas que impliquen esforzo, un mínimo risco de lesión ou certa habilidade psicomotriz parecen destinadas aos rapaces, frente as nenas que son consideradas máis “fráxiles”.
- Do mesmo xeito, desde o alumnado e tamén desde o profesorado, hai unha tendencia a que tarefas vinculadas coa habilidade manual (electricidade, carpintería, etc) sexan encomendadas aos homes, considerados máis “hábiles” para estas labores.
- No centro existe actualmente un coro, que so conta con un rapaz, frente a unhas quince rapazas. Os rapaces non queren participar por consideralo unha actividade feminina. Asimesmo, cando se desenvolven prácticas de baile , os rapaces tenden a fuxir da actividade, pola mesma razón.
- As actividades de voluntariado do instituto son maioritariamente, femininas.
- A amizade entre dous homes, ou conductas de proximidade física reiterada entre homes son xulgadas de xeito insultante polo alumnado, cousa que non sucede entre mulleres.
- O rendemento escolar brillante, e máis desprestixiado cando o logra un home, que cando o fai unha muller.
- Situacións repetidas de acoso verbal non desexado cara ás alumnas consideradas “guapas” ou “atractivas”, valorándose as mulleres só por un parámetro físico. Do mesmo modo, as rapazas consideradas “feas” son descalificadas.
- Por último, unha das queixas máis repetitivas: os insultos e descalificacións no centro sempre fan referencia a unha cuestión de xénero e de índole sexual-moral.

En aspectos sociolóxicos externos ao centro, os estudantes amosaron a súa preocupación por as seguintes causas: as tarefas domésticas seguen a recaer sobre a muller de xeito case obrigatorio, considerando a non destreza delas como un defecto, que case é virtude nos homes. Determinadas profesións seguen a considerarse masculinas ou femininas (poucos homes na limpeza, case nengunha muller na construcción). Finalmente, determinadas actitudes no comportamento persoal (promiscuidade sexual) son consideradas de xeito moito máis negativo na muller que no home.

Ningún comentario:

Publicar un comentario