O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

venres, 18 de maio de 2012

Convivencia en Viana do Castelo

Susana Fernández | A pasada fin de semana, profesorado e alumnado do equipo de mediación escolar e o grupo de teatro do centro, desprazámonos á localidade portuguesa de Viana do Castelo para asistir a unhas xornadas de convivencia. 

Unha das actividades realizadas (clic aquí para ver a galería completa)

O encontro enmárcase dentro do Proxecto ARCE do Ministerio de Educación que tenta promover a colaboración entre diferentes centros para traballar en aspectos concretos, no noso caso na mellora da convivencia escolar. Como xa fixeramos o curso pasado, compartimos esta estancia con persoas das comunidades educativas dos IES Valle de Aller de Asturias e Ramiro I de A Robla (León), compartindo con eles experiencias e profundizando o noso mutuo coñecemento.



Coa axuda de Marta e Carlolina, actrices do grupo Spiral, puidemos coñecer o movemento artístico do Teatro do Oprimido, baseado na práctica do teatro como actividade que axuda a grupos de persoas desfavorecidas a mellorar as súas vidas. Aprendemos a crear imaxes relacionadas con aspectos da vida escolar, que escenificamos e analizamos. Cada un de nós fomos simultaneamente actores e  espectadores nestas imaxes (espect-actores), con capacidade para modificalas, enriquecéndoas ou poñendo de manifesto outras alternativas posibles. De particular interese foi a creación de imaxes plasmando situacións de conflito ideadas polos diversos grupos de traballo e presentando tanto desenlaces fatais como outras alternativas posibles conducentes mellora das relacións interpersoais.
E, como non, disfrutar da marabillosa vista dende o alto de Sta. Luzia, da praia e dos paseos por esta femosa cidade, foron os complementos ideais nesta fructífera fin de semana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario