O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

xoves, 3 de maio de 2012

Alumnado do Carlos Casares visita a central de San Agustín

José M. Pérez | Hoxe tivemos a ocasión de coñecer as instalacións hidroeléctricas de Endesa da Central de San Agustín, Parque de Transformación de San Agustín e Presa de Pías, todas moi cerca do noso instituto. Os alumnos de 3ºB, 4ºA e 4ºB, acompañados de Luis Crende, Carlos Ferreiro e Jose Pérez, puideron visitar, coñecer e comprender mellor unha parte da historia da nosa bisbarra, como foi a construcción deste salto nos anos 50 e o seu uso actual. Agradecemos a Endesa e ós seus traballadores a deferencia que volveron ter connosco e o seu compromiso coa educación, reflectido no convenio de colaboración firmado entre Endesa e o noso instituto.

Tras acceder co autobús polo túnel excavado na montaña fixemos a primeira parada na central. Xusto xunto á entrada esta a sala das ataguías, comportas de peche do canal de saída de turbinas. Este canal é lixeiramente ascendente, polo que as ataguías impiden refluxos ou entradas de auga calesquera estando a central parada, evitando perigo de inundación. Na planta superior, por grupos, foron explicándonos o funcionamento de equipos de seguridade (ante incendio e electrocución), ponte grúa (para mover equipos en tarefas de reparación ou mantemento), o esquema hidráulico e eléctrico, o sistema de xeneración autóxena para servicios propios ante cortes de suministro externos, sistema de telemando, sensores e paneis de temperaturas, caudais, potencias activa e reactiva, etc. O son das turbinas, pois a central atopábase en producción (en regulación de carga do sistema eléctrico), dificultou escoitar as explicacións. Unha planta máis abaixo atópanse os dous alternadores que producen enerxía eléctrica a 11 kilovoltios, xunto con diversos paneis eléctricos e dispositivos de control. Na planta inferior accedimos ás dúas turbinas, con sendas válvulas distribuidoras regulando caudal. Tamén nos explicaron as válvulas compensatorias (de axuda ó amortecemento do golpe de ariete) e as esféricas ou válvulas de peche, que se abren cando comeza a producción previa igualación de presións mediante un sistema de by-pass que alí observamos.


Moitos recordarán a visita pola subida ó parque de trafos desde a central. Ante a imposibilidade (por razóns de tempo) de subir todos no ascensor, iamos ir a San Agustín (xusto enriba da central) en bus, pero a petición dos alumnos subimos os 250 metros de desnivel entre central e parque de transformadores polas escaleiras do pozo vertical que acompaña ao ascensor e ás barras protexidas de 11.000 voltios que suben hacia o parque. Finalmente todos chegamos arriba, con algunhas desercións que foron recollidas e subidas no ascensor. No edificio de oficinas, onde o parque, Ernesto Marra, o xefe de zona de Endesa, explicounos unha central hidroeléctrica e a construcción dun aeroxenerador a través de dúas presentacións. Tan só observamos os transformadores e non visitamos o parque con máis calma pola choiva. No parque elévase a corrente á alta tensión para distribuíla pola rede nacional.

Emprendemos co bus a viaxe ata a fonte primaria, de enerxía potencial: o encoro de Pías. Para chegar a el remontamos o impoñente canón do Bibei por Quintela de Humoso, Humoso, Vilardegoia, Tabazoa de Humoso, Dradelo, Castiñeira de Sever e Sever, desde onde tivemos unha panorámica da presa. Aprendimos as características principais da presa, de escollera, e despois asistimos a unha demostración de vertido de auga a través dos dous aliviadeiros de trampolín ou superficie. Chegou o turno das escaleiras de novo, para introducirnos no interior da presa e camiñar por unha galería de drenaxe que dá á saída dos aliviadeiros. Algúns alumnos quixeron atravesar a presa (onde o Bibei marca a raia entre Ourense e Zamora) polo interior de lado a lado, de xeito que en apenas dous minutos fixemos o percorrido Ourense (Viana do Bolo) – Zamora (Pías) – Ourense, de novo. Xa no exterior a choiva deunos unha tregua para tomar o noso xantar e intercambiar as últimas impresións antes de retornar a Viana vía Vilavella.

Ningún comentario:

Publicar un comentario