O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

sábado, 24 de novembro de 2012

Conmemoración do 25N

Ovidio V. | Coma cada ano dende que somos conscientes de que fai falla, o 25 de novembro conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. No IES Carlos Casares de Viana, neste 2012 que xa chega ao seu final, e con tal motivo, recibimos unha visita moi especial: tres mulleres que diariamente loitan por un mundo máis igualitario, onde desapareza todo tipo de discriminación. Son Ana García, ben coñecida no IES por outras campañas de Axuda en Acción e Carla Padilla e Meyling Aguilar, ambas do Instituto de Liderazgo de Las Segovias (Nicaragua).



No marco do proxecto En Acción polaIgualdade, desenvolvéronse actividades para todos os niveis. A través da análise de diferentes materiais (visuais, audios...) o alumnado realizou un ben planificado itinerario para explorar qué condutas sociais son violencia. Baixo o formato do traballo en grupo, a posta en común e o debate, puido comprobarse, entre outros aspectos, como a música actual está chea de contido sexista, mesmo en ocasións tremendamente vexatorio para a muller.

Temos tamén que agradecer especialmente a Carla e a Meyling o esforzo de percorrer unha gran distancia para compartir con nós o seu día a día, a súa forma de traballar contra a violencia e o ánimo, forza e carácter que nos transmitiron dende o primeiro momento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario