O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

xoves, 29 de novembro de 2012

Misión LIPDUB


Alá imos!!

No IES Carlos Casares vaise realizar un Lipdub colectivo, como proxecto de centro, para o 2º Trimestre, coa colaboración de alumnado, profesorado, persoal, etc.

Un "Lipdub" ("dobraxe de beizos") é un vídeo musical feito nunha soa toma, nun plano secuencia, na que os participantes van realizando diversas accións (bailes, teatralizacións, empregando o que cada un saiba facer e incluso disfraces, movemento coordinados, etc.) mentres fan playback da canción elixida, e que vai soando ata que remata a gravación. Despois, na edición final, incorpórase a canción como banda sonora.

É un formato de actividade moi divertido, aínda que leva traballo preparalo, pero pásanse momentos moi bos, e ademais diso:


-Os Lipdub naceron como medio de mostrar, de maneira pública e entretida, o bo ambiente dun colectivo, institución, etc.  
-É un modo de socializar as persoas do colectivo: o feito de colaborar nunha secuencia (tod@s teñen que estar no seu lugar no momento indicado e realizar a súa acción sincronizadamente, é como unha cadea) fai que se coñezan e interactúen dun xeito ameno e enriquecedor.
-Favorece a convivencia e o traballo cooperativo: non hai protagonistas individuais, tod@s teñen o seu momento, e o resultado final depende de saber colaborar en grupo.
-Favorece a creatividade e a imaxinación: non hai fronteiras en canto a que facer cando a un lle toca actuar, desde a roupa ou disfraz, ata interactuar cos elementos da arquitectura do Instituto, o material dos talleres, empregar danza, tocar instrumentos, mostrar imaxes, realizar carteis...
-É interdisciplinar: pódense traballar diversos aspectos especialmente na confección de materiais para o Lipdub, e mostrar o que se fai nas distintas materias, zonas do instituto, nos grupos de mediación, teatro, coro, etc
-É moi satisfactorio cando @s implicad@s visualizan o resultado final, e todo o traballo de preparación, ensaios, etc., de súpeto vese materializado, normalmente leva a unha unión do grupo aínda máis forte.

As características do Lipdub (aínda que se ensaia) son espontaneidade, diversión, fluidez, colaboración, imaxinación... Fai dous anos fixemos no IES Carlos Casares un a nivel clase:
http://www.youtube.com/watch?v=LxpuDm61TE0

E aquí tendes exemplos do que tentamos facer.

A nivel centro, isto sería o máis parecido ó noso, Galegando do IES Pintor Colmeiro:
http://www.youtube.com/watch?v=X9ctjGe5iAQ

E do IES Colegio LaRibera (Barcelona)
http://www.youtube.com/watch?v=AbjBil2of7Q&feature=related

Aquí gravouse a canción facendo a súa versión e co motivo do galego:
http://www.youtube.com/watch?v=AerLPRrnIaA

A gran escala, da Universidade de Vic (pero ten truco, porque non está nunha soa toma):
http://www.youtube.com/watch?v=EeGDRSWB46w


@s coordinado@s de todo isto serán o grupo de 1º de BAC da optativa da ESO (para coordinar, axudar, etc.) Se tedes dúbidas podedes preguntarlles a eles ou a Ilda, profesora de música. A elección da canción que imos escoller é o primeiro paso. Para iso, nas titorías estase traballando o tema do Lipdub. Esta semana será para que cada quen pense a canción que quere apoiar. E para a semana que vén instalarase unha urna de votacións na entrada para que todo o persoal do centro (profesorado, alumnado, persoal de limpeza, conserxería, secretaría, cociña, cafetería, nais e pais, etc.) poida votar.

As características imprescindibles da canción son:          
-Que teña letra (o idioma pode ser calquera)       
-Que sexa divertida e con ritmo, positiva.       
-Respectuosa: calquera canción que na letra ou contidos trate temas de tipo machismo, violencia, etc. será descalificada da votación. O mellor sería que transmitise algún valor positivo.      
-Que favoreza poder amosar algún aspecto de como é o centro, ou como quereriamos que fose.

Se non sabes cal votar, o alumnado de 1º de BAC presenta 4 propostas:      
-Pan y Mantequilla (Efecto Pasillo)       
-Caminante (Bongo Botrako)       
-Caminando por la vida (Melendi)       
-Algo mejor (The Locos) 

Finalmente, se hai varias cancións posibles, será o grupo de 1º de BAC o que tome a decisión final.

Grazas pola vosa colaboración!

Ningún comentario:

Publicar un comentario