A saída educativa de onte, mércores 9 de abril, a Ponferrada, converteuse
nunha das máis satisfactorias e innovadoras que temos feito nos últimos
tempos no noso centro. O día comezou cun percorrido didáctico de máis
dunha hora polas instalacións do Museo Nacional da Enerxía, onde
mediante unha serie de explicacións excelentes da nosa guía Judith, o
material interactivo e a propia visións das instalacións o noso alumnado
observou o pasado, presente e futuro do carbón e a obtención de
electricidade nunha central térmica. As rapazas e rapaces elaboraron
ademáis de xeito excelente unha ficha de contidos sobre a visita, e
quédanos a lembranza dun dos museos científicos mellor organizados que
temos visto.
No Museo da Enerxía |
Ao mediodía chegou o turno do Museo da Radio Luis del Olmo, onde ademáis
de contemplar unha das mellores coleccións mundiais de aparellos de
radio e unha fonoteca con documentos sonoros que son xa parte da
historia de España, o alumnado de 4ºB gravou en directo un programa de
radio que en breve estará á disposición de todos no Choupin. Polo tanto
os nosos estudantes foron por un día improvisados locutores...
Gravación no Museo da Radio |
Tras o xantar, visitamos o Castelo dos Templarios de Ponferrada, no que desfrutamos dunha mostra de traxes de oficios medievais, a exposición Templum Libri, con mapas e manuscritos de gran valor, e, como non ,un breve paseo polas murallas da fortaleza defensiva da vila.
Foto de grupo |
Xa por último un breve paseo libre polo casco histórico e a Ribeira do Sil deu fin a unha xornada que destacou polo carácter ameno e o excelente comportamento do alumnado. Ate a próxima, Ponferrada!
Ningún comentario:
Publicar un comentario