O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

sábado, 9 de abril de 2011

A educación non é un conto

Ana García, A Coruña. Caloroso día de Abril na Provincia de Ourense para comezar o ciclo de talleres que durante o mes de Abril a CME celebrará en diferentes lugares de Galicia. O lugar elixido non foi casualidade. Un dos centros históricos da Campaña Mundial pola Educación, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo (premio nacional de Educación para o Desenvolvemento) acollía este primeiro taller de formación coa presenza de 9 docentes do centro.

Anxo Moure, de "Bicis pola paz", durante o obradoiro
A formación dividiuse en dúas partes:

Na primeira Ana García (Axuda en Acción) integrante de Coalición Galega da CME fixo unha breve introdución da CME, as peticións históricas desta, a traxectoria que xa existía en Galicia, e resaltou a importancia que a Campaña foi collendo co paso dos anos sendo xa un referente dentro do propio calendario escolar.


A continuación visionouse a memoria audiovisual da Campaña 2010 en Galicia: "1 Gol pola Educación" que tivo grande acollida entre o profesorado xa que se reflicte moi ben o intenso traballo realizado no 2010 por parte da comunidade educativa co apoio de moitos e moitas deportistas de Galicia. Para finalizar esta primeira parte do taller, fixéronse varios grupos para facer unha pequena reflexión sobre o material didáctico da CME 2011 e reflexionouse en como traballala co alumnado.

A segunda parte do taller grazas á colaboración de Anxo Moure (Bicis pola Paz) centrouse no porqué do conto como ferramenta pedagóxica e a filosofía do conto como elemento transmisor de valores, que denuncia as desigualdades, fomenta autoestima, e crea hábitos solidarios.

A través de diversas dinámicas tendo sempre os contos como eixe central da mesma, Anxo tratou diferentes temáticas e conseguiu motivar uns docentes que en todo momento se mostraron moi participativos ante a súa metodoloxía.

Coa entrega de diverso material finalizouse un taller que sen dúbida o profesorado poderá replicar cos seus alumnos e alumnas e transmitir que a Educación de todas as nenas e mulleres do mundo NON É UN CONTO e ten que ser unha realidade


Ningún comentario:

Publicar un comentario