O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

xoves, 28 de abril de 2011

Campaña CME 2011

Carlos Ferreiro, Viana do Bolo. Hoxe, 27 de abril, o IES Carlos Casares tivo o privilexio de acoller a xornada central da Campaña Mundial Pola Educación 2011 en Galicia, focalizada este ano no Dereito da Muller á Educación. Organizado polo Grupo de Voluntariado do Centro, Clara Ortega, Inés Ortega, Araceli Macías, Breixo Tomé, Rocío Rodríguez, Lois González e Samuel Balboa introduciron, presentaron e moderaron a actividade principal.


Tras unha pequena tarefa común, incluida na revista da campaña deste ano, as protagonistas foron catro mulleres, todas elas de diferentes idades, procedencia xeográfica e profesión, pero marcadas as catro pola importancia que a educación tivo para o seu futuro persoal. Ana Galparsoro, profesora e ex-responsable política en Vitoria-Gasteiz; Mary López, de San Clodio-Lugo, autónoma, xa xubilada, emprendedora e con moita iniciativa na súa vida; Raquel Rodríguez, texedora da Veiga que se criou na dura posteguerra e que hoxe, á beira dos 80 anos, fai voluntariado, e, por último, Teresa Huanca, que, dende o altiplano boliviano ata París, Mónaco, e hoxe Viana, coñece as dificultades da emigración. Tras un intenso debate que se prolongaría no xantar, o acto rematou coa lectura do manifesto de 2011. O noso centro cobrou, pois, un protagonismo absoluto desta xeira, salientando por riba de todo a importancia esencial de Educar para a Solidariedade e a Cooperación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario