José F. - Ovidio V. | Na mañá de hoxe conmemoramos o Día Internacional da Muller no IES Carlos Casares, e fixémolo con actividades para diferentes niveis da ESO. Con nós estivo Ana García, de Axuda en Acción, como cada 8 de marzo. Xa dende a semana pasada, o alumnado de 1º de ESO estivo a desenvolver un programa de "coidado" dun boneco ou boneca durante vintecatro horas, e elaborando un informe preciso ao respecto. Esta actividade, "Canguro 24h", completouse hoxe coa posta en común dos informes e reflexións como "sobre quen recaen a maioría dos coidados que se ofrecen", "quen os recibe"...
Nas dúas últimas sesións, o alumnado do segundo ciclo da ESO traballou un cómic cos bocadillos en branco, imaxinando un diálogo posible de acordo cos debuxos amosados. Un deles, unha escea dunha cociña onde as mulleres da familia están a desenvolver os traballos, mentres os homes almorzan, fixo nacer pensamentos tan importantes como pode ser a "herdanza" que unha nai transmite a unha filla cun "serve a comida ao teu irmán" ou a que un pai transmite a un fillo cun "deixa que túa irmá o faga" e un "veña, irmá, ponme a comida na mesa".
Dúas actividades interesantes e necesarias, que nos fan ver a realidade diaria de moitas mulleres e que, de non ter mañá, pasado... unha continuidade, de ben pouco servirán. O día que consigamos non ter que anotar no noso calendario oitos de marzo, saberemos que o mundo avanza cara un futuro prometedor.