O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo
Amosando publicacións coa etiqueta relatos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta relatos. Amosar todas as publicacións

luns, 24 de febreiro de 2014

Convocado o V Certame de Conto Matemático

O Departamento de Matemáticas do noso IES vén de facer pública a convocatoria para a quinta edición do Certame de Conto Matemático IES Carlos Casares. O alumnado do IES pode participar enviando historias baseadas nalgún concepto matemático. Premendo na seguinte imaxe podes consultar as bases da convocatoria.

Clic sobre a imaxe para ampliar

luns, 23 de xaneiro de 2012

III Certame de Conto Matemático

O Departamento de Matemáticas do Carlos Casares de Viana vén de convocar a terceira edición deste consolidado certame

Logo de dúas fenomenais edicións, cargadas de números e de boa literatura, sae unha nova convocatoria do Certame de Conto Matemático IES Carlos Casares. O alumnado do instituto vianés pode gañar un lector de libros dixitais sen máis que compoñer unha historia que dalgún xeito faga referencia ás matemáticas. Pódense consultar as bases facendo clic no seguinte vínculo:

venres, 27 de maio de 2011

Sen fronteiras II

Vicedirección, IES. Hoxe, venres, 27 de maio, tivo lugar a presentación no IES Carlos Casares do volumen Sen Fronteiras II. Este libro, coordinado polos profesores Monserrat Ulloa e Carlos Ferreiro, está financiado por fondos Interreg III, da Unión Europea, e terá unha distribución ampla en diferentes bibliotecas públicas e universitarias de Galicia e Portugal.

Presentación de "Sen fronteiras II" na Aula Magna Xesús R. Jares

A obra contén diferentes experiencias de innovación educativa, recoñecidas, en diversas materias (bioloxía, literatura, matemáticas, educación para o desenvolvemento, educación para o consumo, teatro, etc) e que se levaron a cabo na Escola Secundaria Monte da Ola de Viana do Castelo (Portugal) e no IES Carlos Casares de Viana do Bolo-Ourense.

Link prensa: La Voz de Galicia.es

luns, 16 de maio de 2011

Un alumno do Carlos Casares galardoado no Carlos Canerio

José María Pérez, A Gudiña. O alumno de 2º de Bacharelato do noso instituto Pablo Alonso Rodríguez, natural de Corzos (A Veiga), foi declarado gañador da IV Edición do Concurso de Relatos Curtos Carlos Caneiro, que vén organizando dende o ano 2008 o CPI Laureano Prieto da Gudiña.

Pablo Alonso recibindo o premio da man de Rubén Riós

A cerimonia de entrega de premios tivo lugar no CPI da Gudiña hoxe doce de maio. Pablo, acompañado por tres compañeiros de clase e o seu titor, recibiu o premio de mans do actor Rubén Riós e leu diante de toda a audiencia o seu relato gañador.

xoves, 28 de abril de 2011

Fallo do Certame Conto Matemático IES Carlos Casares

Depto. de Matemáticas, IES. Nunha decisión unánime, os membros do xurado do II Certame de Conto Matemático IES Carlos Casares decidimos outorgar o primeiro premio compartido aos traballos presentados por Paula Núñez Páez e Daniel Seoane Rodríguez. Ambos recibirán como agasallo un MP4. Parabéns!

A continuación, podedes ler os traballos premiados:

NUMEROLANDIA

Era unha vez... Nun pobo non moi lonxe que se chamaba Numerolandia, vivían unha chea de números. Tantos, que case nin se coñecían. Había unha tenda, un médico, unha farmacia e un instituto. No instituto, concretamente na clase de 2º da ESO, había 25 alumnos, pero os máis destacados de todos eran o 1 e o 7. Todo o mundo os coñecía porque eran moi bos mozos, e sempre andaban presumindo. Paréceme que todos os días antes de chegar ao instituto se botaban un frasco de colonia. Tamén estaba o 0 e o 5, que estaban un pouco gordos, e o 6, ao que lle chamaban de mote "o abuelo", porque sempre andaba moi agachado.

O número 1 e o 0 eran noivos, pero non pegaban nin con cola, porque o 1 era alto e delgado e o 0 era baixo e gordo. Era moita a xente que os insultaba, e un día un vello, concretamente o avó do número 6, ensinoulles unha valiosa lección: que non se pode xulgar a ninguén pola súa apariencia, porque pode ser moi gorda e pode ser a mellor persoa do mundo.

E miráronse un aos outros e viron que eles tamen tiñan defectos, e que non lles gustaría que lles fixeran o mesmo, e ao final todos se levaban moi ben. E xa non insultaban a ninguén. E tamén aprenderon outra lección: que os anciáns tamén serven para algo, e pódennos ensinar moitas cousas, aínda que ás veces nin os escoitemos.

Paula Núñez Páez (2º ESO)



LINGUA E MATES


Era una vez, cando as matemáticas non tiñan poder de decisión, cando mandaban as letras e non deixaban mandar. Foi cando as matemáticas decidiron que non podían seguir así e foron a protestar. Como era de esperar, as letras dixeron que non, e botaron aos números fóra. Ao día seguinte, os números declararon a guerra ás letras, diante do Palacio das Letras. Alí había tropas de todo tipo: dende o número 1 ata o inimaxinable, era imposible adiviñar os números que había alí. As letras sacaron o abecedario e dixeron que guerra entón. Así pois, empezaron a loitar, e a alguén lle deu por mirar os conxuntos que facían as letras e os números. De alí saíron os monomios, os polinomios, as ecuacións, o álxebra…

Cando estaban mesturados déronse de conta de que mesturados gobernarían mellor, e darían paso a novas contas. Aínda que algúns decidiron formar as palabras e outros o resto das matemáticas. Pero houbo un inconvinte: os estudantes teriamos que estudar máis! Jajajajaja. LINGUA E MATES.

Daniel Seoane Rodríguez (2º ESO)

mércores, 22 de decembro de 2010

Histoires d’amour - Love stories

Os Departamentos de Francés e Inglés do IES Carlos Casares convocan este certame de historias de amor. 

Para poder participar, consulta as bases facendo clic no seguinte vínculo (para lelas cunha mellor calidade podes descargar o arquivo orixinal en PDF).

BASES


Por Mercedes Garrido

mércores, 15 de decembro de 2010

II Certame de Conto Matemático "IES Carlos Casares"

Buscamos unha historia orixinal e inédita, na que apareza reflectido o mundo das matemáticas. Sen límite de estilo literario nin de caracteres. Envía os teus traballos ao enderezo electrónico ochoupin@gmail.com antes do 15 de febreiro de 2011 e poderás gañar un fantástico MP4 e unha recopilación das mellores historias matemáticas (premio único). O fallo do xurado, composto este polos membros do Departamento de Mateḿaticas do IES Carlos Casares, así como o traballo premiado, serán publicados nesta revista.

martes, 16 de novembro de 2010

IV Certame de relato curto “A vida éche un conto”

"Outono", Ansemil
Despois de xa tres edicións deste certame quizais poidamos falar xa de consolidación. Sen dúbida se trata dun concurso que cada ano goza de máis popularidade e, por que non dicilo, tamén de máis calidade. Como na pasada edición seguimos a insistir en ampliar a nosa oferta e facer que este certame traspase os muros do Instituto IES Carlos Casares de Viana. É, por iso, que esperamos a túa participación. Si, a túa! Non mires para o lado! Saca o escritor que levas dentro e lánzate a encher cuartillas cibernéticas. Seguro que non sabes do que es capaz. Agardámoste!!!
Bases da convocatoria.

venres, 22 de outubro de 2010

Obradoiro "El cuento hispanoamericano contemporáneo"

Neste venres 22 de outubro, a Dra. Haydée Ahumada Peña, profesora de Literatura Española e Hispanoamericana da Universidade Católica de valparaíso e Universidade de Chile, impartiu un obradoiro baixo o título. "El cuento hispanoamericano contemporáneo". Esta actividade foi desenvolvida en dúas sesións, para alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, por unha banda, e 2º de Bacharelato, por outra. 

Durante unha hora, falouse das técnicas do conto moderno, herdadas do cine, para captar a atención dos lectores, e analizouse un dos mellores relatos do século XX: "La noche boca arriba" do arxentino Julio Cortázar. A iniciativa contou cunha boa atención e participación do alumnado, pretendendo estimular o placer pola lectura tamén no xénero conto, ás veces inxustamente relegado a un plano inferior ao da novela, pero  do que temos mostras con Borges, Cortázar, ou en Galicia con Manuel Rivas, Gonzalo Navaza ou Suso de Toro, de excelente calidade.

Por Carlos Ferreiro González.

martes, 4 de maio de 2010

Unha alumna do Carlos Casares gaña o III Certame de Relato Carlos Caneiro

A nosa compañeira de 4º da ESO, Clara Ortega Fernández, resultou gañadora do III Certame de Relato Curto Carlos Caneiro, organizado para centros de Secundaria de toda Galicia polo CPI Laureano Prieto de A Gudiña. Clara resultou elexida polo seu magnífico relato "A pequena bohemia", que vos convidamos a ler, e que xurde a partires dunha lectura persoal de O principiño, de Saint-Exupéry. O Premio foi entregado o pasado luns 3 de maio, na Gudiña, polo propio Carlos Caneiro, e consistiu nun Notebook, nun diploma, un lote de libros, e, por suposto, a publicación inminente do seu relato. Clara leu de xeito excelente, aínda que nerviosa pola emoción, o seu texto ante o público asistente. Desde aquí lle damos os parabéns, e animámola a seguir a súa andaina polo vieiro da literatura. ¡Noraboa, Clara! A continuación, o relato gañador:


A PEQUENA BOHEMIA

Cando tiña cinco anos, cada tarde meu pai líame un conto. Un día, mentres me lía “O principiño”, díxenlle: Papa, ti es ese neno, a que si? 

sábado, 1 de maio de 2010

Fallo do certame "Cartas de Amor"

O xurado do certame "Cartas de Amor" vén de emitir o seu fallo:

Categoría 1º e 2º da Eso:

1º. Lois González Alonso
2º. Anduriña Ochoa Blanco

Categoría 2º e 3º da Eso:
1º. Clara Ortega Fernández
2º. Tania Sánchez Gómez

Categoría 1º e 2º de Bacharelato
1º. Irene Gregorio Couso
2º. Iván Prado Alonso

Clic aquí para ler as cartas premiadas.
Parabéns a gañadoras e gañadores.

luns, 15 de marzo de 2010

Fallado o primeiro certame de Contos Matemáticos IES Carlos Casares

Ducias e ducias de contos. E todos interesantes. Difícil elección. O Departamento de Matemáticas do IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) proclama gañador deste certame de Contos Matemáticos IES Carlos Casares a Pablo Alfonso Sánchez, de 1º ESO, polo seu orixinal e ben elaborado conto "O secuestro do número 4", que podedes ler a continuación. Parabéns, Pablo!

O SECUESTRO DO NUMERO 4

Un día calquera, nun lugar calquera, estaban a discutir os números e as letras, para ver quen era máis importante; non se daban posto de acordo e quedaron así.

luns, 8 de marzo de 2010

Carolina non sabe

Carolina non sabe cándo é o día dos dereitos humanos, nin o día mundial sen tabaco; nin o día internacional da paz; nin o día da bicicleta; nin o do xurelo de Cambados ou o do pemento de Padrón, ela non está ó tanto destas celebracións tan sinaladas do calendario. Sen embargo ela si sabe, cando o neno máis pequeno ten clase de ximnasia e lle ten que ter preparado o chándal, ou cando o maior quere saír de marcha e precisa sempre aquela camisa negra que nunca está ben pasada.