O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

venres, 30 de marzo de 2012

Premio Extraordinario de ESO ao vianés Iván Borges

O alumno Iván Borges Rodríguez recibiu hoxe en Santiago de Compostela un premio extraordinario de educación secundaria obligatoria ao esforzó e superación persoal, concedido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O acto de entrega estivo presidido por Jesús Vázquez, conselleiro de Educación, e Gerardo Conde Roa, alcalde de Santiago de Compostela.

Iván Borges, acompañado polo Conselleiro de Cultura, Educación e O.U. Jesús Vázquez, a Educadora Social de Viana Carmen García, o orientador do Carlos Casares Plácido Blanco e pola súa irmá Susana Borges.

domingo, 25 de marzo de 2012

Competencias e Comunicación

Dous profesores do IES Carlos Casares, Luis Fernández e Ovidio Villar, veñen de participar como ponentes, os pasados 23 e 24 de marzo, en dúas actividades organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). Na primeira delas, un curso de formación para equipos directivos celebrado na Escola Galega de Administración Pública(EGAP), o IES Carlos Casares estivo acompañado polo CPI de Castroverde e o CEIP do Valadouro. Baixo o formato de mesa redonda centrada nos proxectos de mellora de calidade da educación, os profesores do centro vianés suliñaron a importancia de traballar as competencias na aula dun xeito real e integrado. A segunda das actividades, no marco das III Xornadas de Comunicación Lingüística e celebrada no CIFP Politécnico de Santiago, foi unha excelente plataforma de achegamento entre as áreas lingüísticas e as científicas así como de reivindicación da diversificación curricular coma un interesante futuro para o mundo educativo.

link na rede

xoves, 22 de marzo de 2012

Mediación escolar


O xoves 21 de marzo pola noite, o IES Carlos Casares de Viana participou na presentación do equipo de mediación escolar a toda a comunidade do Centro Residencial Docente de Ourense (Residencia da Universidade Laboral), ao que formamos durante os meses de xaneiro e febreiro deste ano. O director dese centro, Bernardino Pérez, na cea na que se entregaron os diplomas, animou a todos os residentes a usar o servizo. Ata alí se desplazaron Susana Fernández, Luis Crende e Luis Fernández.


Día mundial da auga

David Ponte. Nesta época de sequía na que nos atopamos cobra unha maior importancia, se cabe, a celebración do día mundial da auga. Hoxe é un día para reflexionar e concienciarnos do vital que é a auga e do mal trato que lle damos a este RECURSO do que depende a humanidade, e a vida en xeral. Os alumnos de 3º da ESO do instituto realizaron unha actividade consistente en representar, mediante botellas de auga, a distribución deste recurso no planeta. Nun gran exemplo de aprendizaxe colaborativo, foron os alumnos de 3º A (Diversificación Curricular) os que explicaron aos seus compañeiros de 3º B a tarefa que ían realizar e como realizala.


 

luns, 19 de marzo de 2012

Mediadores e mediadoras do IES Agra do Orzán

O pasado fin de semana (16 e 17 de marzo de 2012) o IES Carlos Casares de Viana formou o primeiro equipo de mediadoras e mediadores do IES Agra do Orzán da Coruña. Este instituto leva xa tres cursos realizando intercambio con nós, cos grupos de 1º e 2º de ESO. Ademais, Emilio García Fernández, o seu xefe de estudos e un dos seus orientadores, é xa un vello amigo do noso centro, desde que, como asesor do CEFORE de O Barco de Valdeorras, nos axudou a percorrer os primeiros pasos da senda da convivencia.
O grupo, moi activo e que promete, estivo formado por máis de 40 persoas incluindo alumnado de todos os cursos da ESO, profesorado, o equipo directivo completo, pais e nais e unha traballadora non docente, en definitiva, toda a comunidade educativa. O curso foi impartido polos mediadores do IES Carlos Casares, Carlos Ferreiro González e Luis Fernández López.

Desexamos sorte ao novo equipo de mediación escolar do IES Agra do Orzán

.


Premiére de cinema no IES Carlos Casares.

Carlos Ferreiro. As cinéfilas e cinéfilos do IES Carlos Casares estiveron esta mañá de noraboa. Como xa sucederá hai tres anos, co preestreo de Pradolongo, o elenco formado polo director Ignacio Vilar, e os actores Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez, visitaron a “alfombra vermella” do noso instituto para presentar o trailer de Vilamor , filme rodado en exteriores do Caurel, Piornedo e Grandas de salime, e situado na Galiza rural da década dos setenta, e focalizado nos adolescentes e xóvenes que creían que un mundo mellor era posible. A producción ten un orzamento de 1.700.000 euros, cantidade cualificada por Vilar como “desmesurada no ámbito galego, pero de baixo custo no contexto do cinema europeo”. O mundo da post-dictadura franquista, e as mostras dunha modernidade que xa invade Galicia nos finais dos 70, conviven pois, coas ilusións dun paraíso rural que soña con permanecer incólume no tempo. Moitas grazas, pois, á productora, por obsequiarnos con esta primicia, e so compre animarvos a todas e todos a asistir ao estreo comercial de Vilamor...
.
Presentación do filme "Vilamor" por Sabela Arán
.

venres, 16 de marzo de 2012

O CEIDA achéganos o mar ao IES Carlos Casares

David Ponte. Do 15 ao 30 de marzo, o noso instituto acollerá a exposición "Áreas mariñas protexidas" do CEIDA (Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia). A exposición conta con numerosos paneis informativos, situados na primeira planta do centro, e un vídeo que se pasará durante os recreos no recibidor do instituto.

 O evento estará aberto á participación de toda a comunidade educativa así como a calquera que queira desfrutar da enorme diversidade das nosas costas.

martes, 13 de marzo de 2012

Coeducación 3º ESO

Carlos Ferreiro. Hoxe, 13 de marzo, as Compañeiras Paz e Amalia, de Inter-Ed impartiron durante dúas horas un Obradoiro de Igualdade de Xénero, destinado ao alumnado de 3º de ESO. Como colofón aos actos do Día Internacional da Muller, e como actividade integrada no Grupo de Traballo de Educación en Igualdade do noso centro, se fixeron xogos cooperativos, se incidiu nas diferencias entre sexo e xénero e na necesidade de debotar os prexuízos en procura dunha sociedade xusta e equitativa... A afectividade, e o autorecoñecemmento da necesidade dos sentimentos foron tamén materia de reflexión. O obradoiro terá continuidade no mes de abril.

Xogos tradicionais

Desde a mañá de onte, 12 de marzo, o patio énchese de xogos tradicionais, nunha exposición que xa ten circulado por varios centros da provincia, e que nestes días percorre o CEIP Bibei e o IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Chave, aros, diversos carteis explicativos, danlle cor aos recreos do centro. Ademais, tamén onte comezou o campeonato de rá, con parellas mixtas masculinas e femeninas, e formadas por alumnado, profesorado e persoal non docente. Houbo emoción e xogadas interesantes, pero na foto inaugural gañouse un espazo destacado a nosa Hortensia, a única en lograr embocar un pello e anotarse 50 puntos. Noraboa! 

.


venres, 9 de marzo de 2012

Inclusión para unha igualdade real


Luis Fernández. O Día Internacional da Muller, o 8 de marzo de 2012, estivo marcado claramente polo debate no IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Hoxe, desde primeira hora, todo o profesorado e o persoal do instituto dirixiuse ao alumnado en feminino. Tamén os letreiros das portas eran diferentes, Sala de Profesoras, Sala de recepción das nais, directora, xefa de estudos, en definitiva, o masculino xenérico, por un día, foi substituído polo feminino xenérico. Algún alumno dixo na aula “Ei profe, eu non son todas”, se cadra por non sentirse incluído no termo en feminino.

Tamén foi un día de cambio de espazos. Hoxe a cancha, a mesa de ping -pong, os ordenadores da biblioteca, a mesa de xadrez, foron ocupados por mulleres, os alumnos e profesores, só ocuparon o resto do espazos.

Logo do segundo recreo, a profesora de Filosofía do centro, Susana Fernández, lembrounos porque se celebra o Día da Muller e porque nesa data. Plácido, o orientador, animou a toda a comunidade a traballar no “Gran Mural”. Cada grupo e cada sector debía trasladar a súa inquietude, a súa idea, a súa protesta a unha cartolina branca. O primeiro grupo, o alumnado de PROA, sobre o rostro dunha muller foi marcando coas marcas vermellas das súas mans, as lembranzas de frases que acosaron as mulleres desde hai centros de anos ate, lamentablemente, poucas décadas. Despois pasaron polo mural todos os grupos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, os e as docentes, o persoal non docente e as familias. Toda a comunidade se reuniu en defensa da metade da poboación mundial, as mulleres.

As actividades partiron do grupo de traballo de formación do profesorado que, coa colaboración da ONG InteRed, se está a desenvolver no instituto. Ao grupo uniuse todo o profesorado e o persoal non docente do centro. Todos e todas esperamos que sirva de algo.

Enlaces á prensa :