O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

sábado, 27 de febreiro de 2010

Celebración do Día da Paz

O pasado 29 de xaneiro o alumnos e profesores do Equipo de Mediación Escolar do noso instituto distribuímonos por aulas para iniciar a celebración do Día da Paz. En cada aula realizáronse pequenos obradoiros relacionados non soamente coa mediación, senón que se traraton outros temas de interese como os estilos de comunicación. Ao longo da mañá tamén se entregaron os diplomas correspondentes ás dúas últimas promocións de mediadores. Pechou o acto a lectura musicada dun fermoso poema de Estela, creado nun dos obradoiros de poesía celebrados recentemente no centro. Resume dun minuto neste video.


Ovidio.

mércores, 24 de febreiro de 2010

Retos de cara ó futuro: igualdade de xénero

O vindeiro luns, 1 de marzo, ás 18:15 horas , na Aula Magna "Xesús R. Jares" terá lugar a conferencia: "Cara unha sociedade en igualdade de xénero. Un reto para quen nos toca educar". Será impartida por Paz Cainzos Rodríguez, socióloga e experta en xénero e desenvolvemento. A actividade, que durará aproximadamente unha hora e media, vai dirixida específicamente ao profesorado do instituto e os pais e nais de alumnos/as que tamén están convocados. Ademais, a actividade está aberta ao público interesado. A actividade está organizada pola ONG InterRed e financada pola AECID, dentro da campaña "Móvete pola igualdade. É de xustiza". Ese mesmo día desenvolverán actividades con todo o alumnado do centro, como a actividade do Día da Muller, e tratando unha cuestión de importante impacto educativo nesta bisbarra.

luns, 15 de febreiro de 2010

Exitosa conferencia de Sebastián Álvaro

O pasado venres, Sebastián Álvaro, director do mítico programa de televisión "Al filo de lo imposible", soubo meterse no peto ao público dunha ateigada Aula Magna Xesús R. Jares, no IES Carlos Casares de Viana. Narracións impecables, imaxes impactantes e unha xenial música de fondo provocaron a continuada atención, durante case hora e media, dunha morea de rapaces de Viana do Bolo, A Veiga, Vilariño de Conso e A Gudiña. Ademais de dar resposta a todas as preguntas do público, este intrépido aventureiro soubo satisfacer tamén a curiosidade de moitos rapaces e rapazas que, ao finalizar o acto, se achegaron a coñecer persoalmente ao conferenciante. A carón destas liñas, vemos a un grupo de rapaces de bacharelato conversando animadamente con el. Francamente xenial.

mércores, 10 de febreiro de 2010

venres, 5 de febreiro de 2010

Namorad@s

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) vén de convocar un concurso de cartas de amor. Destinado a todo o alumnado do IES, este certame tratará de seducir a imaxinación das/dos declarantes con perfumes e colonias como premios do máis orixinal, buscando as mellores declaracións de amor.

mércores, 3 de febreiro de 2010

Semana da Orientación

Durante os días 9 e 10 de febreiro terán lugar no IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) unha serie de conferencias todas elas no eido da orientación profesional de cara ao noso alumnado. Universidade? Ciclos formativos? Que me convén máis? Teño dúbidas?

Destinatarios: alumnado de ESO e Bacharelato e as súas familias.

Organiza: Dpto. de Orientación



luns, 1 de febreiro de 2010

Ao fío do imposible

O vindeiro venres 12 de febreiro teremos a oportunidade de desfrutar en Viana do Bolo de dúas interesantes conferencias impartidas por Sebastián Álvaro, montañista, escritor e director do coñecido e recoñecido programa "Al filo de lo imposible". Visita a montaña vianesa un escalador de primeira.

No IES Carlos Casares ás 11:30 h.: "30 AÑOS DE AL FILO"
Na Casa da Cultura ás 19:00 h.: "GESTIÓN DEL RIESGO: SHAKELTÓN, EL AVENTURERO PERFECTO"

Para desfrutar.