O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

venres, 29 de abril de 2011

Polos bos tratos

Federico Méndez, Viana do Bolo. O xoves 28 de abril, tivo lugar a primeira charla impartida por unha parella de voluntarios (Menchu e Luis) sobre o fomento das relacións positivas entre persoas e a solución de conflitos. Dirixida aos alumnos/as de 4º da ESO, falouse primeiramente de como detectar os comportamentos abusivos, acaparadores... De seguido, da maneira de ter unhas relacións sanas, construtivas, tolerantes. O debate foi moi participativo.

Un momento do debate

A exposición foi ilustrada con dous pequenos vídeos: uno ao inicio para a introdución do tema e outro cara ao remate. Os vídeos foron feitos polos propios alumnos/as dos centros nos que foron dadas charlas semellantes. No debate xorderon preguntas que están na boca de todos: como a distinta valoración social que merecen un rapaz/unha rapaza moi "conquistadores"; como si o feito de amar debe levar a unha persoa a soportarlo todo...

O vindeiro, 3 de maio, no mesmo horario, terá lugar a seguinte sesión, acompañada de interesantes talleres. Estase pensando na posibilidade de elaborar, no marco deste programa, o noso propio vídeo-clip para colgar na web desta asociación. Preguntar aos organizadores.

xoves, 28 de abril de 2011

Campaña CME 2011

Carlos Ferreiro, Viana do Bolo. Hoxe, 27 de abril, o IES Carlos Casares tivo o privilexio de acoller a xornada central da Campaña Mundial Pola Educación 2011 en Galicia, focalizada este ano no Dereito da Muller á Educación. Organizado polo Grupo de Voluntariado do Centro, Clara Ortega, Inés Ortega, Araceli Macías, Breixo Tomé, Rocío Rodríguez, Lois González e Samuel Balboa introduciron, presentaron e moderaron a actividade principal.


Tras unha pequena tarefa común, incluida na revista da campaña deste ano, as protagonistas foron catro mulleres, todas elas de diferentes idades, procedencia xeográfica e profesión, pero marcadas as catro pola importancia que a educación tivo para o seu futuro persoal. Ana Galparsoro, profesora e ex-responsable política en Vitoria-Gasteiz; Mary López, de San Clodio-Lugo, autónoma, xa xubilada, emprendedora e con moita iniciativa na súa vida; Raquel Rodríguez, texedora da Veiga que se criou na dura posteguerra e que hoxe, á beira dos 80 anos, fai voluntariado, e, por último, Teresa Huanca, que, dende o altiplano boliviano ata París, Mónaco, e hoxe Viana, coñece as dificultades da emigración. Tras un intenso debate que se prolongaría no xantar, o acto rematou coa lectura do manifesto de 2011. O noso centro cobrou, pois, un protagonismo absoluto desta xeira, salientando por riba de todo a importancia esencial de Educar para a Solidariedade e a Cooperación.

Fallo do Certame Conto Matemático IES Carlos Casares

Depto. de Matemáticas, IES. Nunha decisión unánime, os membros do xurado do II Certame de Conto Matemático IES Carlos Casares decidimos outorgar o primeiro premio compartido aos traballos presentados por Paula Núñez Páez e Daniel Seoane Rodríguez. Ambos recibirán como agasallo un MP4. Parabéns!

A continuación, podedes ler os traballos premiados:

NUMEROLANDIA

Era unha vez... Nun pobo non moi lonxe que se chamaba Numerolandia, vivían unha chea de números. Tantos, que case nin se coñecían. Había unha tenda, un médico, unha farmacia e un instituto. No instituto, concretamente na clase de 2º da ESO, había 25 alumnos, pero os máis destacados de todos eran o 1 e o 7. Todo o mundo os coñecía porque eran moi bos mozos, e sempre andaban presumindo. Paréceme que todos os días antes de chegar ao instituto se botaban un frasco de colonia. Tamén estaba o 0 e o 5, que estaban un pouco gordos, e o 6, ao que lle chamaban de mote "o abuelo", porque sempre andaba moi agachado.

O número 1 e o 0 eran noivos, pero non pegaban nin con cola, porque o 1 era alto e delgado e o 0 era baixo e gordo. Era moita a xente que os insultaba, e un día un vello, concretamente o avó do número 6, ensinoulles unha valiosa lección: que non se pode xulgar a ninguén pola súa apariencia, porque pode ser moi gorda e pode ser a mellor persoa do mundo.

E miráronse un aos outros e viron que eles tamen tiñan defectos, e que non lles gustaría que lles fixeran o mesmo, e ao final todos se levaban moi ben. E xa non insultaban a ninguén. E tamén aprenderon outra lección: que os anciáns tamén serven para algo, e pódennos ensinar moitas cousas, aínda que ás veces nin os escoitemos.

Paula Núñez Páez (2º ESO)



LINGUA E MATES


Era una vez, cando as matemáticas non tiñan poder de decisión, cando mandaban as letras e non deixaban mandar. Foi cando as matemáticas decidiron que non podían seguir así e foron a protestar. Como era de esperar, as letras dixeron que non, e botaron aos números fóra. Ao día seguinte, os números declararon a guerra ás letras, diante do Palacio das Letras. Alí había tropas de todo tipo: dende o número 1 ata o inimaxinable, era imposible adiviñar os números que había alí. As letras sacaron o abecedario e dixeron que guerra entón. Así pois, empezaron a loitar, e a alguén lle deu por mirar os conxuntos que facían as letras e os números. De alí saíron os monomios, os polinomios, as ecuacións, o álxebra…

Cando estaban mesturados déronse de conta de que mesturados gobernarían mellor, e darían paso a novas contas. Aínda que algúns decidiron formar as palabras e outros o resto das matemáticas. Pero houbo un inconvinte: os estudantes teriamos que estudar máis! Jajajajaja. LINGUA E MATES.

Daniel Seoane Rodríguez (2º ESO)

Ampliación de prazo do 7.11 FM

Dpto. de Matemáticas, IES. O Departamento de Matemáticas decidiu ampliar o prazo de presentación de traballos á sétima convocatoria do certame de Fotografía Matemática 7.11 FM ata o vindeiro 15 de maio.

martes, 26 de abril de 2011

Obradoiros de CLIMÁNTICA

Luis Calvo, Viana do Bolo. O Proxecto Climántica tenta dar a coñecer o fenómeno do “Cambio Climático” nos centros educativos de Galicia. O alumnado de 4º da ESO de Bioloxía e Ámbito Científico realizou hoxe obradoiros sobre distintos aspectos do cambio climático, afondando tanto nas causas coma nos efectos deste fenómeno. Nos obradoiros realizados participaron alumnos de 1º, 2º e 3º ESO.

Andrea e Rocío explicando a dinámica dun furacán (clic aquí para ver máis fotos)

O seis obradoiros consistiron en :

1º) Realización dun forno solar: amosando que a utilización de enerxías limpas e renovables pode axudar a frear o efecto invernadoiro e polo tanto o cambio climático.

2º) Realización dunha depuradora de auga: mediante a depuración de augas grises domésticas, podemos reducir o consumo de auga potable para uso no rego de prantas ou lavado dun coche. O problema da escasez de auga está moi relacionado co cambio climático polo aumento das sequías.

3º) Explicación do “efecto invernadoiro”: neste obradoiro explicouse o efecto invernadoiro, e como este provoca un aumento na temperatura media do planeta, por retención de calor na Terra.

4º) Fusion do xeo nos Polos: neste obradoiro os alumnos viron como o xeo dos polos se convirte en auga líquida por aumento da temperatura, pero ademais comprobaron como a contribución do polo sur (antartico) é maior que a do norte na subida do nivel do mar.

5º) Dinámica dun furacán: mediante líquido dentro dunhas botellas de plástico, os alumnos viron como se desenvolvía un furacán. O cambio climático ten como resultado o aumento de fenómenos climáticos catastróficos coma furacáns, tornados, tormentas, inundacións, sequías, etc.

6º) Ciclo da auga e contaminación: mediante a utilización de tintes, obsérvase como as plantas absorben a auga, incluso se ten contaminantes. A auga é un ben necesario e escaso, é preciso facer un uso racional da mesma, e aforrar auga potable na medida do posible.

domingo, 17 de abril de 2011

In Memoriam a un amigo e compañeiro

Luis Fernández, Viana do Bolo. A semana pasada deixounos Manuel Blanco Rábade, un amigo e compañeiro do grupo de mediación do IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Manolo era orientador do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, e foi dos primeiros que introduciu a mediación escolar na realidade da escola en Galicia. Tivo varios contactos co grupo de Viana, entre eles conferencias diversas, a xuntanza de mediadores escolares de Lugo que el mesmo organoziu, o foro mundial pola educación o pasado mes de decembro en Santiago de Compostela, e hai só unha semana, o encontro de centros co servizo de mediación no IES Fin da Terra, de Fisterra.

Manuel, moitas grazas por compartir amizade e tamén a idea de que os conflitos están e o intelixente e saber afrontalos.

venres, 15 de abril de 2011

Visita á Academia Galega de Seguridade Pública (AGSP)

Fotografía: NATUTECNIA S.L. (ver máis imaxes)
Luis Fernández, A Estrada. Dentro das diferentes accións do Departamento de Orientación do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, encamiñadas a amosar diferentes saídas laborais ao alumnado, tres alumnos de 2º de Bacharelato (Carlos, Iván e Emilio), acompañados por un profesor do centro, visitaron onte as instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (AGSP), na localidade pontevedresa da Estrada. 

Temos que agradecer a especial atención da dirección e persoal desta institución da Xunta de Galicia en amosar o que fan nunha xornada normal da academia e  orientar aos tres alumnos sobre o seu futuro, encamiñado nestes momentos a diferentes postos nos corpos e forzas de seguridade do Estado. A visita, que durou catro horas, foi do máximo interese dos tres alumnos que analizaron, xunto con policías, bombeiros e técnicos, diferentes formas de acceso ás diferentes escalas.

xoves, 14 de abril de 2011

Vai de debate

Carlos Ferreiro, Viana do Bolo. Hoxe 14 de abril, e co fin de atender unha demanda reiterada dunha parte do alumnado de 2º de Bacharelato, tivo lugar na Biblioteca unha sesión de debate sobre dous temas de absoluta actualidade: a pertinencia ou non das intervencións militares da ONU (a propósito da situación en Libia) e o futuro do modelo nuclear. A asistencia foi moi destacada (35 alumnos de 2º de Bacharelato, 4º e 3º de ESO), e varios membros do profesorado. As conclusión máis salientables foron a crítica cara á doble moral que permite intervir contra certas dictaduras e non contra outras, e no segundo tema, a necesidade de dar alternativa realista a un modelo de consumo enerxético que se perfila como insostible a medio plazo. A experiencia foi prometedora e xa se tomou nota de acertos e posibilidades de mellora de cara a futuras sesións.

mércores, 13 de abril de 2011

¡Ti si que vales!

Clic para ampliar
Ilda Luaces, Viana do Bolo. O vindeiro venres 15 de Abril celebramos o festival de música, danza, teatro e expresión corporal "Ti si que vales", na casa da Cultura de Viana do Bolo. A primeira sesión será en horario escolar, ás 10:30, para todo o centro excepto 2º de Bach, que baixarán máis tarde.  A continuación haberá un concerto a cargo da Escola de Música do Barco.

A segunda sesión será pola tarde, a partir das 20:00, e está aberta a todo o público. ¡Non volo perdades!, será todo un acontecemento.

Clic aquí para ver o programa de representacións.

domingo, 10 de abril de 2011

Six filles à Paris!

Estela López, París. O pasado venres día 1, perdón corrixo, xa era día 2, seis mozas partiron de Viana camiño da Gudiña; ían moi animadas; pegoulles o baixón cando viron que o bus non chegaba e minutos antes a gafe do grupo dicía que chegaría tarde. Tan tarde chegou que acabamos indo comodamente en tren a Madrid. Ó final non sabiamos se chorar ou rir, as risas son risas pero o mal trago que pasou a pobre Betty. Con sorte demos collido o avión cara París facéndosenos moi curta a viaxe xa que fomos durmindo todo o traxecto.



Tras tomar un “petit dejeuner” e xa en Montmatre puxémonos en busca do hotel, recorremos a pé toda a calle Clignancourt guiándonos por memoria fotográfica. Tras atopar o noso destino collemos as nosas respectivas habitacións: tres cara o terceiro piso e outras tres cara o quinto; as máis deportistas, que ó final do día xa non daban subido as escaleiras e non só polo cansacio, senón porque había momentos que pensabamos que o noso destino era Italia.

sábado, 9 de abril de 2011

A educación non é un conto

Ana García, A Coruña. Caloroso día de Abril na Provincia de Ourense para comezar o ciclo de talleres que durante o mes de Abril a CME celebrará en diferentes lugares de Galicia. O lugar elixido non foi casualidade. Un dos centros históricos da Campaña Mundial pola Educación, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo (premio nacional de Educación para o Desenvolvemento) acollía este primeiro taller de formación coa presenza de 9 docentes do centro.

Anxo Moure, de "Bicis pola paz", durante o obradoiro
A formación dividiuse en dúas partes:

Na primeira Ana García (Axuda en Acción) integrante de Coalición Galega da CME fixo unha breve introdución da CME, as peticións históricas desta, a traxectoria que xa existía en Galicia, e resaltou a importancia que a Campaña foi collendo co paso dos anos sendo xa un referente dentro do propio calendario escolar.

venres, 8 de abril de 2011

Celebración do Día Mundial da Saúde

Carlos Ferreiro, Viana do Bolo. Con motivo da celebración do 7 de abril, Día Mundial da Saúde, hoxe tivemos ocasión no noso centro de recibir a Raquel e Cristina, voluntarias da Cruz Vermella de A Gudiña, que impartiron un obradoiro de Resucitación Cardio-Pulmonar (RCP).

Realización da manobra RCP
Como é xa habitual nos últimos anos, a actividade desenvólvese de xeito máis extenso para 3º da ESO, e faise un pequeno recordatorio práctico para o alumnado de 4º, que xa o ano pasado tivo ocasión de familiarizarse con está técnica que todos temos a obriga de coñecer, e que pode salvar máis dunha vida, en situacións de emerxencia, pero non tan inusuais no cotiá.

Máis "deicaprontos" que despedidas

Equipo O Choupín, IES. Que se nos van a pares! A pasada semana, Marga, e onte, Fernando. Sabedes que aquí tedes o voso recuncho, así que non esquezades pasarvos de cando en vez. Moita sorte alá onde vaiades, e unha aperta enorme desta comunidade. Vémonos!

xoves, 7 de abril de 2011

Campaña Mundial pola Educación 2011

Luis Fernández, Viana do Bolo. Este ano a Campaña Mundial pola Educación (CME) volverá ás aulas do instituto. Este curso o tema central é a educación das mulleres como elemento importante de desenvolvemento. O vehículo, os contos. A responsabilidade do noso centro este ano é moito maior. Á unidade didáctica da campaña para Bacharelato para toda España foi feito polo grupo de cooperación e educación para o desenvolvemento do IES Carlos Casares de Viana. Baixo estas liñas, podedes ver un resumo da pasada campaña 2010.

mércores, 6 de abril de 2011

Encontro pola convivencia

Susana Fernández, Viana do Bolo. Os días 8, 9 e 10 de abril un grupo de 14 alumnos de ESO e Bacharelato, xunto cun profesor, unha profesora e o pai dun alumno do instituto, participarán no "Encontro pola convivencia" que terá lugar no albergue de Bustiello (Mieres - Asturias). O encontro enmárcase dentro do Programa ARCE do Ministerio de Educación e nel tamén participarán os IES Ramiro II de A Robla (León) e o IES Valle de Aller de Moreda (Asturias). Para coñecer o programa desta actividade fai clic aquí.

sábado, 2 de abril de 2011

Mediación no Fin do Camiño

Luis Fernández, Fisterra. O pasado venres 1 de abril, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo participou no I Encontro de centros educativos con servizo de mediación, que tivo lugar no IES Fin da Terra de Finisterre, que o organizou coa colaboración do IES de Ortigueira. O instituto de Viana estivo representado polo director neste foro que traballou a formación do profesorado e do alumnado e o intercambio de experiencias. O encontro tivo lugar no instituto Fisterrá e rematou coa foto de familia no Faro de Fisterra.