O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

venres, 25 de novembro de 2011

Non á violencia de xénero

Cincuenta e dúas estrelas negras lembran a outras tantas mulleres asasinadas en 2011


Ovidio Villar, Viana do Bolo. É triste que teña que haber un día internacional coma este. Non son poucos os esforzos que fai a sociedade para frear esta barbarie. E non son suficientes. Pero é importante saber que seguimos a loitar, día a día, para podelo conseguir. Esta mañá, no patio do IES Carlos Casares, representamos un pequeno corto que nos fixo chegar unha mensaxe moi clara: "ninguén ten dereito a maltratarte, se acaso a quererte". A continuación, entramos ao corredor central para lembras ás 54 mulleres vítimas da violencias de xénero en 2011, representadas cada unha delas por unha estrela negra pegada no chan e baixo o lema "non me pises". Por un 2012 baleiro de estrelas!

Video 1: Luis Fernández, Director do IES
Vídeo 2: "Amores que matan"

xoves, 24 de novembro de 2011

Salta!

Cristian Diéguez, Viana do Bolo. Actividades no patio do Ies Carlos Casares de igualdade de xénero. Coordinadas polo profesor de EF Pablo Cuervo. Fainos brincar a ritmo de corda a todos e todas. Pasámolo moi ben e cada vez somos mellores.



Gravación: J. Fouz

luns, 21 de novembro de 2011

XXIV Congreso ENCIGA

Nesta edición de ENCIGA expúxose, entre outros, un traballo realizado o pasado curso no noso instituto

Redacción. O pasado venres 18 de novembro, Pablo Sánchez González, ex-alumno do IES Carlos Casares de Viana e alumno de 1º de Física na Universidade de Santiago de Compostela, e Luis Fernández López, profesor de Bioloxía e Xeoloxía participaron no XXIV Congreso de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), que tivo lugar no IES Fontem Albei de Fonsagrada (Lugo).

Luis Fernández ao portátil e Pablo Sánchez á PDI, no Fontem Albei

Na ponencia relataron a experiencia que, durante dous cursos, se realizou no instituto de Viana do Bolo para investigar a posible influencia da Lúa no número de partos en humanos. Para a mostra estudada non se detectou ningún efecto. O traballo foi realizado polos alumnos Pablo Sánchez e Adrián Ortega Fernández, actualmente alumno de enxeñería en Madrid, e coordinados por Luis Fernández e Ovidio Villar Marcos.

A ponencia asistiron uns 15 docentes galegos que manifestaron moito interés polo traballo que axuda a desmontar unha crenza moi enraizada en Galicia.

xoves, 17 de novembro de 2011

Convivencia a tres bandas

Luis Fernández, Viana do Bolo. O día 16 de novembro tivo lugar no IES Ramiro II de La Robla (León) a reunión de organización do traballo para este curso da agrupación de centros que traballamos sobre diferentes aspectos da convivencia escolar. Lembrar que estamos no segundo ano desta agrupación no que participa o centro de La Robla, o IES de Moreda (Asturias) e o IES Carlos Casares de Viana. O traballo da agrupación está financiado polo Ministerio de Educación.

A reunión asistiu a dinamizadora de convivencia, Susana Fernández, o orientador Plácido Blanco e o director, Luis Fernández. Un dos temas a tratar foi  a organización do encontro de mediadores e mediadoras deste curso e dos tres institutos, que nos toca organizar, e se desenvolverá en Viana do Castelo (Portugal) en maio de 2012. Ademais tratáronse outros temas como a elaboración de unidades didácticas para diferentes materias que traten a convivencia e a educación para o desenvolvemento, a análise de protocolos de ciberacoso ou as liñas de traballo para o futura da agrupación que remata a primeira fase de cooperación en xuño de 2012.

Adiccións sociais, escapa delas

Carlos Ferreiro, Viana do Bolo. Hoxe, 17 de novembro, Pilar Trabazo Arias, técnica sanitaria da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Ourense impartiu unha charla acerca do tema “Adiccións sociais” para o noso alumnado de 3º e 4º de ESO. Na Aula Magna, un total de 56 alumnas e alumnos reflexionaron sobre dependencias con respecto ás novas tecnoloxías, ao xogo, á comida, ao exercicio físico desmesurado. Pilar destacou que ningunha desas actividades é, en sí mesma, nociva, senón todo o contrario. O problema xordxe cando a obsesión por unha determinada labor anula a vontade e se converte nunha escravitude para as persoas.

Un grupo traballando na aula Xesús R. Jares (Imaxe: Carlos Ferreiro)

mércores, 16 de novembro de 2011

Fin de Gadafi e ETA

Sandra Escuredo - Rocío Fernández, Viana do Bolo. O pasado día 15 de novembro reunímonos os alumnos de 1º e 2º de bacharaleto e diferentes profesores para debatir sobre o fin dos días de Gadafi, as implicacións morais e éticas sobre a súa morte e as circunstancias que levou a cabo durante a súa vida. Comentamos as demais ditaduras árabes, Siria foi unha delas, e como a ONU actúa en cada unha delas.

Dous momentos do debate, na biblioteca do IES (Imaxes: Isabel Martíns)

Tamén falamos sobre o fin de armas de ETA, e que nos parecían esas ideoloxías, se o nacionalismo tiña un fin lóxico ou simplemente un sentimento, como se poden separar comunidades autónomas de territorios, xa que ETA quere separar o País Vasco, Navarra e territorios franceses, nun país diferenciado;  según este nacionalismo teñen unha historia, cultura, idioma… común.

Como non, iniciamos un pequeno debate aparte, sobre política e o perigoso futuro das democracias en gobernos formados por tecnócratas...

Xornadas de mediación

Susana Fernández, Viana do Bolo. A pasada fin de semana catro integrantes do equipo de mediación desprazámonos a Lugo para participar na III Xuntanza de persoas mediadoras que se celebrou nesta cidade. Acudimos a esta xuntanza un total de dez centros educativos, a maioría lucenses, se ben nelas estaban representadas tódalas provincias galegas. A inauguración correu a cargo do alcalde da cidade, quen resaltou a importancia de que a xente nova se implique neste tipo de actividades destinadas á mellora da convivencia.

O grupo de Viana, nas escaleiras da Praza Maior

Con diversos xogos cooperativos coñecimos alumnado e profesorado doutros centros que, coma nós, forman parte de equipos de mediación escolar. Compartimos experiencias, reflexións e inquedanzas e, participando en representacións teatrais ideadas por nós mesmos, vivenciamos situacións de conflito profundizando na adquisición de coñecementos e habilidades que, sen dúbida, nos serán de utilidade na tarefa de colaborar na súa resolución dialogada.

Galería de imaxes

domingo, 13 de novembro de 2011

Igualdade de xénero e educación

Luis Fernández, Avilés. O IES Carlos Casares de Viana participou, do 10 ao 12 de novembro, no Congreso "Igualdade de Xénero e Educación", que tivo lugar no Centro Oscar Niemeyer, en Avilés (Asturias), organizado polo Ministerio de Educación e o Gobierno del Principado de Asturias.

Fundación Niemeyer, Avilés
Foi unha moi boa oportunidade de encontro e formación que axudará ao noso instituto a continuar na liña coeducativa que iniciamos xa hai anos. Este curso, a a partires de xaneiro, comezará a actividade un grupo de traballo do profesorado, en cooperación con InteRed, para tomar as primeiras medidas para iniciar un camiño a prol da igualdade entre mulleres e homes.

No encontro de Avilés, entre outros aspectos, analizarónse estudos que demostran a importancia do traballo das escolas e institutos para reducir a posibilidade de sufrir ou causar violencia de xénero, recordando que a educación de xénero é responsabilidade das familias pero, tamén, dos centros educativos.

Máis información: http://www.igualdaddegeneroyeducacion.es/

venres, 11 de novembro de 2011

Magosto

Ovidio Villar, Viana do Bolo. Un ano máis, tizón nas caras e bullotes ao papo. Este pasado xoves, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo xuntouse nun novo magosto, en vésperas dun San Martiño calmo, remiso a deixar marchar o verán do que fai gala. Volveron as carreiras para ver a quen pintar, e tamén para poder ver a quen nos pinta. Outro novembro, outra edición dun dos nosos costumes máis enxebres.

(clic para ampliar)

mércores, 9 de novembro de 2011

ABALAR 2011

A maioría do claustro do Carlos Casares de Viana do Bolo participa nesta actividade de formación do profesorado
 
Un grupo de profesorado probando unha PDI
Ovidio Villar, Viana do Bolo. Esta semana, o grupo de profesores e profesoras que integran o ABALAR no centro vianés seguiron coa súa formación para o uso da pizarra dixital interactiva. Este programa, coordinado polo profesor José Fouz, inclúe tamén a formación nunha ampla gama de software así coma a creación de material dixital. Este curso, ademais, o centro é pioneiro no programa piloto da Xunta de Galicia no ensino con libros web.

luns, 7 de novembro de 2011

Os “Vicente Ferrer” en Cuenca

Moitos dos centros educativos premiados con este galardón reuníronse na cidade manchega

Casas Colgadas (Imaxe: Ovidio Villar)
Ovidio Villar, Viana do bolo. A pasada fin de semana tivo lugar na UIMP de Cuenca, e baixo a organización da AECID, o II Encontro Nacional de Docentes en Educación para o Desenvolvemento. Os profesores do IES Carlos Casares de Viana do Bolo Adrián López e Luis Fernández tiveron a oportunidade de amosar o traballo en artesanía solidaria impulsado pola UE Timoteo Rondales de Bermejo SC (Bolivia) e no que participa tamén o centro vianés. Foi tamén esta unha boa ocasión para volver coincidir con moitos outros centros tamén galardonados co "Vicente Ferrer".

venres, 4 de novembro de 2011

Día da Ciencia en Galego

David Ponte, Viana do Bolo. Pode realizarse o “retrato robot” do sospeitoso dun crime a partir dunha mostra de ADN? Existe unha orixe común entre as poboacións do norte de Europa e os galegos? Como é o día a día dun investigador? Estas e moitas outras cuestións foron contestadas desde Natal (Brasil) polo profesor Ángel Carracedo (catedrático e director do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela), que se someteu, a través de videoconferencia, ás preguntas de milleiros de alumnos de educación secundaria.

Un momento da videoconferencia, clic para ampliar (Imaxe: Ovidio Villar)
O evento, enmarcado nas actividades que se realizaron no día da ciencia en galego, tivo lugar na mañá de hoxe e foi seguida desde aproximadamente un centenar de centros de educación de Galicia. Alumnos de segundo ciclo de secundaria e de Bacharelato do IES Carlos Casares participaron no evento (seguido en directo desde a aula magna Xesús R. Jares), que comezou cunha presentación do traballo que realiza o Dr. Carracedo e o seu equipo no eido da medicina legal. O profesor Carracedo describiu as técnicas que se empregan para analizar as mostras que lles remiten corpos policiais de todo o mundo. O avance no estudo do xenoma humano e o prefeccionamento das técnicas de análise xenético fai que, nalgúns casos, sexa posible identificar o autor dun crime a partir, unicamente, dun obxecto persoal atopado na escena do crime.

Galería de imaxes