O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

xoves, 27 de setembro de 2012

A Formación Profesional consolida o seu crecemento en Viana

Este curso, o IES Carlos Casares conta con máis de vinte matrículas formalizadas para o Ciclo Medio de Atención a persoas en situación de dependencia

Ovidio Villar | Logo duns anos de crecemento, tanto en alumnado coma en experiencias enriquecedoras, o Ciclo Medio que oferta o IES vianés conta cun nutrido grupo de alumnado. En total, vinteunha persoas matriculadas, entre as que atopamos antigas alumnas e alumnos do centro, da ESO, do Bacharelato e do Ciclo Medio de Atención Socio-Sanitaria. O Carlos Casares segue así a apostar por unha educación integral e unha formación práctica esencial para que a calidade de vida non sexa ningún luxo senón unha realidade para toda a poboación.

O grupo, durante un momento da presentación deste curso

mércores, 26 de setembro de 2012

Unha boa nova para a nosa Biblioteca

Carlos Ferreiro | En resolución publicada no día de hoxe no DOG, a Consellería de Cultura, educación e Ordenación Universitaria ven de conceder un ano máis unha subvención pola cuantía de 1.800 € ao noso centro para a daquisición de fondos e material de Biblioteca, ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).


xoves, 20 de setembro de 2012

Un paso máis


A UNESCO selecciona como finalista nacional para o premio Acción Magistral ao IES Carlos Casares de Viana do Bolo
 
Luis Fernández | A oficina técnica do Premio da Acción Maxistral, acaba de seleccionar aos 20 centros educativos de España (10 de infantil e primaria e 10 de secundaria), que competirán polo premio nas dúas categorías do galardón, correspondentes aos niveis educativos respectivos.

O comité de selección estivo formado pola oficina española da UNESCO, a Fundación de Axuda contra a Drogadicción e a Fundación BBVA, que contaron coa axuda do servizo de Alta Inspección do Ministerio de Educación. No mes de xullo fomos seleccionados como finalistas de Galicia e, agora, pasamos xa a derradeira fase. Dos 500 centros presentados chegan só 20 a etapa final.
A finais deste mes de setembro saberemos o resultado final. Os centros gañadores recibirán o premio de mans da Súa Maxestade “La Reina”, no Pazo da Zarzuela de Madrid.

xoves, 6 de setembro de 2012

Novo director no IES Carlos Casares

O pasado 1 de setembro de 2012, por decisión da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Educación Universitaria de Ourense, tomou posesión como director e presidente do Consello Escolar do IES Carlos Casares de Viana o profesor Don Carlos Ferreiro González, do Departamento de Lingua Castelá e Literatura.

Carlos Ferreiro é doutor en Filoloxía pola Universidade da Coruña. A súa carreira científica está claramente marcada pola Literatura Hispanomaericana, especialmente vinculado á chilena, onde tivo varias estancias en distintas universidades do país sudamericano. Ademais é autor de varios traballos sobre literatura, ademais da súa tese doutoral, e, máis en secreto, de obra poética que sempre rexeita de compartir. Oxalá se anime a compartila.

Emotiva despedida a Luis Fernández

Carlos Ferreiro | Existen ocasións na vida nas que resulta moi difícil falar ou escribir sen que a emoción desborde ou eclipse o meramente obxectivo. O pasado venres 31 de agosto foi un deses días. A comunidade educativa do IES Carlos Casares, representada por todos e cada un dos sectores que a formamos, nos reunimos no restaurante A nosa casa para homenaxear e dicir un "Ata pronto" ao noso compañeiro, amigo, profesor e Director nos últimos sete anos, Luis Fernández López.