O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

sábado, 25 de abril de 2015

23 de abril, día do Libro

Este ano conmemoramos esta data cunha interesantísima exposición dos libros que acompañaron ao noso profesorado durante a súa infancia.


Os peixes cebra xa están aquí

O pasado luns ao mediodía chegaron os nosos peixiños cebra (Danio rerio). Aquí se presentan aos amigos de O Choupín. Son 9 exemplares que esperemos que estean moito tempo no Carlos Casares de Viana.


Xa hai unha semana que o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO (Alba, Iago, Irea, Laura e Lisa) as profesoras Monse Ulloa e Uxía que colaboramos no proxecto estamos a prepararlles a súa peixeira (a auga a boa temperatura, os filtros, o fondo, a luz...).

A partir de agora pódese facer o seguimento do proxecto e aprender curiosidades sobre esta especie modelo no blog que se creou.

venres, 24 de abril de 2015

Mediación escolar en Colombia

Os vindeiros 27, 28 e 29 de abril a Coordinadora do equipo de mediación do instituto, a profesora Susana Fernández Vázquez, desprazarase a Bogotá para participar na formación dos primeiros mediadores e mediadoras da Escola de Mediación Xesús R. Jares desa cidade.


Este curso de mediación está organizado polo Centro Cultural e Educativo Español Reyes Católicos, da Embaixada de España en Colombia, que dirixe o noso anterior director, Luis Fernández López, e conta coa colaboración da UNESCO, A Universidade Católica de Colombia, e a Universidade da Área Andina, entre outras institucións. Neste primeiro curso formarase a alumnado profesorado e familias de 6 centros públicos e privados.

mércores, 22 de abril de 2015

Ampliación de prazo

Amplíase o prazo de presentación de fotografías para o Certame Internacional de Fotografía Matemática ata o vindeiro 5 de maio, incluído.

Aínda estás a tempo de participar!


martes, 21 de abril de 2015

O mundo que queremos

Juan B., Monse U. | O día 17 de Abril fomos de excursión a Santiago de Compostela, cantando no camiño de ida e pasándoo moi ben. Unha vez chegamos alí, reencontrámonos cos coordinadores do proxecto “O Mundo que queremos”. Estivemos na Sala Capitol, onde nos reunimos con outros centros de diferentes lugares que colaboraban co proxecto xunto con nós.



Rematadas as presentacións, comezou a despedida co grupo “Pacha Mama”. Moita festa, moita xente...

domingo, 19 de abril de 2015

Día Mundial da Saúde

M. Ulloa, E. López | O 7 de abril celebrouse o Día Mundial da Saúde para conmemorar a data na que se fundou a OMS (Organización Mundial da Saúde).


Dende o departamento de Bioloxía queremos coñecer como estamos de saúde no IES Carlos Casares, e para iso propoñemos determinar o IMC (índice de masa corporal) e a presión arterial da comunidade educativa, así que desde o martes e durante toda a semana no tempo dos recreos voluntarios tomarán os datos e logo farase un estudo estatístico. Lembra que está aberto a todas e todos e é voluntario e confidencial!!

Día do Libro, 23 de abril

Este ano a proposta dende a nosa Biblioteca é crear unha exposición cos libros que marcaron a nosa infancia ou xuventude. Para a ocasión, David Álvarez realizou este marabilloso deseño...


luns, 13 de abril de 2015

Contratos programa 2015

O pasado venres 10 de abril, o IES Carlos Casares estivo representado polo seu director Carlos Ferreiro e o xefe de estudos Luis Crende na Xornada de Desenvolvemento dos Contratos-Programa, que tivo lugar no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Máis de 400 profesoras e profesores de toda Galicia intercambiaron experiencias sobre as diferentes estratexias de apoio ao alumnado con necesidades educativas, a mellora de rendemento, e tamén dos grupos de excelencia, como o noso Quero Máis. Neste senso, a nosa escola pódese catalogar como pioneira, pois nos inscribimos xa nesta actividade desde o primeiro ano, e fomos tamén das que pedimos e inauguramos os programas adicados ao alumnado con altas capacidades.


Puidemos aprender moito das diversas actividades presentadas, e insistíusenos tamén na necesidade de unha escola que enseñe ao alumnado a facer, máis que unha escola memorística e impartidora de contidos. Resultou, polo tanto, unha xeira proveitosa.

venres, 10 de abril de 2015

Odaiko fantástico

Hoxe o alumnado de 2° de ESO asistiu a unha fenomenal atuación do grupo percusionista Odaiko. Humor, didáctica e bos ritmos fundíronse ante un público totalmente entregado. Odaiko, un grupo galego, de Merzas, que crea bases rítmicas con toda clase de obxectos, mesmo co seu corpo. Moi recomendable!!

Un momento do concerto

Sesión de fotos

Visita á Catedral de Ourense

Hoxe o alumnado de relixión de Bacharelato viaxou a Ourense para visitar a Catedral. Xornada de convivencia para este grupo de rapazas e rapaces.


Certame María Varela

Hoxe un grupo de alumnado do IES Carlos Casares desprazouse pola mañá a Verín para participar no I Certame de Relato María Varela, organizado polo IES Taboada Chivite na memoria de María. Grazas tanto á organización coma a todos os participantes.


mércores, 8 de abril de 2015

Explícoche Matemáticas 2.0, VOTA!!


Dúas micromovies rodadas por alumnado do Carlos Casares de Viana do Bolo preséntanse a concurso nunha nova edición do Explícoche Maremáticas 2.0, certame organizado por Educabarrié e a Facultade de Matemáticas da USC.


Os traballos presentados son "Menú de aprendizaxe de Fraccións", de Lois G. A., e "Xeometría na area", de Paula N. P., Víctor F. F. e Nerea P. S.

martes, 7 de abril de 2015

Multiconferencia: "O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo"

Alba R., Irea R. | Para conmemorar o día mundial da árbore alumnos de 1º, 2º e 4º curso da ESO asistimos o pasado 18 de marzo a unha conferencia virtual, organizada por "O monte é a nosa vida" na que se trataron temas de grande importancia no día de hoxe que si aplicásemos e tivésemos conciencia deles, viviríamos nun mundo moito menos contaminado e sen perigos como o quecemento global.


Grazas a ela fomos conscientes da importancia que teñen as árbores para nós, os seres humanos, e para unha gran cantidade de fauna. As árbores teñen unha gran funcionalidade , dende converter o CO2 en O2 mediante o proceso de fotosíntese, ser eficaces cortaventos, ancorar ben o solo, proporcionarnos madeira, papel, froitos, sombra e ata refuxios para os “bichiños” que buscan protexerse do mal tempo ou dunha noite longa e fría.

Vai uns 8000 anos  a maioría do planeta gozaba dunha densa superficie de masa forestal, pero dende estes últimos anos estase a diminuír un 20% cada ano, o equivalente a superficie de Grecia!! Cada ano elimínase masa forestal equivalente á superficie de Grecia. As principais causas polas que esta espesa arboreda está desaparecendo son os lumes (os máis perigosos son os incendios do subsolo debido a que se queima o solo a parte do que é a materia orgánica o que provoca que despois do incendio sexa moi difícil que se volva rexenerar) e as grandes deforestacións ás que están sometidas as grandes superficies de árbores .Para evitalo, débese manter o monte nunhas boas condicións de limpeza, eliminando maleza que é moi inflamable á hora de producirse un incendio. Outra medida para axudar a que se rexenere o solo é facendo plantacións de árbores. Tamén se diminúe a cantidade de CO2 expulsada á atmosfera fabricando con madeira en lugar de con formigón.

O máximo coidado e solidariedade cando imos ao monte é moi importante, dixéronnos, xa que o mínimo descoido pode provocar incendios que deforesten grandes áreas de árbores. Isto é potencialmente perigoso, non só para os bosques, senón tamén para nós. Tamén nos contaron que a proporción entre áreas deforestadas anualmente e reforestadas, está moi lonxe de ser proporcional e iso, é un problema, pois non podemos consumir máis do que temos sen replantar. Aquí, en Galicia, a provincia que máis superficie arbórea ten é Lugo, e sobre o resto de España, Galicia constitúe o 11% da masa forestal, é o “pulmón” de España. As principais árbores que atopamos son castiñeiros, carballos ,eucaliptos e piñeiros aínda que a única especie autóctona que se cita é o carballo. Durante a conferencia, desmentíronnos algo que tiñamos moi interiorizado con respecto a que os eucaliptos ao ser unha especie invasora é daniña para o terreo, cando en realidade non é así, é máis, é beneficioso debido á función que leva a cabo.

Todos estes puntos mencionados, son de grande importancia na actualidade, ser conscientes deles e consecuentes, pode que nos axude a vivir dun xeito, con moitas máis calidades e nun mundo moito máis san e sostible, reducindo o quecemento global e o efecto invernadoiro.

Ao rematar a conferencia o alumnado do IES Carlos Casares xunto con alumnado doutros centros de primaria e secundaria de Galicia fíxolles unhas cuestións virtuais ás persoas que nos estaban informando a través dun chat. O slogan “Unha árbore é vida” ten moito sentido xa que sen elas a vida na Terra non sería posible e esperamos que esta conferencia nos fixera reflexionar sobre a súa importancia e que aprendamos un pouco máis sobre elas, como son e como conservalas no presente e no futuro.