O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

venres, 11 de abril de 2014

Obradoiros da DXT

Durante a mañá de hoxe tivemos a visita da DXT de Ourense. Sinda, Norberto e Juan traballaron co alumnado da ESO e Bacharelato en diferentes temáticas referentes a unha conducción segura. Os grupos de 1º, 2º e 3º de ESO visualizaron e comentaron a curtametraxe "Entreparadas", interpretada entre as diferentes paradas dos buses da capital ourensá por persoas con algún tipo de discapacidade. Esta actividade profunda non só na importancia de evitar accidentes de tráfico, senón tamén no feito de traballar por unha sociedade inclusiva para todas as persoas.

Sinda Aguiar, durante a presentación de "Entreparadas"

Os grupos de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, máis próximos a idade de obtención dos diferentes permisos de conducir, analizaron a inquedante presenza de alcol e outras substancias alucinóxenas nos diferentes test que os axentes de tráfico realizan a diario nas nosas estradas. Unha realidade que ten que mudar.

Observade a importancia de levar o chaleco!

Agradecemos á DXT a súa presenza, traballo e aportación de material ao noso IES, o que xa dende hai tempo ten unha importancia e continuidade ben valoradas por parte da comunidade educativa.

Información sobre ciclos

Seguindo coas xornadas da V Semana da Orientación, onte venres recibimos a visita do IES Xermán Ancochea Quevedo, de Pobra de Trives, que presentou ao alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato a súa interesante oferta de ciclos medio e superior de Electricidade e Electrónica. 

Un camiño que algún alumno do noso centro xa emprendeu nestes últimos anos.

xoves, 10 de abril de 2014

Visita de Museos en Ponferrada

A saída educativa de onte, mércores 9 de abril, a Ponferrada, converteuse nunha das máis satisfactorias e innovadoras que temos feito nos últimos tempos no noso centro. O día comezou cun percorrido didáctico de máis dunha hora polas instalacións do Museo Nacional da Enerxía, onde mediante unha serie de explicacións excelentes da nosa guía Judith, o material interactivo e a propia visións das instalacións o noso alumnado observou o pasado, presente e futuro do carbón e a obtención de electricidade nunha central térmica. As rapazas e rapaces elaboraron ademáis de xeito excelente unha ficha de contidos sobre a visita, e quédanos a lembranza dun dos museos científicos mellor organizados que temos visto.
No Museo da Enerxía
Ao mediodía chegou o turno do Museo da Radio Luis del Olmo, onde ademáis de contemplar unha das mellores coleccións mundiais de aparellos de radio e unha fonoteca con documentos sonoros que son xa parte da historia de España, o alumnado de 4ºB gravou en directo un programa de radio que en breve estará á disposición de todos no Choupin. Polo tanto os nosos estudantes foron por un día improvisados locutores...

Gravación no Museo da Radio

Tras o xantar, visitamos o Castelo dos Templarios de Ponferrada, no que desfrutamos dunha mostra de traxes de oficios medievais, a exposición Templum Libri, con mapas e manuscritos de gran valor, e, como non ,un breve paseo polas murallas da fortaleza defensiva da vila.

Foto de grupo

Xa por último un breve paseo libre polo casco histórico e a Ribeira do Sil deu fin a unha xornada que destacou polo carácter ameno e o excelente comportamento do alumnado. Ate a próxima, Ponferrada!

luns, 7 de abril de 2014

O mundo que queremos

Un grupo do IES Carlos Casares, integrado por alumnado do primeiro ciclo da ESO, vén de asistir o pasado 4 de abril a unha xuntanza de centros participantes no proxecto "Cooperación Galega: o mundo que queremos". Máis de cincocentos rapaces e rapazas se reuniron na Sala Capitol de Santiago de Compostela para compartir o traballo feito durante este ano e asistir a un concerto de Hip-Hop.

O grupo durante o concerto na Sala Capitol

Camiñando pola chuviosa Compostela

venres, 4 de abril de 2014

Nace unha emisora

O alumnado de 2º de ESO vén de crear o primeiro programa de radio da emisora do noso centro, un proxecto que día a día toma máis forza. Esta actividade está enmarcada no Plan Proxecta, concretamente no ámbito do programa Cooperación Galega: o mundo que queremos, e neste primeiro podcast aparecen interesantes reflexións sobre os obxectivos do milenio.

xoves, 3 de abril de 2014

Ata sempre, Carmen

No día de onte, 2 de abril, recibimos a durísima noticia do pasamento de Carmen García Nieto, traballadora social do Concello de Viana do Bolo, e natural do veciño concello de A Mezquita. Tras unha longa enfermidade, Carmen déixanos un regueiro de lembranzas positivas no seu traballo a prol da educación na bisbarra.

Carmen, no centro, durante a recollida dun premio a un alumno do IES

Agólpanse agora na memoria moitas tardes nas que compartimos cursiños de formación, charlas sobre os problemas e dificultades no noso traballo cotiá, aos que Carmen enfrontaba sempre cun gran sentido do humor. Para os que xa levamos un tempo no centro e a coñeciamos ben é un forte golpe, do que só nos queda repoñernos co exemplo. Sei que desde Bogotá e Bermejo haberá tamén recordos para ela, e dende o IES Carlos Casares só nos resta sumarnos á dor da súa familia e enviarlles unha aforte aperta. Ata sempre, Carmen!

mércores, 2 de abril de 2014

Radio Tehuacán

O. Villar | Acompañáronnos esta mañá Jasmin, José Manuel e Iris, case recén chegados dende El Salvador para presentarnos un proxecto xenial, altruísta e valente. Contra vento e marea, contra unha sociedade non libre (o medo coarta a liberdade), transmiten á súa comunidade a idea de que un mundo mellor é posible. A través das ondas dun programa de radio (Radio Tehuacán), traballan dende a importancia da igualdade de oportuinidades ata o valor da cooperación. Son voluntarios e voluntarias e teñen moi clara a importancia da súa tarefa.


Esta interesante proposta chéganos da man de Paula Rojas e no marco do proxecto Cooperación Galega: o mundo que queremos, e terá continuidade en Santiago de Compostela o vindeiro catro de abril, nun encontro de todos os centros que participan nesta actividade do Plan Proxecta. Participaron 1º e 2º de ESO.

martes, 1 de abril de 2014

Exposición sobre o Cambio Climático

O corredor principal do IES Carlos Casares acolle estes días a exposición "Cambio climático, o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción". Forma parte das exposicións itinerantes do CEIDA e permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 11 de abril. 

Animamos a todas aquelas persoas interesadas en materia de xestión de recursos, sostibilidade e ecoloxía a facernos unha visita.

domingo, 23 de marzo de 2014

Adeus a un mito

(>>)
Carlos F. | Hoxe, 23 de marzo de 2014, deixounos o que foi primeiro Presidente electo democraticamente na Historia recente de España e principal artífice do chamado “proceso da Transición” do noso país.


Adolfo Suárez, coas súas contradicións e os seus erros, supuxo un exemplo de home de Estado, afastado das carnicerías e as guerras sucias políticas que tanto vemos hoxe no ámbito da nosa vida pública. Pagou un prezo moi caro por tratar de manter un equilibrio entre os distintos extremismos ideolóxicos da época. Denostado pola dereita e extrema dereita, que o consideraba un traidor á herdanza franquista; criticado tamén pola esquerda, que entendía que os seus cambios eran insuficientes e desconfiaban da súa procedencia do réxime dictatorial.

Neste país, tan cainita e guerracivilista, sería desexable que actitudes e talantes coma o seu volvesen a liderar o espazo político. Curiosamente, moitos dos que estes días louvan a súa figura foron inmisericordes cos ataques cara él, mesmo no plano persoal. O camiño cara a un rexime democrático e o respecto absoluto ás opinións e liberdades alleas, que hoxe ás veces semellan cuestionadas, debémosllo a él. Como definiu nun dos seus discursos “deseo elevar a la categoría política de normalidad, lo que en la calle es simplemente normal”. Na novela de Javier Cercas, Anatomía de un instante, faise un retrato fermoso, xusto e rigoroso da súa figura. GRAZAS, PRESIDENTE.