O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

domingo, 2 de outubro de 2016

Facendo camiño

Na xornada de onte, Susana Fernández e Ovidio Villar interviñeron nun obradoiro no marco do I Congreso Internacional e III Xornadas de Educación Social e Escola.


Esta actividade, coordinada por Nova Escola Galega celebrouse na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense. Nela, os representantes do centro vianés, deron a coñecer A Senda da Convivencia, un programa do noso IES que na súa orixe partiu de tres niveis concéntricos de colaboración (mediación escolar, voluntariado e cooperación internacional), e que hoxe recolle todos os eidos de voluntariado social que levamos a cabo.

xoves, 22 de setembro de 2016

Recollida de roupa e calzado

O IES Carlos Casares está a participar nunha campaña de recollida de roupa e calzado usados, ubicándose como punto de encontro de quen queira participar. Os beneficios desta acción solidaria, de nome "Mariola" e coordinada pola ONG Global Humanitaria, serán destinados á proporción de atención integral a 35 nenas en situación de vulnerabilidade a través dun fogar de acollida en Baruipur (India).


Galiciencia 2016

Laura T e Monse U | Chega outono e con el #Galiciencia 2016, a maior feira científica de Galicia. Como todos os anos, e este será o terceiro ano que o fagamos, o IES Carlos Casares participará no concurso de fotografía este ano a temática son AS MATEMÁTICAS.


Así que xa sabes colle a túa cámara de fotos ou móbil, fai unha foto (podes enviar ata 3) bótalle imaxinación e ponlle un bo título. Logo envíallo ao teu profe de matemáticas ou bioloxía antes do 20 de outubro. Lembrade que o voso compañeiro Juan Bembibre foi o gañador neste concurso en Galiciencia 2015, entre todas as fotos enviadas polos centro de Galicia. Se tedes algún proxecto de investigación científica también podes participar (preguntade ás profesoras de Bioloxía).

xoves, 15 de setembro de 2016

Nun máster en Bogotá

Na xornada do mércores 14 a Rede de Mediadores de Paz Xesús R. Jares vén de compartir a súa experiencia nun máster de ciencias políticas da Universidade Católica de Bogotá.


Luis Fernández (CCEE Reyes Católicos), Ovidio Villar (IES Carlos Casares), Sergio González (mediador CCEE Reyes Católicos), Victor Martin (UNESCO) e Daniel Michaels (Fundación Universitaria Área Andina) conversaron con preto de 40 alumnos e alumnas de maestría durante case dúas horas sobre a labor da rede e da educación en xeral na formación para a resolución pacífica de conflitos ou a aplicación da mediación a outros niveis, como pode ser a política.

martes, 13 de setembro de 2016

Un novo centro que se une á rede

Os profesores Conny (Universidade Católica de Bogotá) e Ovidio (IES Carlos Casares de Viana do Bolo) veñen de visitar o Colexio Ofelia Uribe, ubicado en Usme, un barrio do sur da capital colombiana.


Esta comunidade educativa ten uns 2.660 alumnos e alumnas que se reparten en dous turnos diarios, e convive de forma cotiá con situacións de violencia, drogadicción e exclusión social. Desta reunión con profesorado e alumnado do centro educativo acaba de nacer o compromiso entre o Ofelia Uribe e a Rede de Mediadores Xesús R. Jares de formar mediadoras e mediadores de paz no colexio para poder utilizar algúns dos conflitos máis habituais da aula como ferramenta de aprendizaxe para a vida a través da súa resolución pacífica por medio do diálogo.

martes, 6 de setembro de 2016

Mediadores e mediadoras para a Paz

Está a piques de comezar o III Curso de formación de Mediadores e Mediadoras para a Paz impulsado pola Rede de Mediación Escolar Xesús R. Jares no CCEE Reyes Ctólicos de Bogotá (Colombia).


Hoxe pola tarde Luis Fernández, Rector do centro bogotano, e Ovidio Villar, Vicedirector do IES Carlos Casares levaron a cabo unha primeira aproximación a esta formación en centros co profesorado participante. Esta semana formaranse preto de 100 rapaces de diferentes colexios da capital colombiana. O acto de inauguración terá lugar mañá día 6 de setembro ás 8:30 h (hora colombiana), e está previsto que asista o ex-Presidente colombiano Belisario Betancur. Colombia vive nestes momentos un proceso de transición cara á paz, polo que a creación dunha cultura de diálogo e non violencia se antolla esencial.

mércores, 24 de agosto de 2016

75 aniversario

Hoxe, 24 de agosto , cúmprense 75 años do nacemento do noso lembrado Carlos Casares. O noso centro afronta un curso académico especial no que o escritor limián e universal será a figura senlleira do Día das Letras 2017.

Carlos Casares (imaxe: www.vigoe.es)

Dende xa convidamos a toda a comunidade educativa e cidadá de Viana do Bolo a propoñernos, organizar e/ou participar con nós en calquera actividade que homenaxee, realce ou lembre a figura de Carlos Casares e o seu vencello coa nosa bisbarra e o noso instituto.

domingo, 10 de xullo de 2016

Letras Galegas 2017

Onte, 9 de xullo, almorzabamos coa feliz noticia da elección por parte da RAG da figura de Carlos Casares  para o próximo Día das Letras Galegas 2017.



Para o noso Instituto ábrese, pois, un reto á hora de celebrar e recoñecer a importancia da súa figura, e dalgún xeito, reivindicala, e compensar o agravio que sufrira por parte das autoridades locais durante a ditadura franquista. Será unha labor de toda a comunidade educativa, non só dun pequeno grupo de profesorado ou alumnado, e, dalgún xeito, Viana do Bolo, deberá ser protagonista especial destes eventos. Noraboa a súa familia e a Fundación Carlos Casares, e dende xa, contan con nós para facer máis grande o vindeiro Día das Letras.

mércores, 6 de xullo de 2016

Dúas imaxes, dúas miradas matemáticas

Vén de fallarse o Certame Internacional de Fotografía Matemática IES Carlos Casares. O Xurado do certame declarou gañador do Primeiro premio a Gael Ferreiro, do IES Carlos Casares, polo seu traballo "Circunferencias infinitas con unión en cruz".

Circunferencias infinitas con unión en cruz

Pola súa parte, os internautas votaron o traballo "Curvas en la noche", de Martín González, do CCEE Reyes Católicos de Bogotá, outorgándolle o Premio Especial do Público.

Curvas en la noche