O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

martes, 20 de setembro de 2011

Comeza un novo curso

Luis Fernández - Ovidio Villar, Viana do Bolo. O pasado venres foi convocado o alumnado de Bacharelato para a presentación deste novo curso 2011-12. Onte foi o turno do alumnado da ESO, agás os programas de Diversificación Curricular, que hoxe mesmo se presentaron en presenza do alumnado correspondente, o equipo directivo, os titores e os profesores de ámbito. Arrancará completamente este novo ano académico logo das respectivas presentacións do Ciclo Formativo de Atención Sociosanitaria, o 29 de setembro, e o That's English, o 20 de outubro.
Dous momentos durante a presentación do alumnado da ESO

Das 157 matrículas formalizadas, 100 corresponden á ESO, 36 ao Bacharelato e 21 cursarán estudos nun cada vez máis recoñecido e solicitado ciclo de formación profesional. Ademais, un total de 15 alumnas e alumnos matriculados no programa CUALE da Xunta de Galicia, poderán obter titulación oficial da EOI asistindo a sesións semanais de inglés.

Este curso comezará para o alumnado de 1º de ESO cunha importante novidade: o uso de libros dixitais. No marco dun proxecto piloto da Consellería, dito alumnado será pioneiro nunha forma de aprendizaxe que en poucos anos será habitual nos centros educativos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario