O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

mércores, 29 de febreiro de 2012

Candea Bisiesta

Carlos Ferreiro. Compañeiras e compañeiros, e membros da Comunidade Educativa. Hoxe abrimos O Choupín cunha nova alegre, e moi agardada. Candea, a filla de o noso Ovidio e Laura, acaba de chegar ao mundo, e nun día bisiesto! As prediccións científicas, e outras pseudo-científicas como as das lúas, confluiron, e con total puntualidade, sobre a 1 da mañá, e con 3, 200 Kg. de peso. Tanto nai como filla se atopan perfectamente, aínda que cansos tras un longo parto, e a voz de Ovidio delataba unha fermosa mestura de cansanzo e emoción. Noraboa aos tres e todo o cariño do IES Carlos Casares.

Ratos no laboratorio

David Ponte. Desde onte, martes 28 de Febreiro, o IES Carlos Casares conta con 4 novos membros (que nun par de semanas serán algúns máis...); trátase de 2 parellas de Mus musculus ou ratos comúns. Durante as próximas 6 semanas acompañarannos no laboratorio de bioloxía e, cada parella criará unha camada de ratiños. O obxectivo desta actividade (proxecto "A Historia nunca contada de Mendel" da fundación Barrié) é observar dúas características herdables que se poden estudar desde o punto de vista da xenética mendeliana: cor de ollos e do pelame. Os alumnos que cursan xenética mendeliana ( 4º ESO, 1º BAC e 2º de BAC) serán os encargados de coidalos e facer un seguimento da experiencia.

Seguiremos informando...

martes, 28 de febreiro de 2012

Visita didáctica dos alumnos de 3º de ESO

David Ponte. A semana pasada (23 e 24 de Febreiro), os alumnos de 3º de ESO do IES Carlos Casares realizaron unha saída didáctica de dous días ás cidades de A Coruña e Santiago. O xoves ao amencer partimos cara a cidade da Torre de Hércules, onde visitamos os museos científicos coruñeses. A primerira parada foi no Aquarium Finisterrae; aquí, Gastón, unha quenlla de catro metros de lonxitude, e as focas erixíronse como o verdadeiro centro de atención do aquarium. O seguinte museo que visitamos foi a Domus onde, ademais de xantar, puidemos pasar un bo rato movendo unha bola coas nosas ondas cerebrais, cazando de mamuts a pelotazos ou tratando de superar ao mismísimo Ronaldo chutando a portería. A visita á Coruña rematou na Casa das Ciencias cunha fermosa proxección no planetario que mesturaba arte e astronomía. Pola tarde puxemos rumbo á Cidade da Cultura en Santiago para facer a última visita do día. Pasamos a noite no albergue do Monte do Gozo.
O venres comezamos o día cunha visita ao MUPEGA onde nos ensinaron como eran as escolas dos nosos avós. A mañá continuou cunha visita ao xornal "El Correo Gallego". A viaxe rematou cunha visita ás cubertas da Catedral de Santiago.
A excursión resultou ser unha gran experiencia para os nosos alumnos: visitas a museos, coñecer como se fai un periódico, fermosas vistas ao atardecer desde as cubertas da Catedral e a Cidade da Cultura... e, sobre todo, a "xornada de convivencia" que fixeron na noite do xoves con outros alumnos que se hospedaban no Monte do Gozo procedentes de Asturias e Portugal.

Curso de Formación de Mediadores e Mediadoras

Luis Fernández. A semana pasada rematamos un curso de formación do primeiro grupo de mediadores e mediadoras do Centro Residencial Docente de Ourense (CREDO), coñecida como Residencia da Universidade Laboral de Ourense, que é dirixida polo noso compañeiro e amigo Bernardino Pérez.
O grupo, dunhas dez persoas, estivo formado por profesorado, educadores, persoal non docente e alumnado residente que asistiron, durante cuatro semanas, ao curso que os prepara para a resolución pacífica de conflitos que poidan xurdir na residencia.
O curso foi impartido por Susana Fernández, Luis Felipe Crende, Carlos Ferreiro e Luis Fernández.  En próximas datas o equipo de mediación presentarase a toda a comunidade da residencia que aspira a ser un equipo dinamizador da convivencia.

sábado, 18 de febreiro de 2012

Recollida de alimentos

O IES carlos Casares colabora coa Asociación Galega de Solidaridade co Pobo Saharaui, recollendo alimentos de longa duración que axuden a atenuar as duras condicións de vida dos refuxiados nos campamentos da zona liberada do sahara, próxima a fronteira alxerina... Maite Isla e Ahmed Mojtar, que nos visitaron o venres pasado, comunicáronnos onte o seu agradecemento polo esforzo da nosa comunidade educativa.

Unha cousa non quita a outra

Carlos Ferreiro. O Entroido non impide que os exames se desenvolvan con normalidade no IES Carlos Casares. Como mostra, esta imaxe, pouco usual dunha aula... 3º de ESO, facendo a proba de Física e Química.

luns, 13 de febreiro de 2012

Conferencia sobre mediación escolar

Na tarde do 13 de febreiro o IES Carlos Casares de Viana impartiu unha conferencia sobre mediación escolar e educación para a convivencia, no salón de actos do Colexio Divino Maestro de Ourense, organizada pola Asociación de Pais e Nais dese centro educativo. Carmen Carballo, presidenta da ANPA do instituto cando comezou a andar a mediación en Viana, contou a importancia de que as familias se impliquen neste proceso. Luis Fernández, amosou un posible camiño para introducir esta forma de resolución pacífica de conflitos nun centro escolar.

O centro privado concertado Divino Maestro, que imparte primaria e secundaria, está a traballar activamente na convivencia e amosou o seu interese coa participación activa na charla do alumnado, profesorado, familias e o equipo directivo do centro.

O mellor é a prevención

No día de hoxe, 13 de febreiro, tivemos a presenza durante a tarde de Víctor e Fernando, membros da Garda Civil de A Rúa e O Barco de Valdeorras respectivamente, para impartir unhas charlas sobre “Os perigos no uso de Internet” para 1º e 2º de ESO, e “Prevención do consumo de drogas e alcohol”, paras 3º , 4º e familias. Víctor sensibilizou aos rapaces acerca dos perigos de estafas, chantaxes, e mesmo delitos contra a súa integridade física, se non se gardan unhas mínimas precaucións: non facilitar datos persoais,bancarios ou telefónicos, nunca quedar citado con estranos, etc. 



Fernando insistiu no seu turno na importancia das familias na prevención do consumo de alcohol e drogas, na que a Garda Civil e a Policía precisan do apoio do resto da sociedade, xa que a denuncia non é o único instrumento para rematar co problema. É necesario comprender o drama de saúde pública, conflictos familiares, accidentes de tráfico, que son consecuencia directa desa dependencia de substancias tó xicas. Ambos invitados deixaron aberta a posibilidade de repetir estas sesións para a gran maioría dos pais e nais, no mes de maio. Agradecemos, pois, como sempre a colaboración dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado co noso centro, cunha finalidade común de cambiar hábitos a través da educación.

sábado, 11 de febreiro de 2012

O pobo saharahuí en Viana

Carlos Ferreiro. Hoxe 10 de febreiro, acompañaronnos durante a mañá a Presidenta da Asociación Galega de Solidaridade co Pobo Saharauí, Maite Isla, e Ahmed Mojtar, Delegado en Galicia do Goberno da República Árabe Saharauí Democrática. Nunha charla dirixida ao alumnado de 4º da ESO e Bacharelato, Ahmed explicounos os desgrazados avatares do seu pobo, tras o abandono por parte de España en novembro de 1975, da que fora a provincia número 53 do noso territorio.

Théâtre Ourense

Betty Nieves. O alumnado de Francés de 3º E.S.O., 4º E.S.O. e 1º BACH foron o día 8 de febreiro a Ourense ver unha representación teatral titulada "Cyrano de Bergerac", íntegramente en lingua francesa.


xoves, 9 de febreiro de 2012

Ollando ao futuro

Abriu a III Semana da Orientación con intersantes conferencias e talleres prácticos

Ovidio Villar Marcos, Viana do Bolo. Vén de inaugurarse a III Semana da Orientación no IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense). Logo de dúas edicións desta cita xa consolidada, esta terceira edición contou coa presencia das universidades máis próximas a Viana, dos ciclos formativos máis demandados e de diversas opinións sobre a vida logo da etapa secundaria e o futuro, que non son senón froito da experiencia dos e das poñentes.

mércores, 8 de febreiro de 2012

Congreso de Voluntariado

O pasado fin de semana, no albergue de Quiroga (Lugo), tivo lugar o I Curso de Voluntariado, organizado polo IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Participaron unha decena de alumnos e alumnas do instituto implicados nos programas de colaboración coa biblioteca, cooperación con Bolivia e educación para o desenvolvemento, auditoría ambiental e mantemento do blogue. A sesión foi unha oportunidade para que todos e todas reflexionasen sobre as características mellores que debe ter un voluntario ou voluntaria e para repartir unha serie de tarefas no voluntariado do IES Carlos Casares, recoñecida como entidade de voluntariado pola Xunta de Galicia. A película "Cadena de favores" iniciou o fin de semana. 

Clic aquí para ver a galería de imaxes completa

O curso foi impartido por Judtih González Gamallo, educadora social e voluntaria do centro desde 2008, e polos profesores Carlos Ferreiro González, Federico Méndez Sanz e Luis Fernández López. O curso tiña sido preparado pola outra gran amiga voluntaria Ana María García Fernández, que esta vez non puido estar, e que lembramos cariñosamente na formación.

xoves, 2 de febreiro de 2012

Contratos Programa

O pasado 31 de xaneiro o director do centro, Luis Fernández, asinou en Ourense o contrato programa coa Consellería de Cultura e Educación, nun acto presidido polo consellerio Jesús Vázquez Abad. Este contrato asínase en base a un proxecto presentado no seu día polo IES Carlos Casares de Viana con dous obxectivos: atender ao alumnado con máis dificultades co programa PROA e atender ao alumnado con bos resultados académicos para acadar a excelencia, a través do programa Quero maís, que será desenvolvido por profesorado voluntario do instituto.

Maquetas en Tecnoloxía

José M. Pérez. Os alumnos de 3ºB están traballando no deseño e construcción dunhas maquetas que recollen os distintos tipos de presas que existen e que se atopan nas nosas proximidades. Xunto con esta actividade, a unidade didáctica abrangue a aproximación á enerxía hidroeléctrica e os seus aspectos e a visita concertada con Endesa, empresa colaboradora do noso instituto, ás instalacións de Pías-San Agustín.