O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

domingo, 13 de maio de 2012

Mediación en Fisterra

Carlos Ferreiro González, Vicedirector do IES Carlos Casares, tivo a oportunidade de compartir esta fin de semana do 11 e 12 de maio no IES Fin do Camiño de Fisterra (A Coruña), no II Encontro de Centros con Servizo de Mediación Escolar. Alí presentamos o noso traballo, A senda da convivencia no IES Carlos Casares. Na intervención destacamos o feito de que na nosa escola, o intento por mellorar a convivencia, se move en tres esferas ben diferenciadas: a convivencia no centro, mediante o equipo de mediación, no entorno, co grupo de voluntariado, e como facer un mundo mellor, coa educación para o desenvolvemento. Tamén lembramos que neste último ano estamos a insistir moito no aspecto da coeducación, e dicir, na prevención das diferencias e discriminación por razón de xénero no colexio.

As xornadas foron especialmente productivas, coa aportación de compañeiras e compañeiros de Galicia, e mesmo doutras áreas do estado, plasmados na presenza do IES Portada Alta, de Málaga, que gañou o I Premio Nacional de Boas Prácticas Educativas en 2006, cando o noso centro resultou segundo clasificado. Os asistentes louvaron o papel pioneiro do IES Carlos Casares na Mediación en Galicia.

Quixeramos, ademáis, destacar unha serie de ideas chave das sesións: Jose Antonio Binaburo, Coordinador do Equipo de Valores da Delegación Provincial de Educación de Málaga, fixo tres reflexións que semellan fundamentais á hora de resolver os problemas de convivencia na aula.
1º A sanción debe ser unha opción extraordinaria, e sempre a última vía.
2º A sanción só ten sentido cando beneficia de xeito material ou moral concreto á parte danada.
3º A peor solución a un conflito é mirar para outro lado. Nese caso, é preferible a sanción.




Pechou o encontro María del Carmen Boqué, probablemente unha das voces máis autorizadas do país no terreo da mediación. Para ela, mediación é un proceso que busca acordos de máximos, que van máis aló da normativa do centro. Pódese expulsar varios días a unha alumna ou alumno, pero esa sanción non vai garantir nin obrigar a unha reincorporación cunha actitude proactiva, máis  ben ao contrario. Ese logro só o pode asegurar un bo acordo de mediación, reflexionado e analizado desde a responsabilidade individual. Boqué insiste ademais na importancia dos líderes positivos e que nenas e nenos deben poñerse obstáculos e correr riscos. As prohibicións nun centro (no uso de redes sociais, acotando tempos de ocio nas saídas) ou as normas moi estritas, impiden o desenvolvemento educativo e persoal.

Por último é de xustiza felicitar a Javier García Barreiro, director do IES Fin do Camiño, pola excelente organización e o clima de amizade e ledicia que logrou entre alumnado e profesorado, nestes dous días, incluindo a máxica visita amenizada coa música de gaitas e pandeiretas, ollando o solpor desde o Faro de Fisterra. Noraboa, Javier...

Ningún comentario:

Publicar un comentario