A profesora de educación para a cidadanía e coordinadora de mediación,
Susana Fernández Vázquez, e o director do instituto, Luis Fernández
López, veñen de participar no V Seminario "Educar para unha cidadanía
global", organizado pola Rede de educadores e educadoras para unha
cidadanía global. O encontro tivo lugar os días 6, 7 e 8 de xullo, no
centro Santa María, da Institución Teresiana, en Los Negrales (Madrid). A
actividade foi organizada pola ONG Intermon-Oxfam.
O instituto de Viana, proposto polo Seminario galego de educación
para a paz, participou no bloque da actividade "Centros educativos
transformadores", nun obradoiro que compartimos co CP Ramón Bajo de
Vitoria- Gasteiz. O IES Carlos Casares compartiu a súas estratexias
favorecedoras da participación activa do alumnado, como camiño a
conseguir unha sociedade cunha participación máis activa e implicada. A
mediación escolar, o voluntariado, a cooperación con Bolivia, a
auditoría ambiental e o apoio do alumnado á biblioteca son as formas que
utilizamos para traballar cara unha cidadanía activa.
Tamén se levou a Madrid a proposta de introducir a participación
dentro do currículo en 1º e 2º de ESO, de xeito que a totalidade do
alumnado teña unha experiencia de participación activa, que sexa
avaliada, antes de saír da escolarización obrigatoria. Esta idea tense
pensado implementar no curso 2012-13.
Ningún comentario:
Publicar un comentario