O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

mércores, 20 de marzo de 2013

Viaxe Tecnoloxía 2013

O pasado día 18 de marzo tivemos a ocasión, un ano máis, de achegarnos ás instalacións de xeneración hidroeléctrica de Endesa existentes en Viana do Bolo. Os profesores e alumnos visitantes, e o noso centro ao completo, queremos agradecer desde O Choupín a xenerosidade de Endesa connosco. Esta visita ten lugar dentro do marco do convenio de colaboración entre Endesa e o IES Carlos Casares, que remata este ano 2013. Tanto o noso instituto como os representantes de Endesa da zona e da UPH Noroeste de España temos a intención de seguir colaborando, a poder ser dentro dun novo convenio que será proposto en breve desde o instituto á Fundación Endesa, iniciativa que conta co respaldo de toda a xente de Endesa que leva colaborando con nós todo este tempo.
Clic aquí para ver a galería de imaxes completa
Asistiron á saída didáctica os alumnos de 2º e 3º de ESO, acompañados polos profesores Luis Crende, Carlos Ferreiro e José María Pérez. Comezamos introducíndonos co autobús dentro da montaña onde se atopa a Central de San Agustín, nunha caverna uns 300 metros por debaixo da vila de San Agustín, que lle dá o nome á central. Alí, divididos en grupos, asistimos ás explicacións que cada representante de Endesa nos daba acerca do funcionamento da central: a operación da ponte grúa, os paneis de control de temperaturas de fluídos, os esquemas eléctrico e neumático, a marcha de turbina e válvula distribuidora, o papel da válvula de descarga ou compensatoria, a problemática do funcionamento dos alternadores, etc. Puidemos vivir a experiencia de estar dentro dunha central que estaba funcionando, baixando e subindo carga, turbinando ata 21.000 litros de auga (procedente da presa de Pías) por segundo e con todos os relés e mandos automáticos controlando cada parámetro da central.
Por razóns de tempo e seguridade en vez de subir por escaleiras os 250 metros de desnivel para chegar ás oficinas e parque de transformadores montamos no autobús e saímos do interior da terra para chegar ao noso seguinte destino. Primeiro demos unha volta polo parque de transformación, onde nos aprenderon acerca da función dos transformadores e das liñas de tendido eléctrico presentes no Parque de San Agustín, coas tensións respectivas. Dentro xa das oficinas, asistimos á proxección de varios videos que nos tiñan preparados, sobre a enerxía hidroeléctrica, eólica, térmica nuclear, térmica de carbón e térmica de ciclo combinado. Puidemos coñecer tamén unha parte do proxecto de fin de carreira que fixo un ex alumno do IES Carlos Casares, neste momento facendo prácticas con Endesa.
Ernesto Marra, responsable de Endesa na zona de Viana, propuxo adiantar o xantar (previsto inicialmente en San Sebastián) e que tivera lugar nos comedores que a empresa ten no parque de transformación, proposta recibida con vítores e aplausos. Despois de comer o que nos prepararon as cociñeiras do instituto (a quen tamén lles agradecemos a súa aportación) saímos cara a presa de Pías que encora a auga do Bibei, que separa Zamora de Ourense neste lugar. Primeiro ilustráronnos cunha explicación da presa: localización da toma da galería de presión, situación e función dos aliviadeiros e peculiaridades constructivas da presa en si. Despois metémonos dentro da presa por unha galería e descendemos por escaleiras máis de 50 metros para introducirnos na galería que pasa baixo terra de Ourense a Zamora e camiñamos pola galería encargada de drenar e controlar toda a auga que a presa, de terra e escollera, filtra e evacúa ao exterior.
De novo collemos o autobús, para chegar ao último fito: a central de San Sebastián, sita no concello de Viana do Bolo e moi próxima á vila de Pradorramisquedo. O patrón desta vila vianesa é San Sebatián, dándolle nome á central e á presa que encora a auga. A central  aproveita a auga encorada no embalse de San Sebastián, que fai cola na vila de Porto, para xenerar electricidade. Aquí xa chegamos con máis bagaxe, xa que os grupos de xeneración e a operación da central é moi similar á de San Agustín. Observamos que é máis pequena e a xeneración eléctrica posible é menor, xa que os dous grupos existentes admiten menos caudal que San Agustín e, sobre todo, o salto ou desnivel entre a auga encorada e a situación das turbinas e moito maior en San Agustín que en San Sebastián.
Despedímonos dos membros de Endesa agradecendo o seu esforzo o compromiso e desexando repetir, collendo o bus de volta e disfrutando das belas paisaxes que a nosa bisbarra ofrece.

Ningún comentario:

Publicar un comentario