O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

xoves, 29 de outubro de 2015

Con Binta e a gran idea

O pasado mércores 21 de outubro o grupo de 1º ESO deste centro estivo traballando coa curtometraxe Binta e a grande idea. Trátase dunha curtometraxe gravada no Senegal pola fundación Tus Ojos, dirixida, entre outros, por Javier Fesser (si, si, o de Mortadelo e Filemón) e que forma parte da película En el mundo, a cada rato. A pesares de estar en diola e francés, con subtítulos en español, tódolas rapazas e rapaces deste grupo seguiron con moita atención o que nela acontecía.  Puideron ver as historias paralelas de Soda, a curmá de Binta, a quen seu pai non deixa ir á escola e do pai de Binta na súa peregrinación polas distintas instancias do poder no Senegal para intentar levar a cabo a súa grande idea… queredes saber cal é esta idea e como remata a historia de Soda? Tedes a curtametraxe á vosa disposición na biblioteca do centro e na web da fundación Tus Ojos (http://www.tusojos.es).



Seguindo co traballo, o luns 26 de outubro este mesmo grupo realizou unha nube de palabras na que se reflicte o que sentiu este grupo de rapaces ao ver Binta. Aquí a tedes:


xoves, 22 de outubro de 2015

Visita de La Robla, segundo día

Nesta xeira do xoves 22 o grupo de La Robla e Viana tivo o pracer de compartir unha visita matinal a pranta embotelladora de Aguas Cabreiroa en Verín e ao casco antiguo da vila.

En Cabreiroa vimos o manantial orixinal que en 1906 recibiu o recoñecemento de utilidad pública e sanitaria, nada menos que do Premio Nobel Santiago Ramón y Cajal. Tamen nos explicaron o proceso de industrialización e venda e dimos un paseo polos fermosos e amplos xardins. Xa tras a comida, diriximonos a Vila portuguesa de Chaves onde visitamos o Museo Militar e o Arqueoloxico. Ali, o guía, con toda amabilidade e craridade fixo unha breve conexión cultural da etapa castrexa e romana que une aos pobos do noroeste da Península... Tras una gymkana fotográfica e de investigación e un paseo por Chaves, retornamos a terras vianesas.

mércores, 21 de outubro de 2015

Benvidos

Acaba de comezar a segunda experiencia de intercambio entre alumnado e profesorado IES Ramiro II - IES Carlos Casares, no marco do proxecto 2015dixital.es (agrupación de centros, MECD). Acaba de chegar de La Robla (León) un grupo de 15 alumnos e 2 profesores que, durante 3 días, se incorporarán ao quefacer diario do noso insitituto e realizarán diferentes saídas culturais acompañados dos seus homólogos vianeses no proxecto.



Nas imaxes, podemos ver ao grupo integrado por participantes de ambos centros na renovada aula de Informática 1, que agora dispón de 24 postos individuais con terminal e 16 postos extra con visión directa á pizarra dixital. Esta ampliación foi outra das posibilidades que se executaron ao abeiro de dito programa.

Un espazo que convida a ler

Podedes visitar a nosa biblioteca, estará encantada de ofrecervos aquel libro, cómic, filme... que sempre quixestes desfrutar...


Obradoiro con Rosendo Cid

Outro ano o MAC (Museo de Arte Contemporáneo da Coruña) nos volveu dar a oportunidade de traballar directamente cun artista convidado, volvendo recibir no noso centro a Rosendo Cid en dous obradoiros con 1º e 3º de ESO. Grazas por esta iniciativa!


Primeiro taller de cooperación con AGARESO

Esta tarde, os compañeiros María Lobo e Roi Guitián, de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) desprazáronse ata Viana do Bolo dende Vigo para impartir o primeiro obradoiro dunha serie de actividades sobre Eduacación para o Desenvolvemento que esta ONG traballará ao longo do curso 2015-16 co alumnado do noso centro, concretamente de 1º e 2º de ESO.


Esta primeira actividade centrouse no uso correcto e responsable da linguaxe no ámbito xornalístico, especialmente na idea de evitar os prexuízos, os termos pexorativos que exclúan a unha etnia, nacionalidade ou grupo social, e resaltaron a necesidade de buscar sempre a obxectividade e o respecto ás persoas por riba do sensacionalismo.

Este proxecto, pioneiro en Galicia, fórmano cinco institutos galegos: Viana do Bolo, Navia de Suarna, A Sangriña (A Guarda), A Cachada (Boiro) e Milladoiro (Santiago), e un centro de secundaria de El Salvador. A vindeira sesión terá lugar o luns 16 de novembro. Estaremos encantados de recibir de novo a María e Roi.

domingo, 18 de outubro de 2015

Grupo de Biblioteca!

Queda constituído o grupo de Voluntariado de Biblioteca para este curso. Aquí está a foto que o acredita...


Mediando...

Hoxe aparece en La Voz de Galicia e noutros medios unha reportaxe sobre o pulo dado á mediación dende o noso IES como medio de prevención e resolución de conflitos.


Máis información:

http://newscaster.ikuna.com/596_galicia/3393005_la-cultura-de-paz-ideada-por-un-pedagogo-gallego-irrumpe-en-america-latina.html

http://ecodiario.eleconomista.es/desastres-naturales/noticias/7065386/10/15/La-cultura-de-paz-ideada-por-un-pedagogo-gallego-irrumpe-en-America-Latina.html

Concurso de Ortografía

A semana pasada, María Obes representou ao IES Carlos Casares no XVI Concurso Hispanoamericano de Ortografía, celebrado no IES de Fontiñas, en Santiago de Compostela. Acompañada polos seus compañeiros de aula e finalistas na fase de centro Daniel e Noelia, desfrutou dunha experiencia moi enriquecedora.


sábado, 10 de outubro de 2015

Arsénico... por compaixón

O. Villar | Esta foi a obra de teatro que representou a finais do curso pasado o grupo de teatro Talía, do IES Carlos Casares. Meses de ensaio, nervios entre cortinaxes, aperitivos de última hora, emocións a flor de pel, sensibilidade, ambientazo nos camerinos... produciron esta orixinal historia ideada por Joseph Kesselring.


Parte 1
(Vídeo: J. Fouz)

Parte 2
(Vídeo: J. Fouz)

mércores, 7 de outubro de 2015

O Sillón Azul

Estreamos novo blog, desta vez adicado a todas aquelas actividades promovidas e realizadas directamente dende a Biblioteca do centro. O seu enderezo web é un guiño a Casares ao tempo que invita a sentarse e desfrutar dunha lectura cómoda e pracenteira...

Máis en http://osillonazul.blogspot.com.es/

Este blog aparece tamén agregado en "Blogs amigos" desta Revista...

domingo, 4 de outubro de 2015

Xornadas coa AECID

Durante o 1 e o 2 de outubro, os profesores do noso centro Uxia Bermúdez, Monserrat Ulloa, Luis Crende e Carlos Ferreiro, participaron nas Jornadas de Formación del Año Europeo para el Desarrollo, que a través do lema: "Nuestro mundo, nuestra dignidad, nuestro futuro" e amparado e promovido pola UE e a Cooperación Española, tiveron lugar na sede da AECID.


O proxecto xirará en torno ao uso do cine como valor didáctico e pedagóxico e será posto en práctica con probabilidade en 1º de ESO. O alumnado traballará contidos de igualdade de xénero, solidariedade e dereito á educación por medio de varias curtametraxes, especialmente Binta e a grande idea (Javier Fesser, 2004). En vindeiras semanas, expertos da Fundación Tus ojos impartirán duas sesións de cine na aula, e finalmente, do 17 ao 19 de decembro, existe a intención de celebrar un encontro final en Guadarrama, onde alumnado e profesorado vianés compartirá experiencias con compañeir@s do IES Terra de Trasancos de Narón, o IES Pablo Picasso de Málaga e o IES Los Realejos de Tenerife. Agradecemos, como sempre á AECID o trato inmellorable e a oportunidade de profundizar na educación para o desenvolvemento.

xoves, 1 de outubro de 2015

Avaliación cero

Este martes 29 de setembro tivo lugar no IES Carlos Casares a Avaliación Inicial en Competencias. Esta proba, que se realiza anualmente a todos os grupos da ESO, é un punto de partida para o curso que comeza e permite analizar o crecemento persoal e a nivel formativo do noso alumnado. No caso da avaliación de 1º de ESO, contamos con compañeiras e compañeiros do CEIP Bibei (Viana do Bolo) e do CEIP San Martiño (Vilariño de Conso), a quen agradecemos a súa presenza nesta cita.