O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

martes, 20 de abril de 2010

Un gol pola educación

O pasado luns 19 de abril dende o IES Carlos Casares de Viana do Bolo unímonos á campaña mundial "Un gol pola educación". Logo de lembrar que económicamente non é imposible, nin moito menos, conseguir que o proceso de escolarización chegue a cada recuncho do planeta, desfrutamos da poesía de Gabriel Celaya e participamos (ben no campo, ben arredor del) nun partido de fútbol amistoso que reuniu, unha vez máis, a todos os ámbitos da comunidade educativa. 

Podes ver máis opinións nos seguintes medios:

O seguinte video é o editado no canal de Youtube do diario ourensán La Región (Valdeorras)

luns, 29 de marzo de 2010

Alto aos accidentes

O pasado venres tivemos a oportunidade de conversar con Sinda Aguiar, responsable de Educación Vial, e David Llorente, Xefe Provincial de Tráfico, nunha animosa charla que foi dende as novas licenzas e permisos de circulación e conducción ata o grave risco de accidente que temos se econducimos baixo os efectos do alcol. Tamén puidemos ver como ao longo dos anos foron evolucionando as campañas de prevención (casco, cinto, non alcol...) na estrada: dende as primeiras, dos anos 60 e 70, "inxénuas" en certo modo, ata as máis impactantes e realistas dos últimos anos.

martes, 23 de marzo de 2010

Entrevista a Eduardo García-Rodeja, catedrático de Edafoloxía en Santiago

A composición ideal do solo non existe

- ¿Qué é a edafoloxía?

- A edafoloxía é unha rama da ciencia que estuda a composición e natureza do solo e a súa relación coas plantas e o entorno que as rodea. Podemos encontrar dentro da edafoloxía unha relación entre esta, a física e a química.

-¿Qué tivo que estudar para chegar a ser catedrático do departamento de edafoloxía e química da U.S.C ?

- Primeiro saquei o graduado escolar e o bacharelato, despois entrei na universidade, estudei bioloxía, e comezo a facer unha tese mentres facía a tese, exercín como profesor axudante ata que mais adiante xa exercín como profesor.

- ¿Como podemos diferenciar uns solos doutros?

- Os solos cambian moito dun lugar a outro, presentan diferenzas na súa composición química e a súa estrutura física, ademais os diferentes tipos de solo están determinados polo tipo de material xeolóxico do que se orixinan, pola súa parte vexetal e pola cantidade de tempo en que actuou a meteorización.

luns, 15 de marzo de 2010

Fallado o primeiro certame de Contos Matemáticos IES Carlos Casares

Ducias e ducias de contos. E todos interesantes. Difícil elección. O Departamento de Matemáticas do IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) proclama gañador deste certame de Contos Matemáticos IES Carlos Casares a Pablo Alfonso Sánchez, de 1º ESO, polo seu orixinal e ben elaborado conto "O secuestro do número 4", que podedes ler a continuación. Parabéns, Pablo!

O SECUESTRO DO NUMERO 4

Un día calquera, nun lugar calquera, estaban a discutir os números e as letras, para ver quen era máis importante; non se daban posto de acordo e quedaron así.

luns, 8 de marzo de 2010

Carolina non sabe

Carolina non sabe cándo é o día dos dereitos humanos, nin o día mundial sen tabaco; nin o día internacional da paz; nin o día da bicicleta; nin o do xurelo de Cambados ou o do pemento de Padrón, ela non está ó tanto destas celebracións tan sinaladas do calendario. Sen embargo ela si sabe, cando o neno máis pequeno ten clase de ximnasia e lle ten que ter preparado o chándal, ou cando o maior quere saír de marcha e precisa sempre aquela camisa negra que nunca está ben pasada.

martes, 2 de marzo de 2010

VI Concurso de Fotografía Matemática

Fíxose esperar pero xa está aquí. Arranca a sexta edición deste certame, organizado polo Departamento de Matemáticas do IES Carlos Casares, que dende hai anos trata de unir dúas afeccións que no fondo non son tan diferentes (máis ben complementarias): a fotografía e a matemática. ¡Anímate a presentarte! Envía as túas fotos con título (o nome da foto) e os teus datos (no asunto ou na mensaxe) antes do 30 de abril de 2010. Poderás gañar un destes fantáticos premios: 1º CAMARA DIXITAL, 2º MARCO DIXITAL, 3º MEMORIA USB. Os traballos premiados serán publicados nesta revista. Fai clic na imaxe da dereita para ver ampliado o cartel do sexto certame.

sábado, 27 de febreiro de 2010

Celebración do Día da Paz

O pasado 29 de xaneiro o alumnos e profesores do Equipo de Mediación Escolar do noso instituto distribuímonos por aulas para iniciar a celebración do Día da Paz. En cada aula realizáronse pequenos obradoiros relacionados non soamente coa mediación, senón que se traraton outros temas de interese como os estilos de comunicación. Ao longo da mañá tamén se entregaron os diplomas correspondentes ás dúas últimas promocións de mediadores. Pechou o acto a lectura musicada dun fermoso poema de Estela, creado nun dos obradoiros de poesía celebrados recentemente no centro. Resume dun minuto neste video.


Ovidio.

mércores, 24 de febreiro de 2010

Retos de cara ó futuro: igualdade de xénero

O vindeiro luns, 1 de marzo, ás 18:15 horas , na Aula Magna "Xesús R. Jares" terá lugar a conferencia: "Cara unha sociedade en igualdade de xénero. Un reto para quen nos toca educar". Será impartida por Paz Cainzos Rodríguez, socióloga e experta en xénero e desenvolvemento. A actividade, que durará aproximadamente unha hora e media, vai dirixida específicamente ao profesorado do instituto e os pais e nais de alumnos/as que tamén están convocados. Ademais, a actividade está aberta ao público interesado. A actividade está organizada pola ONG InterRed e financada pola AECID, dentro da campaña "Móvete pola igualdade. É de xustiza". Ese mesmo día desenvolverán actividades con todo o alumnado do centro, como a actividade do Día da Muller, e tratando unha cuestión de importante impacto educativo nesta bisbarra.

luns, 15 de febreiro de 2010

Exitosa conferencia de Sebastián Álvaro

O pasado venres, Sebastián Álvaro, director do mítico programa de televisión "Al filo de lo imposible", soubo meterse no peto ao público dunha ateigada Aula Magna Xesús R. Jares, no IES Carlos Casares de Viana. Narracións impecables, imaxes impactantes e unha xenial música de fondo provocaron a continuada atención, durante case hora e media, dunha morea de rapaces de Viana do Bolo, A Veiga, Vilariño de Conso e A Gudiña. Ademais de dar resposta a todas as preguntas do público, este intrépido aventureiro soubo satisfacer tamén a curiosidade de moitos rapaces e rapazas que, ao finalizar o acto, se achegaron a coñecer persoalmente ao conferenciante. A carón destas liñas, vemos a un grupo de rapaces de bacharelato conversando animadamente con el. Francamente xenial.