O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

sábado, 26 de marzo de 2011

Cando o cinema viaxa ás aulas

Momento dunha ponencia
Carlos Ferreiro, Santiago de Compostela. 29 alumnos e alumnas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do noso centro, acompañados polos profesores Luis Fernández, Bieito Seivane e Carlos Ferreiro, desfrutaron da I Convocatoria "El cine español va a las aulas", destinado á promoción do cine español e a súa aplicación didáctica no ensino. Os estudantes, acompañados por compañeiros dos IES Pontepedriña e Sar de Santiago de Compostela, visionaron entre o xoves 24 e o venres 25 de marzo, no Parque Vista Alegre compostelán, tres filmes, vencellados entre sí pola temática da evolución do concepto de familia. Os filmes escollidos foron Surcos (José Antonio Nieves Conde, 1950), Flores de otro mundo (Iciar Bollaín, 1999) e Tres dias con la familia (Mar Coll, 2009). Pola súa parte o profesorado tivo a ocasión de asistir a un pase privado de preestreno do filme francés Cartas a Dios, que chegará ás salas comerciais o vindeiro 15 de abril.

Alumnado do IES Carlos Casares

A acollida e participación das alumnas e alumnos foi máis que positiva, e a nosa viaxe a Santiago completouse cunha visita á Catedral e un repaso ás diferencias entre arte barroca e románica na área monumental da capital galega.

venres, 25 de marzo de 2011

Bailes durante o Entroido na Gudiña

Ilda Luaces Torre, A Gudiña. Os compañeiros do CPI Laureano Prieto realizaron, o pasado xoves de Comadres, un folión escolar que percorreu as rúas ata a Praza Maior da Gudiña. Unha vez alí, representaron uns bailes que pode que a algúns lles resulten familiares: unha danza renacentista o grupo de 3º da ESO, e un baile popular de Cuzco os rapaces de 2º da ESO. Podedes ver os vídeos no seguinte enlace:

http://www.edu.xunta.es/centros/cpilaureanoprieto/node/198

Bailes o Xoves de Comadres

xoves, 24 de marzo de 2011

Maquetas celtas

José M. Pérez, Viana do Bolo. Os alumnos de 3º A están a realizar un proxecto na materia de tecnoloxía onde tratan de simular nunha maqueta as construccións típicas dos celtas nos asentamentos presentes na nosa bisbarra. O proxecto inclúe a elaboración dos documentos básicos e o estudo dos materiais que se usaban, así como as súas propiedades e aplicacións. O traballo está dividido en tres grupos: Jénnifer Martínez, Jéssica Muriel e Andrea Pérez; Roberto Blanco e Jonathan Vega; e José Manuel Martínez, Brais Seoane e Alejandro Villasante.

Traballando na aula de Tecnoloxía

mércores, 23 de marzo de 2011

Teatro en Lugo

Noelia Meléndez García, Lugo. O mércores 16 de marzo estivemos en Lugo de excursión. No autubús, fomos cun instituto de Verín. Ao chegar a Lugo fomos ao museo "Porta Miñá". Alí vimos figuras antigas que xa estaban case rotas. Había esqueletes, cerámicas, mosaicos, etc. Despois fomos ao "Centro de Interpretación da Muralla de Lugo". Alí vimos tres vídeos de como se construiu a muralla. Había figuras expostas e paneis que explicaban a construción e conservación da muralla. Cando saímos deste sitio fomos  comer ao Centro Comercial As Termas.  Alí comemos e mercamos algunha cousa para nós. Ao saír do centro comercial acudimos á representación dunha obra de teatro que se chamaba: Miles Gloriosus. Como era unha comedia era moi divertida. Ao acabar a obra montámonos no autobús e viñemos para a casa pero antes deixamos aos outros rapaces en Verín.


Visitounos Anxo Fariña

Laura Martínez Rodríguez, Viana do Bolo. O pasado xoves 18 de marzo os alumnos e alumnas de primeiro e segundo da ESO fomos ao Salón de actos a ver un escritor moi famoso, un escritor que escribiu moitos libros: Anxo Fariña. Todos o pasamos moi ben vendo como debuxaba e como nós tamén debuxabamos con el. A profesora Liliana díxonos a todos os alumnos que trouxesemos o libro de "Os megatoxos", para ver os personaxes e comprobar como era el o que os debuxaba. Pasámolo moi ben e divertímonos moito co debuxante.

martes, 22 de marzo de 2011

Quérote +

Carlos Ferreiro, Viana do Bolo. Para completar esta mañá do 22 de marzo, repleta de actividades, Laura López, representante do centro Quérote + de Ourense, impartiu un obradoiro de Educación Afectivo-Sexual para o alumnado de 3º da ESO, como xa ven sendo unha constante nos últimos anos. Rapaces e rapazas puideron facer preguntas de xeito anónimo, debater aspectos acerca da relación entre amor, sexualidade, relacións de amizade, saúde, etc. A charla forma parte fundamental do programa curricular de Bioloxía do curso.

Obradoiro para a prevención da violencia de xénero

Carlos Ferreiro, Viana do Bolo. Hoxe, 22 de marzo,  tivemos ocasión de recibir no noso centro aos profesores Larry José Madrigal e Walberto Tejeda, procedentes do Centro de Estudios Bartolomé de las Casas, de San Salvador (El Salvador). Estes dous expertos en pedagoxía, convidados pola ONG Inter-Ed, impartiron un obradoiro destinado a  alumnado de 1º da ESO baixo o título "Sensibilización para a prevención da violencia de xénero". Aproveitaron tamén para felicitar aos participantes nas obras de teatro do pasado venres pola súa aportación nesta loita para erradicar a lacra social que supoñen os ataques contra as mulleres. Larry e Walberto repetirán este obradoiro mañá para o grupo de 3º da ESO, e trerán unha breve charla co alumnado de 1º de Bacharelato, sobre a súa labor en defensa da coeducación en terras salvadoreñas.

domingo, 20 de marzo de 2011

Conmemoración do Día da Muller

Luis Fernández López, Viana do Bolo. O venres 18 de marzo de 2011 o teatro volveu encher a Aula Magna "Xesús R. Jares" do IES Carlos Casares. Está vez, o alumnado do proxecto interdisciplinar de 1º de ESO, coordinado por un equipo de profesorado encabezado por Mª Carmen Varela, conmemorou o Día da Muller, que este ano nos colleu en entroido.

clic aquí para ver máis fotos

Tres grupos de alumnado traballaron o conto "Muller de Papel". Coa axuda da profesora realizaron o guión, decidiron a música e vestuario e levárono a escea. Foron tres formas de representar a denuncia social da discriminación por razón de xénero.

O xurado, formado por familias, alumnado e profesorado, destacou a creatividade, esforzo, constancia e espirito de traballos deste grupo de guionistas, actores e actrices, de tan só 12 anos. Noraboa.

mércores, 16 de marzo de 2011

Semana da prensa

Ámbito Científico 3º A, IES. Con motivo da semana da prensa, a biblioteca do noso IES está repleta de xornais de diferentes países. Nós aproveitamos esta diversidade de prensa para realizar o comentario dunha noticia relacionada co ámbito científico-tecnolóxico.

luns, 14 de marzo de 2011

Expometeoro

Ovidio Villar Marcos, Viana do Bolo. Expometeoro é o nome da exposición sobre climatoloxía que se pode ver na Aula Magna "Xesús R. Jares" ata o próximo xoves. Tempo e clima? Calor e temperatura? Clima mediterráneo ou oceánico? Onde "viven" os satélites? A todas estas e a máis preguntas poderedes dar resposta.

Na imaxe, o alumnado de 3º A visitando a exposición e realizando un traballo sobre climatoloxía

Para visitar esta exposición poñédevos en contacto cos profesores do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía Jesús Rodríguez ou Luis Calvo. Lembrade, ata o próximo xoves.

mércores, 9 de marzo de 2011

La fase lunar no influye en el número de nacimientos humanos

Adrián Ortega, Pablo Sánchez, Luis Fernández, Zaragoza. Adrián Ortega Fernández, de Viana do Bolo, y Pablo Sánchez González de A Veiga, ambos alumnos de 2º de Bachillerato del IES Carlos Casares de Viana, han presentado hoy en Zaragoza, un trabajo de investigación sobre la influencia que ha tenido el ciclo lunar en 1392 nacimientos que han estudiado durante dos años.

(Clic aquí para ver galería fotográfica)
El trabajo de investigación ha sido seleccionado para ser presentado en la vigésimo cuarta edición del certamen nacional Don Bosco a la investigación e innovación tecnológica. Este foro seleccionó 60 experimentos de ciencias básicas o aplicaciones tecnológicas de España y, en esta convocatoria, Eslovenia e Italia. Los trabajos que llegan al encuentro internacional son seleccionados por su rigor científico y porque aporten algo nuevo desde el punto de vista tecnológico o del saber humano, entre investigaciones realizadas por jóvenes investigadores menores de 26 años. El encuentro de jóvenes investigadores cuenta con el apoyo del Ministerio de Educación, Ministerio de Defensa y de los gobiernos autónomos de Aragón, Madrid, Castilla y León, La Rioja y Valencia y se ha desarrollado en la capital aragonesa los días 8 y 9 de marzo de 2011.

sábado, 5 de marzo de 2011

Cen anos de entroido

Carlos Ferreiro González, Viana do Bolo. Neste venres de comadres, 4 de marzo, tivemos a fortuna de recibir no noso Instituto a Óscar López Mendaña e a Carlos X. Ares Pérez, estudiosos do Entroido vianés, e que levan xa anos difundindo os valores das nosas tradicións por diversos lugares da xeografía do país. Desenvolveron para todo o alumnado do centro, e para os veciños vianeses que o desexaron, en dúas sesións, unha conferencia-obradoiro titulada "Cen anos do Entroido de Viana: personaxes, tradicións, gastronomía". Gran parte do público acudiu disfrazado, como aconsella a data.



A través dun audiovisual e dos seus comentarios reflexionaron sobre a evolución social do último século, e de como personaxes tradicionais do Entroido vianés, como o propio Intrudio, se foron perdendo. Mesmo o espíritu do Domingo Gordo foi mudando: de ser unha festa familiar na que os homes escondían os enseres da cociña ás mulleres para roubar a comida, pasouse hoxe a unha festa gastronómica multitudinaria. Carlos e Óscar lembraron aqueles tempos pasados e incidiron na importancia de coñecer o noso patrimonio inmaterial e recuperar algunhas desas vellas tradicións. Graciñas a ambos por esta fermosa xornada de venres de comadres.

martes, 1 de marzo de 2011

Un século de historia

IES Carlos Casares, Dirección. Non podedes perder esta oportunidade de valorar este grande fenómeno sociocultural ao longo do tempo.