O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

sábado, 9 de xuño de 2012

O Carlos Casares volve gañar o Luis Freire logo de dez anos

Científicos e científicas por un día, e para toda a vida

amplía a noticia | galería de imaxes | parabéns do Conselleiro

Luis Fernández - Ovidio Villar | Na mañá de hoxe presentáronse os cinco grupos finalistas do Premio Luis Freire de Investigación Científica para Escolares, promovido por Museos Científicos Coruñeses (mc²). Dos cinco grupos, dous do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, un do CPI de Folgoso do Caurel e dous do colexio Obradoiro da Coruña, foi o formado por Alicia, Daniel e Lucía o que obtivo o primeiro premio, cun interesante e ben estruturado traballo sobre a influenza dos incendios na desertización do chan. Formou tamén parte deste proxecto Marcos, ausente na final. Todos e todas cursan 3º de ESO en Viana do Bolo. Celebrarán este galardón durante a súa viaxe ao xacemento de Atapuerca (Burgos).

De esquerda a dereita: Alicia, Daniel, Luis e Lucía. Ao fondo a Torre de Hércules.



O grupo integrado por Damián, Marta, Paula e Víctor, tamén de 3º de ESO, obtivo o cuarto premio polo seu detallado estudo sobre a influenza da música ou o silencio na memoria humana. Ambos traballos foron coordinados por Luis Fernández, profesor de Bioloxía e Xeoloxía do instituto vianés, quen tamén coordinou o outro traballo gañador en 2002, no que Jorge López pescudou sobre por que non colle mofo o pan bendito no santuario do Pai Eterno en Humoso (Viana do Bolo).

A expedición vianesa, feliz, na aula Leonardo da Vinci.

Este certame de ciencia para escolares é unha marabillosa oportunidade para traballar na aula por proxectos, integrando nun so traballo as oito competencias básicas e diversos contidos de diferentes áreas. É tamén unha excelente ocasión para que esperte a científica ou o científico que levamos dentro, tanto para realizar o experimento como para comunicalo ao mundo, dando resposta a aquelas preguntas que poidan xurdir. Parabéns a todas e todos os premiados polos seus traballos e á organización do certame por continuar a traballar para manter punteiro un concurso coma este.

Memoria 1º premio
Memoria 4º premio

Ningún comentario:

Publicar un comentario